A RAG organiza a homenaxe coa colaboración do Concello da Coruña, a cidade onde Xosé Ramón Barreiro viviu dende os ano 80 do século pasado. Na apertura institucional participarán ademais a Universidade de Santiago de Compostela, onde o profesor foi catedrático de Historia Contemporánea de Galicia; e o Consello da Cultura Galega, de cuxo plenario formou parte como persoeiro de prestixio durante tres décadas.
O académico e tamén historiador Ramón Villares será o encargado de trazar o perfil biográfico do profesor Barreiro, compañeiro do Departamento de Historia Contemporánea da USC. Deseguido, o académico Pegerto Saavedra coordinará a mesa na que os seus discípulos Xosé Ramón Rodríguez Lago, Ana Romero Masiá e Emilio Grandío Seoane.
Xosé Ramón Barreiro Fernández (Ribeira, 1936 – A Coruña, 2021) é un referente do estudo da historia da vida política, cultural e institucional de Galicia, e deixou tamén unha gran pegada como profesor e xestor cultural. A súa presidencia da Real Academia Galega foi un período de renovación marcado polo comezo dos traballos de dixitalización dos fondos, a redacción dos novos estatutos e a celebración do centenario da entidade, así como a revisión dos acordos normativos da lingua galega. Abriu ademais, como director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, unha liña de investigación e divulgación da figura da escritora coruñesa, creou a revista de estudos pardobazanianos La Tribuna e promoveu a celebración de varios congresos sobre a autora.
Historiador vocacional e erudito, a súa obra abrangue temas moi diversos, entre os que destacan especialmente as súas investigacións sobre a historia da Galicia do século XIX, dende a vida política e institucional ata as biografías de figuras senlleiras. Entre elas cómpre salientar a que escribiu do primeiro presidente da RAG, Manuel Murguía, que lle valeu o Premio da Crítica na categoría de Investigación de 2013.