LG_2020

A USC réndelle homenaxe a Carvalho Calero

A Universidade de Santiago de Compostela celebrou hoxe a sesión dedicada a Ricardo Carvalho Calero co gallo do Día das Letras Galegas, adiada por mor da situación sanitaria derivada da pandemia de coronavirus. O profesor e académico correspondente Francisco Cidrás presentou o libro de homenaxe Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso, do que foi coordinador, e a profesora Carmen Blanco pronunciou o relatorio O Carvalho de cen ponlas. Cidrás cualificou a quen foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega como "un traballador infatigable" e Carmen Blanco advertiu que Carvalho Calero foi "un sabio egrexio do século XX imposible de coñecer dende posicións dogmáticas e reducionistas".

O académico Andrés Torres Queiruga participou en representación da Real Academia Galega no acto presidido polo reitor. Antonio López salientou o "compromiso co país, coa cultura e coa súa lingua" do protagonista do Día das Letras Galegas 2020 e definiu a sesión como un acto de xustiza en homenaxe a unha figura sobranceira cunha "sólida traxectoria en poesía, narrativa e teatro, mais tamén destacada no eido académico como profesor distinguido e colega co que a Universidade tivo o privilexio de contar".

O volume dedicado a Carvalho Calero recolle contribucións sobre o autor do académico Henrique Monteagudo, Justo Beramendi, Araceli Herrero, Aurora Marco, Xosé María Dobarro, Carlos Quiroga, Darío Villanueva, Arturo Casas, Manuel Ferreiro, José Luís Forneiro, Francisco Dubert, Martinho Montero Santalha, Pilar García Negro e José Luís Rodríguez.