Fotogalería Académicas
Se durante a presidencia de Murguía a Academia acolleu 23 académicas, a parálise que a institución sofre neste período afecta tamén á incorporación de mulleres ao seu seo. Entre 1924 e 1936 só hai catro novos ingresos de académicas correspondentes.
A primeira delas é Herminia Fariña Cobián (1904-1967), poeta de Meaño en lingua galega. En 1924 publicou o seu segundo poemario, Seara, polo que obtivo un amplo recoñecemento. Ademais de colaborar asiduamente na prensa galega coas súas composicións, tamén escribiu dúas obras teatrais, unha delas en galego: Margarita a malfadada. Na súa estrea asumiu o rol de actriz principal.
Retrato de Herminia Fariña. Seara (1924).
Real Academia Galega. Biblioteca.
Do 10 de febreiro de 1926 data o nomeamento de Georgiana Goddar King (1871-1939) como académica correspondente. A medievalista, fotógrafa e directora do departamento de Historia da Arte do Bryn Mawr College é a autora de The Way of Saint James (1920), unha obra en tres volumes na que conta a súa experiencia como peregrina polo Camiño Francés, entrelazando arte, literatura, arqueoloxía, xeografía, folclore e o xénero dos diarios de viaxes.
Goddar King visitou Galicia en varias ocasións: Unhas delas en 1915, para estudar as influencias da arquitectura francesa no románico galego;, visita na que a acompañou Ángel del Castillo. En 1926, meses despois do seu nomeamento, visita a sede da Academia, tal e como recolle o BRAG.
No seu discurso de ingreso como numerario, Ramón Martínez López eloxiará detalladamente a súa figura.
María del Adalid será a primeira académica de honra da nosa historia; pois Emilia Pardo Bazán fora nomeada presidenta de honra mais non académica. María de los Dolores del Adalid y González Garrido (1873-1930), paisaxista e retratista formada na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, é filla do músico Marcial del Adalid e da escritora, tradutora e académica correspondente Fanny Garrido. Este legado está dispoñible para a súa consulta na web da Academia.
En agradecemento, o 5 de marzo de 1929, a Xunta de Goberno da Real Academia acordou nomeala académica de honra.
Retrato de María del Adalid.
Real Academia Galega. Arquivo.
Carmela Eulate Sanjurjo (1871–-1961), escritora, tradutora, pintora, pianista, cantante, musicóloga, crítica musical, arabista e orientalista portorriqueña, tamén é pioneira do movemento feminista na illa antillana. O seu pensamento queda patente nas súas obras literarias e nos seus ensaios, onde manifesta as súas argumentacións na defensa dos dereitos da muller, particularmente respecto do sufraxio e a educación. Parte da súa obra está dedicada á divulgación da obra das mulleres da illa.
Filla do almirante de Ferrol Antonio Eulate Fery, realizou varios donativos á Academia de obxectos relacionados co seu pai, motivo polo que o 10 de novembro de 1929 foi nomeada académica correspondente.
Retrato de Carmela Eulate na cuberta da súa obra La mujer en el arte (1915).
Real Academia Galega. Biblioteca.


