-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Novos tempos
Paralelamente á normalización social, fíxose imprescindible avanzar na normalización da propia lingua. Cara a 1980, a configuración dun galego común estaba practicamente completada, pero seguía faltando unha norma lingüística que permitise construír un estándar capaz de responder ás novas necesidades derivadas da oficialidade e da expansión do seu uso. Sen unha normativa resultaba imposible consolidar o ensino, a Administración e os restantes ámbitos institucionais en galego. Para dar resposta a esta necesidade, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega acordaron elaborar conxuntamente un código normativo. A definición do modelo de norma para o galego provocou un intenso debate, con numerosas discusións de carácter técnico, pero tamén con polémicas marcadas polos personalismos.
Carlos Casares e Ramón Piñeiro. La Voz de Galicia 20/XI/2022
As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 1982 (NOMIG-82) foron elaboradas conxuntamente pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega. A comisión mixta partiu das propostas normativas que xa existían en ambas as institucións, revisándoas e ampliándoas. O texto foi aprobado conxuntamente o 3 de xullo de 1982 na sede da Academia na Coruña. Constitúen o código normativo máis sistemático, amplo e mellor fundamentado desde o punto de vista científico que nunca se fixera para a lingua galega.
Membros das dúas institucións reunidos ese día: de esquerda a dereita, na primeira ringleira, José Trapero Pardo, Ramón Martínez López, Rosario Álvarez, Domingo García-Sabell, Xosé Filgueira Valverde, Casimiro Torres e Enrique Chao Espina. Na segunda fila, Ánxel Fole, Antonio Gil Merino, Marino Dónega, Antonio Meijide Pardo, Manuel Chamoso Lamas, Xosé Xove Ferreiro e Andrés Torres Queiruga. Na última fila, Juan Naya, Francisco Fernández del Riego, Antonio Fraguas Fraguas, José Luís Bugallal, Carlos Casares, Ramón Piñeiro e Ramón Lorenzo. Real Academia Galega. Arquivo
As Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego de 1982 (NOMIG-82) parten das Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego, elaboradas en 1976 ao longo de meses de debate entre lingüistas e escritores de distintas tendencias, e publicadas en 1977 cun prólogo de Domingo García-Sabell. As NOMIG ofrecen un modelo de norma lingüística común e supradialectal, válida para o ensino, a Administración, os medios de comunicación e a produción escrita. Foron oficializadas en novembro de 1982 polo Goberno galego, converténdose nas primeiras normas do galego que contaban simultaneamente con apoio académico e recoñecemento institucional.
As NOMIG buscaban harmonizar a tradición escrita galega coas linguas románicas próximas, particularmente co portugués. Pese ao seu carácter aglutinador das diferentes correntes filolóxicas no seo do galego, non conseguiron pechar o debate sobre o modelo normativo. Un sector do galeguismo lingüístico consideraba que a normativa debía achegarse moito máis á lingua portuguesa. Foi e é a posición coñecida como reintegracionismo. A figura máis representativa do reintegracionismo lingüístico é Ricardo Carvalho Calero, catedrático de lingua e literatura galega da Universidade e académico de número.
Real Academia Galega. Arquivo
A aprobación da Lei de normalización lingüística (LNL) polo Parlamento de Galicia en 1983 constituíu un fito histórico para a lingua galega. Esta Lei, aprobada por unanimidade, foi un lóxico desenvolvemento do artigo 5 do Estatuto, que declarou o galego lingua oficial e propia de Galicia e marcaba como obxectivo a normalización da lingua galega. A LNL proclamou o deber da cidadanía a coñecelo e o dereito a usalo, e estableceu un mandato normalizador para que os poderes públicos promovesen o seu emprego en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa. A partir da súa aprobación, o Goberno galego debía centrar a súa política lingüística en fomentar o prestixio social e cultural do idioma, impulsar o seu uso nas administracións públicas, no ensino, nos medios de comunicación e na produción cultural, así como en mellorar as competencias e as actitudes lingüísticas da poboación.
A Lei de normalización lingüística recoñeceulle á Real Academia Galega a potestade normativa sobre o idioma. Neste novo contexto, a Real Academia Galega tivo que redefinir o seu papel institucional, asumindo a responsabilidade de fixar, actualizar e orientar a norma oficial nun momento decisivo para o proceso de normalización lingüística de Galicia.
Ramón Piñeiro e Carlos Casares, figuras clave na redacción e aprobación da LNL como membros do Parlamento de Galicia, na sede desta institución. Xuño de 1982. Diario de Santiago
A alegación do recurso do goberno central e do seu representante en Galicia, o presidente da Real Academia Galega, apoiábase na incompatibilidade da obrigatoriedade de coñecer o galego, como sinalaba o artigo primeiro, e a obrigatoriedade do castelán. A decisión do Tribunal Constitucional sancionou que aos estatutos de autonomía non se lles recoñece competencia específica en materia lingüística, polo que os cidadáns das comunidades autónomas só teñen o deber de coñecer o castelán, pero, non a obriga de coñecer ningunha das outras linguas oficiais do Estado.
