Denominación galega das aves

Metodoloxía e obxecto de estudo

No plenario da Real Academia Galega, de data 14 de decembro de 2018, a proposta do coordinador do Seminario de Terminoloxía, Manuel González González, tomouse o acordo, dentro do programa de actividades para o ano 2019, de constituír unha comisión integrada por académicos e polos principais especialistas e axentes relacionados co mundo da ornitoloxía galega co obxectivo de elaborar unha proposta unificada de denominación terminolóxica para as aves en galego. Esta proposta, revisada e aprobada pola RAG, está orientada ao uso na transmisión do coñecemento científico e na divulgación con certo nivel de especialización, pero de ningún modo pretende anular ou relegar a variedade denominativa de carácter dialectal, que constitúe unha riqueza patrimonial da lingua galega.

A comisión constituíuse e comezou os seus traballos o día 14 de decembro de 2019, integrada polos seguintes membros: Antón Santamarina Fernández (RAG), María Dolores Sánchez Palomino (RAG), Manuel González González (RAG), Francisco Fernández Rei (RAG), Víctor Fresco (RAG), Marilar Aleixandre (RAG), Cosme Damián Romay Cousido (Grupo Naturalista Hábitat), Xosé Manuel Penas Patiño (naturalista), Rafael López Loureiro (naturalista), Serafín J. González Prieto (SGHN, Blog Ao noroeste do Noroeste), Miguel Conde Teira (biólogo), Silverio Cerradelo (A Chave) e Fernando Álvarez-Balbuena (Universidade de Oviedo). Desta comisión inicial déronse de baixa Víctor Fresco e Miguel Conde Teira, e incorporouse como novo membro Jesús Taboada Martínez (SGO).

Á parte da xuntanza presencial inicial de decembro de 2019, houbo unha segunda o día 1 de febreiro de 2020 e unha terceira o 18 de decembro de 2021. Fóra destas xornadas presenciais, os traballos, discusións e votacións da comisión desenvolvéronse de maneira virtual sen interrupción durante máis de tres anos, desde decembro de 2019 ata outubro do 2023. Estas datas coincidiron en boa parte coas da pandemia da COVID-19, que de feito ocasionou inconvenientes que delongaron o traballo máis do previsto.

O obxecto de estudo foron os nomes galegos das aves. En canto ás especies abranguidas, sen renunciar á elaboración dunha proposta de denominacións en galego para todas as aves do mundo, tomouse como punto de partida a lista de nomes galegos publicada pola Sociedad Española de Ornitología (SEO) / BirdLife en 2019 na súa última versión, que recolleu a nomenclatura elaborada pola CLUNGA (Comisión para unha Lista Unitaria de Nomes Galegos de Aves) e consideráronse as de todo o territorio terrestre e marítimo español (incluíndo a zona económica exclusiva mariña, de 200 millas náuticas), con especial atención ás documentadas en Galicia ata o 31 de decembro de 2022: máis de 600 especies diferentes, se engadimos tamén as que se teñen observado de maneira moi ocasional e as asilvestradas procedentes de cativerio.

Non se trataba, xa que logo, dun traballo terminolóxico puntual, senón que, pola contra, cumpría ter unha visión global dos diversos sistemas de nomenclatura que se ían formando nos diferentes grupos de aves. Por este motivo, amais das aves citadas en estado silvestre ou xa naturalizadas —ou en proceso de naturalización— no conxunto do Estado español, foron tamén obxecto de atención aves do Paleártico occidental e algunhas especies exóticas, para asegurar que as denominacións escollidas designaban de maneira clara e precisa as aves ás que facían referencia.

Por exemplo, escolléronse as denominacións arao e araíño para as aves da familia Alcidae, tendo presente o seu tamaño corporal e mais o futuro desenvolvemento dos nomes galegos para todas as especies desta familia que existen no mundo: arao para as dos xéneros Fratercula, Cerohinca, Cepphus, Uria, Alca e Pinguinus; e araíño para as dos xéneros Ptychoramphus, Brachyramphus, Synthliboramphus, Aethia e Alle, aínda que para este segundo nome só apareza na lista de nomes unificados araíño atlántico, Alle alle, por ser a especie que se pode presentar nas nosas costas. No estudo deste grupo mesmo se propuxo a denominación galega para unha ave extinta, como é o caso do Pinguinus impennis, para o que se estableceu o nome de arao xigante.

