Herminia Fariña (Conxo, 1902 – Meaño, 1966) deuse a coñecer moi cedo. Os seus primeiros textos publicáronse en medios como Vida Gallega e o seu primeiro recital poético tivo lugar no ano 1919 no Círculo Recreativo e Instrutivo de Artesáns da Coruña. En 1922 saíu do prelo o seu primeiro poemario, Cadencias, de tema melancólico e liñaxe romántica, cunha cuberta ilustrada por Castelao. O libro, con limiar do padre Graciano Martín, foi moi celebrado pola intelectualidade galeguista da época.
O seu segundo volume, Seara (1924), inclúe elementos de estética vangardista e hilozoísta que anticipan as propostas poéticas de poetas coetáneos seus como Amado Carballo e Manuel Antonio. Esta obra, onde a autora establece un diálogo poético coa paisaxe compostelá e do Salnés, inclúe ilustracións da man de Luís Pintos Fonseca e mereceu unha recepción entusiasta por parte de autores como Victoriano Taibo, Ramón Cabanillas ou Antón Villar Ponte. O libro editouse en Pontevedra, na imprenta de Celestino Peón. Dous anos despois publicou Pétalos líricos, un exercicio de prosa poética en castelán con limiar de Pedro de Répide.
Establecida en Buenos Aires, alí publicaría en castelán o poemario Hosanna: bajo el cielo porteño (1931). Tras regresar a Galicia, Herminia Fariña marcharía a vivir co seu pai, militar de profesión, a Calatayud, onde fundou a revista Fortaleza. En 1937, no contexto da guerra civil, publicou Por España y para España. El libro del combatiente, unha apoloxía do bando franquista con poemas en galego e castelán.
Logo da guerra seguiu colaborando coa prensa en medios como La Noche e, despois dun longo silencio creativo, publicou en 1951 un folleto con tres poemas, dous en español e un en galego, titulado Mensaxe de Ademiración nas festas de Vigo.
Herminia Fariña foi tamén unha precursora do teatro en galego que cultivou como dramaturga e actriz. En 1927 estreou en Vigo o poema dramático en galego Margarida a Malfadada, que ela mesma protagonizou sobre as táboas e que colleitou un éxito rotundo de público e crítica. Desta mesma época son a comedia O soldado froita, levado á escena polo Cuadro de Declamación Agrupación Galega, e o drama La marquesa de Miraflores. Porén, a súa zarzuela en galego O avarento, con música de José Jané, nunca chegou a ser estreada.
Foi unha colaboradora asidua na prensa galega, tanto na terra coma na emigración. Os seus poemas e composicións apareceron publicados en xornais como A Nosa Terra, Alma Gallega, Almanaque Galego, Céltiga, Eco de Galicia, El Compostelano, Lar, La Raza, La Temporada, Mundo Gallego, Terra e Vida Gallega.
Herminia Fariña foi proposta como académica correspondente o 10 de xuño do 1925 a iniciativa de Vaamonde Lores, Francisco Maciñeira e Eladio Rodríguez e confirmada como tal o 8 de agosto do mesmo ano.
O poema que se reproduce deseguido pertence a Seara. O exemplar da Biblioteca da Real Academia Galega contén unha dedicatoria da poeta a Antón Villar Ponte que di o seguinte: “Ó meu irmán nas letras, e distinto amigo meu A. Villar Ponte, con fonda ademiración e gratitude”.
Da solaina
A néboa vai texendo un encaixe de prata
por riba dos picachos da serra que procata
o alento das nubes que van logo chorar.
En todol-os camiños unha comadre axexa;
arrulan unhas pombas do tellado da irexa
i-un can adoecido escomenz’ oubear.
Baix-os roibos castaños pingan rezos as fontes;
descenden os faroles pol-a chepa dos montes
e nos campos frolidos van morrend-as cancións.
Oucens-as badaladas da campá d’Armenteira
que no escuro da noite algún mal agoireira
i-un medo encondregado aperta os corazóns.