-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Fontenla
Non é posible concibir a fundación da Real Academia Galega sen o impulso cívico e o esforzo económico da comunidade galega en Cuba. No seu seo, a figura clave foi a do litógrafo ferrolán José Fontenla Leal (1864-1919).
Retrato de Fontenla Leal. Real Academia Galega. Arquivo
Entre os froitos do seu incansable labor a prol de Galicia e da súa cultura salientan dous feitos de importancia histórica: a súa relación epistolar con Eduardo Pondal e Pascual Veiga, que culminou coa creación do himno galego (estreado no Centro Galego da Habana o 20 de decembro de 1907) e a posta en marcha da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega (1905).
Fontenla Leal e Tettamancy. Real Academia Galega. Arquivo
Logo de morrer na pobreza na Habana, o seu fillo, José Fontenla Rizú, doou a súa importante biblioteca á Academia, un mostra senlleira de bibliofilia galega da época. Entre os seus libros, podemos atopar esta dedicatoria de Ramón Cabanillas en No desterro (Habana, 1913) que di:
A Pepe Fontenla
N-esta páxina falta un título y –un nome – ó teu. –
É meu propósito que éste aparezga na primeira do meu segundo libro. Non me esquecerei nunca de que ti fuche quen decidéu miña vocación literaria e meu casamento co idioma pátreo.
19 Abril/1913
En 2026 publicouse a monografía Fontenla Leal. A Galicia pensada, de Xaime López Fernández e Sixto Gómez, que conta cun limiar do académico Lourenzo Fernández Prieto.
O actual himno galego, nacido en 1890 e definitivamente institucionalizado en 1984, ten unha longa historia que se estende desde que o poeta Eduardo Pondal e o músico Pascual Veiga o creasen no Certame Musical convocado para tal efecto. En 1907, despois de dezasete anos nos que practicamente desaparecera da escena musical, Fontenla Leal contacta con Pascual Veiga interesándose pola partitura, e finalmente, nunha “velada artístico literaria” tributada no Centro Galego da Habana en homenaxe ao compositor xa falecido, a Banda Municipal da Habana executou o himno de Pondal e Veiga. Foi o 20 de decembro.
Un ano despois, o 3 de decembro de 1908, o himno é declarado oficial en todas as festas do Centro Galego da Habana, por iniciativa, máis unha vez, de Xosé Fontenla.
Real Academia Galega. Arquivo
A partir da ‘oficialización’ na emigración galega, é fundamental a aparición do libro Apuntes para la historia del Centro Gallego de la Habana (1909) para a expansión do himno en Galicia. Nel recóllense por vez primeira en texto impreso a partitura de Veiga e a letra de Pondal. Dende 1909 comezan a aparecer as noticias da interpretación do himno no noso país; a fundación das Irmandades da Fala e a expansión dos coros populares son o pulo definitivo para a consolidación da peza. A presenza pública do himno oscila entre o apagamento tras o golpe de estado de Primo de Rivera, a revitalización da Segunda República, e a eliminación tras a vitoria franquista. Porén, o himno galego pode escoitarse na diáspora.
En 1984, o Parlamento de Galicia aproba por unanimidade a Lei de símbolos, que estabelece a definitiva oficialidade do himno galego de Eduardo Pondal e Pascual Veiga, recollendo a práctica histórica consolidada e a conciencia colectiva da cidadanía galega.
Apuntes para la historia del Centro Gallego de la Habana (1909). Real Academia Galega. Biblioteca


