-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Presidencia
Xosé Ramón Barreiro asumiu a presidencia en 2001 e permaneceu nela ata 2009. Durante estes oitos anos, a Real Academia Galega consolidou e reforzou o proceso de modernización e apertura á sociedade que principiara na etapa de Francisco Fernández del Riego.
Dotouse a lingua galega de novas ferramentas para o seu mellor uso e coñecemento, como a normativa de 2003, o Dicionario castelán-galego, o Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa) ou o Mapa sociolingüístico de Galicia 2004.
Impulsouse a investigación e difusión do patrimonio documental da Academia, con proxectos como Cartas a Murguía e Os Eoas. Outro tanto aconteceu coa figura de Emilia Pardo Bazán.
Acadouse unha maior proxección social da RAG, especialmente a través da exposición Galicia, a forza da palabra: centenario da Real Academia Galega (2006) e doutras exposicións, congresos e actividades divulgativas relacionadas coa celebración do seu primeiro século de historia.
A partir de 2009, coa aparición de discursos que puñan en cuestión a dignidade e lexitimidade da lingua galega, a Academia publicou o manifesto Unha lingua para todos. Nel defendía o galego como patrimonio común, reclamaba políticas activas para superar a súa situación histórica de subordinación e pedía un amplo acordo social e político arredor da lingua, afastado da confrontación partidaria.
Xosé Luís Méndez Ferrín (nado en Ourense en 1938) foi unha figura central da Real Academia Galega (RAG) desde que ingresou como académico de número o 30 de setembro do ano 2000, pero sobre todo desde que ocupou a presidencia da institución entre 2010 e 2013. Ao longo do seu mandato, defendeu firmemente o recurso xudicial da RAG contra o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino, considerado por el como un ataque á normalización do galego. Ademais, reclamou financiamento estable para a institución, solicitando a súa inclusión nos orzamentos da Xunta e do Estado.
Xosé Luís Méndez Ferrín, tras tomar posesión do cargo de presidente da Real Academia Galega, recibe os parabéns do presidente saínte, X. R. Barreiro Fernández. Real Academia Galega. Arquivo
O 25 de febreiro de 2013, tras a aparición en prensa de diversas informacións que tiñan como obxectivo desestabilizar a Academia, anunciou a súa renuncia como presidente e como membro numerario. A súa marcha provocou unha fonda crise na RAG.