Logo da sentenza do Constitucional un grupo de catorce escritores, todos eles membros da Asociación de Escritores en Lingua Galega (Antón Avilés de Taramancos, presidente da asociación, Xosé Luís Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra, Manuel María, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé M.ª Álvarez Cáccamo, Lois Diéguez, Xoan lgnácio Taibo, Pilar Pallarés, Xavier Rodríguez Barrio, Paco Martín, Manuel Lourenzo, Antón Reixa e Manuel Lueiro Rey), permaneceu durante dúas horas e media nas instalacións da Real Academia Galega, ata entregarlle unha carta ao seu presidente, onde se solicita a súa dimisión "por un mínimo de lealdade con Galicia e coa súa propia historia privada".
Centro de documentación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Foto: Chus García.
Máis aló das polémicas, a Lei de normalización lingüística permitiu importantes avances. O galego incorporouse ao sistema educativo, ampliou os seus ámbitos de uso e experimentou un notable desenvolvemento cultural. A maior parte da poboación adquiriu competencias de lectura e escritura na lingua propia, e formáronse novas xeracións de galegofalantes cunha sólida conciencia lingüística, educadas en galego e capaces de empregalo en todos os ámbitos da súa vida. Porén, estes logros conviviron con importantes dificultades. O galego continuou perdendo falantes habituais e nativos, cada vez incorporou menos neofalantes, mantivo unha presenza moi limitada nos principais medios de comunicación e seguiu atopando escaso apoio entre determinados sectores das elites económicas, da burguesía urbana e dos grandes grupos mediáticos. Ao mesmo tempo, rexurdiron vellos prexuízos lingüísticos e apareceron outros novos, que dificultaron o proceso de normalización.
Carteis da primeira campaña de promoción do galego (1984).
O Mapa Sociolingüístico de Galicia (MSG) foi unha das investigacións máis importantes realizadas sobre a situación social da lingua galega a finais do século XX. En realidade, baixo ese título hai dúas grandes investigacións: o MSG-92, publicado entre 1994 e 1996, e a súa actualización, o MSG-04, publicada entre 2007 e 2011. Foi un proxecto desenvolvido polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, en colaboración coa Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
O primeiro estudo realizouse fundamentalmente a partir dunha gran enquisa realizada en 1992. Foron entrevistadas 38.897 persoas residentes en Galicia maiores de 16 anos, mediante un cuestionario de 148 preguntas que permitiu obter unhas 170 variables. O obxectivo era coñecer empiricamente a lingua inicial dos galegos, o seu grao de competencia en galego, que lingua utilizaban nas diferentes situacións, como se distribuían os usos lingüísticos segundo idade, sexo, hábitat, profesión, nivel de estudos, territorio, as actitudes e opinións respecto do galego e do castelán, e a existencia de prexuízos lingüísticos. Non foi simplemente un estudo sobre cantas persoas sabían galego, pretendía describir a estrutura social da situación lingüística de Galicia.
Unha década despois realizouse unha nova investigación, coñecida como Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004 (MSG-04). Entre 1992 e 2004 Galicia experimentara importantes transformacións demográficas, sociais, educativas e económicas que facían necesario un novo estudo para poder comparar a situación de 2004 coa do primeiro mapa e avaliar os cambios producidos durante a década anterior. O MSG permitiu pasar dun debate baseado en impresións a unha análise baseada en datos estatísticos obtidos mediante enquisas sociolingüísticas amplas, establecendo unha serie histórica, que vai desde MSG-92 onde se fixo unha fotografía da situación da lingua arredor de 1992, MSG-04 que fai esa mesma instantánea arredor de 2004, e finalmente o IGE 2013 / 2018 / 2023 onde se describe a evolución posterior.
En 1988 tivo lugar a primeira edición dos cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras. Este proxecto naceu coa función de crear un espazo de promoción da nosa lingua e cultura por todo o mundo, un labor que foi recoñecido polos Premios da Cultura Galega 2023 coa concesión do galardón da modalidade de proxección exterior. Polas súas aulas pasaron máis de dous milleiros de estudantes de múltiples orixes que hoxe exercen de embaixadores culturais de Galicia como docentes universitarios, tradutores ou mesmo creadores, como Takekazu Asaka, tradutor ao xaponés de diversos clásicos galegos e académico de honra, quen tamén asistiu á apertura da última edición.
Alumnado e profesorado da segunda edición dos Cursos de lingua e cultura galegas nas escaleiras da Facultade de Xeografía e Historia (1989). Imaxe cortesía de Isabelle Kerdudo


