Antón Santamarina recolle o Premio Porteiro Garea de mans da reitora da USC, Rosa Crujeiras.
Fonte: Santi Alvite (USC)
Antón Santamarina durante o seu discurso.
Fonte: Santi Alvite (USC)
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo representou a Academia nun acto no que tamén acompañaron a Santamarina outros membros da institución.
Fonte: Santi Alvite (USC)
De esquerda a dereita, Núñez Singala, Ana Cabana, Rosa Crujeiras, Antón Santamarina e Xosé Luís Regueira.
Fonte: Santi Alvite (USC)
O académico de número Antón Santamarina recolleu este mércores o IX Premio Porteiro Garea. A Universidade de Santiago de Compostela concedeulle o galardón ao catedrático emérito de Filoloxía Románica en recoñecemento ao “papel esencial” que desempeñou “no coñecemento do estado da lingua galega e das súas variantes, e tamén no establecemento da súa forma actual”. O académico Xosé Luís Regueira foi o encargado de pronunciar a laudatio, na que destacou o seu compromiso intelectual e persoal coa idioma e a cultura de noso e mais co país.
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, representou a institución nun acto, no paraninfo da USC, no que tamén participaron outros membros da Academia. Santamarina recibiu o galardón de mans da reitora, quen lembrou que a súa traxectoria está “profundamente ligada ao estudo, á defensa e á dignificación da lingua galega”. “A súa vida fala dunha persoa que fixo do coñecemento unha forma de compromiso co país e coa súa cultura”, expresou Rosa Crujeiras. “O seu afán estivo sempre orientado ao traballo para a lingua, a cultura e a nación galega. Ese compromiso ético e político foi unha constante no académico e no persoal”, engadiu na mesma liña Xosé Luís Regueira.
Santamarina, actual coordinador do Seminario de Onomástica e membro do Seminario de Lexicografía da Academia, foi fundador e director do Instituto da Lingua Galega da USC, coautor do Atlas Lingüístico Galego; responsable, xunto ao académico Manuel González, do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa), que serviu de base para a elaboración do Dicionario da RAG, que tamén codirixiu; e editor do Dicionario de dicionarios, entre outros proxectos. É ademais coautor, canda Dorothé Schubarth, do Cancioneiro popular galego (1984-1988), repertorio de referencia da poesía oral creada polo pobo galego.
Malia a súa traxectoria, coa súa habitual modestia, Antón Santamarina afirmou que se limitou ao longo da súa carreira a cumprir coa súa obriga como profesor e investigador e salientou a importancia do labor colectivo. "O meu traballo sería imposible sen a axuda dos colaboradores, maiormente bolseiros", agradeceu.
O Premio Luís Porteiro Garea recoñece persoas, entidades ou colectivos da USC que contribuísen á normalización da lingua galega. Con anteriores foron galardoadas as académicas Margarita Ledo Andión e Marilar Aleixandre, entre outras persoas. O premio leva o nome do profesor de Dereito Civil que pronunciou, en 1915, a primeira lección en galego na historia da USC.


