Día Internacional dos Arquivos 2015

O vindeiro día 9 de xuño conmemórase a creación do Consello Internacional de Arquivos (ICA) pola UNESCO en 1948. Un ano máis, a Real Academia Galega súmase á celebración desta efeméride.
Manuscrito Presenza de Salvador García Bodaño
Fragmento do manuscrito "Presenza", de Salvador García-Bodaño


Os arquivos están formados por documentos creados, recibidos ou conservados por unha organización ou unha persoa. Deste xeito, calquera empresa, asociación, institución, familia ou organización pode crear o seu propio arquivo no que reflectir a súa actividade.

Historicamente a Academia foi creando e acrecentando os seus fondos grazas á xenerosidade dos seus membros e tamén á de sinalados persoeiros da vida cultural galega que, coas súas variadas achegas, contribuíron a ampliar a riqueza e diversidade do seu Arquivo.

Salvador García-Bodaño
Salvador García-Bodaño

Recentemente, o académico Salvador García-Bodaño ofreceu á Academia un manuscrito da súa autoría. Dese xeito, celebramos o Día dos Arquivos da forma máis atinada: cunha nova achega aos nosos fondos. O manuscrito autógrafo de título "Presenza"; está escrito con tinta negra en 5 follas numeradas que se corresponden coas páxinas 41 a 47 da monografía de título Os misterios de Monsieur D'Allier editada por Galaxia en 1992.

Agradecémoslle ao académico Salvador García-Bodaño a súa doazón que compartimos máis abaixo nas súas versións manuscrita e transcrita.


Consulta aquí a versión dixital do texto manuscrito.

Nestoutra ligazón podes consultar a transcrición do texto.