Denominación galega das aves

Introdución

Tanto en galego coma noutras linguas elaboráronse diversas listas de nomes de aves que pretenden denominar estas dunha maneira precisa e específica. Estas listas padrón son necesarias para a súa utilización no ámbito científico e mesmo en certos contextos divulgativos. Así, en castelán, inglés, francés, alemán e catalán existen denominacións para todas as aves do mundo, e noutro medio cento de linguas é posible nomear moitos dos paxaros que habitan no planeta de maneira específica. Recentemente, na esfera da lusofonía tamén se propuxeron nomes para todas as aves (Alves et al. 2021; Paixão 2021).

Desde o ano 1977, no ámbito da ornitoloxía galega especializada publicáronse diversos traballos para as aves detectadas en Galicia (Pedreira e Penas-Patiño 1977 e 1978; Conde e Vidal 1991; Conde, 1999; Romay e Vázquez 2010; Rouco et al. 2019), de modo que existen propostas denominativas galegas para as aves de Europa, extremo norte de África e Oriente Próximo e mesmo para máis de 4.000 das aproximadamente 11.000 especies de aves existentes no planeta (A Chave 2019). Pero as propostas publicadas ata agora, aínda que bastante parecidas ou en parte coincidentes, presentan ao mesmo tempo unha diversidade de escollas que non facilita o propósito inicial de precisión e especificidade con que foron concibidas.

Da recolla deses traballos precedentes e dos seus usos previos na ornitoloxía galega especializada, e apoiándonos nas nomenclaturas vernáculas en Galicia e no ámbito das linguas circundantes, formulamos agora unha proposta unificada das denominacións terminolóxicas das aves en galego, para que, co aval da Real Academia Galega, institución promotora desta iniciativa, sirva de instrumento para todo tipo de comunicación especializada no ámbito da ornitoloxía, sexa na realización de artigos científicos, libros, paneis, materiais divulgativos ou actividades de educación ambiental en lingua galega.