Para cada caso denominativo fíxose unha presentación da información existente, para pasar despois á análise, á argumentación e ao debate, na procura do acordo unánime, ou cando menos maioritario, para a escolla dun único nome entre varias solucións posibles. Foi necesaria, xa que logo, a revisión e xustificación de cada unha das propostas, tendo en conta as denominacións existentes en Galicia e no espazo da lusofonía, así coma noutras linguas europeas.

A diversidade das persoas integrantes da comisión, procedentes tanto do ámbito da lingüística coma do ámbito da ornitoloxía, supuxo sen dúbida un enriquecemento e unha mellora da calidade do traballo realizado ao considerar os problemas desde unha perspectiva multidisciplinar. Todos os membros da comisión puideron presentar e defender as súas propostas individuais ou das organizacións que representaban, que sempre foron debidamente valoradas, ata chegar a unha solución de consenso ou o máis maioritaria posible.

Os criterios

Inicialmente, establecéronse uns criterios preferentes para determinar os nomes estándares das aves en galego, que brevemente podemos sintetizar nos seguintes:

  • Sempre que sexa posible, recomendar unha denominación vernácula galega xa usada.
  • Recorrer, en segundo lugar, ás denominacións específicas formuladas no ámbito da ornitoloxía galega especializada.
  • Favorecer no posible a harmonización coas denominacións das linguas da nosa contorna cultural.
  • Examinar tamén as solucións doutras linguas románicas.
  • Tomar en consideración as denominacións existentes noutras linguas europeas non románicas, cando nin no ámbito da nosa contorna cultural nin no das linguas neolatinas se atopen propostas acaídas.

A flexibilidade na aplicación dun ou doutro criterio veu motivada polas particularidades de cada caso. Por unha banda, era preciso que o nome fose o máis transparente posible e que diferenciase ben as especies, para que se asociase doadamente co concepto que representa. Por outra banda, os nomes escollidos debían permitir a sistematicidade, ou sexa, que se puidesen usar facilmente con diversos adxectivos ou modificadores para nomear outras especies da mesma familia ou grupo.

Con independencia de cal fose o criterio que finalmente decidise a escolla dun nome para unha ave, procurouse que as novas denominacións acaesen ben co xenio da lingua, particularmente co sistema cultural galego, coas motivacións existentes noutras denominacións populares, coa morfoloxía e procedementos de formación de palabras propios da lingua galega e coa fonotáctica do sistema fonético e fonolóxico do galego.

Tívose especial coidado en evitar préstamos innecesarios do castelán e mesmo castelanismos máis ou menos ocultos ou disfrazados, e tratouse de buscar denominacións propiamente galegas ou solucións acordes coa lingua e coa tradición lexicográfica galega.

Finalmente, fíxose unha reflexión sobre a recepción destas denominacións: sobre a previsible aceptación social en xeral, e de modo particular sobre a aceptación por parte do colectivo ornitolóxico galego, o profesorado e as persoas especialistas e comunicadoras, transmisoras de información e coñecemento neste ámbito, xa que van ser os usuarios fundamentais da terminoloxía que hoxe propoñemos.

Nomes vernáculos galegos

A lingua galega é extraordinariamente rica no que atinxe aos nomes vernáculos das aves. Hai millares deles, se temos en conta os nomes sinónimos que atopamos distribuídos diatopicamente (arcea, galiñola, pitarola, pitorra, torda etc., nomes todos para Scolopax rusticola) e as variantes morfolóxicas e fonéticas dunha mesma denominación (escribidor, escribidora, escribente, escribenta, escribideira etc., por exemplo, para as especies do xénero Emberiza).

Algunhas das denominacións patrimoniais son nomes simples, como galguiñeira para Ixobrychus minutus ou bubela para Upupa epops; e outras son nomes compostos, como paporrubio para Erithacus rubecula, ou picapau para as especies da familia Picidae. Moitos destes termos están formados por unha soa palabra, coma nos anteditos exemplos, aínda que ás veces poden constar de dous ou máis elementos, como corvo mariño para as especies da familia Phalacrocoracidae, ou pita do monte para Tetrao urogallus.

Sabemos que moitos destes nomes vernáculos están presentes na lingua galega desde vello: algúns documéntanse xa na época medieval; outros, en diversos textos e documentos antigos, especialmente nos dos ilustrados Sarmiento e Sobreira no século XVIII. Unha boa parte deles está tamén presente no refraneiro, en ditos e en cantigas de tradición oral (véxase cadro 1).

Para o presente traballo consideráronse todos as denominacións patrimoniais das aves presentes na bibliografía lexicográfica galega e mais as recollidas por diversas persoas especialistas en ornitoloxía e filoloxía nas diferentes áreas do territorio de fala galega, incluído o coñecido como galego exterior de Asturias, León e Zamora, como queda reflectido nas referencias bibliográficas.

Como xa se indicou, déuselles preferencia ás formas patrimoniais documentadas fronte a propostas neolóxicas, coma no caso dos vernáculos cegoñela para Himantopus himantopus, chincharraíz para Emberiza calandra, zurrasca para Rallus aquaticus ou meloufa para Neophron percnopterus. Ás veces, o mesmo vernáculo utilízase como formante do nome doutras aves do mesmo xénero que tamén existen no planeta, e foi preciso engadir un modificador que as identificase especificamente: así, para dúas das anteditas especies, cegoñela común e zurrasca eurasiática.

Cadro 1. Algúns nomes galegos de aves que aparecen no refraneiro e na literatura popular de tradición oral

  • "Corvos mariños na praia, sinal de vento e auga."
  • "Os corvos do mar na terra, mariñeiro vente en vela!"
  • "Xuntanza de pardelas, mal tempo ou néboas."
  • "Cando se pon a pardela a espiollar, non tarda un día o vendaval."
  • "Cando pousa o paíño no mar, barrunta chuvia ou temporal."
  • "Se ves mascatos voar, busca a sardiña no mar."
  • "Cando a garza vai para o mar, colle os bois e ponte a arar."
  • "Vai a garza para o monte? Colle os bois e lévaos á corte."
  • "Día de san Paio, a cegoña nos prados."
  • "Cando comas a perdiz, co dedo no nariz."
  • "Cos bandos da avefría, chega tamén a invernía."
  • "Mazaricos na praia a abouxar, os mariscos a aboiar."
  • "Mazaricos á terra, mariñeiros sen pesca."
  • "Cando chían os biluricos, moita auga e moito frío."
  • "Xea? Mal pola arcea."
  • "As gaivotas, clo!, clo!, a cantar, norte duro vai entrar."
  • "Cando a gaivota anda á gradicela, mal para nós e fame para ela."
  • "Carrán na praia, sinal de vento e auga."
  • "O azor no pau, e o falcón na mao".
  • "Miñato, miñato, que levas no papo?
    Leite callado
    Quen cho callou?
    A filla do rei.
    Cala, que xa llo direi".
  • "Buxato, buxato, que levas no papo?
    Leite callado
    Quen cho callou?
    A filla do rei.
    Cala, que xa llo direi".
  • "Peneireiro na terra, auga segura."
  • "Cada moucho ao seu souto, e cada rato ao seu burato"
  • "Se a avelaiona laia, prepara a mortalla."
  • "Sete petos ten a peta, no burato dunha trabe; malas nacidas me maten, se non che conto verdade!".
  • "Por abril, o cuco ha vir."
  • "Se queres saber cando é abril, a anduriña viracho dicir."
  • "Unha anduriña soa non fai verán."
  • "Catro aves voadoras son as que pasan o mar: a andoriña e mais o cuco, a rula e o paspallás."
  • "Cando a roliña rolar, colle o foliño e vai sementar."
  • "O cuco e mais a bubela estaban os dous no balcón; o cuco, como era falso, cantoulle o quirieleisón."
  • "A cotovía, canto máis sobe, máis asubía."
  • "Polo san Matías, xa cantan as cotovías."
  • "O amigo leal e franco, ese é un merlo branco."
  • "Teño andado moito á caza, nunca vin unha carriza; non sei se era polos cans, ou pola miña preguiza".
  • "Onde a pega ten o ollo, alí ten o seu ovo."
  • "Cando as choias van para Meira, pon a túa sella na goteira."
  • "Estorniños e pardais, non somos todos iguais."

É ben coñecido que non poucas veces atopamos máis dun nome vernáculo galego para unha mesma especie —ou grupo de especies—, todos eles lexítimos e bos identificadores desa/s ave/s. Para o establecemento da denominación proposta foi necesario, cando se dá esta situación, escoller entre varias formas patrimoniais. Nalgúns casos, a solución foi darlles preferencia ás maioritarias no territorio galego; isto explica, por exemplo, a escolla de noiteboa fronte a avenoiteira para as especies do xénero Caprimulgus. Para Haematopus ostralegus optouse pola denominación lampareiro, fronte ás formas gavita ou gabita, por ser ben caracterizadora e inequívoca, amais de estar relacionada coa súa alimentación (lamparóns, lámparas ou lapas), do mesmo modo que acontece cos nomes da especie noutras moitas linguas. De maneira máis específica, para Haematopus ostralegus —xa que hai varias especies do xénero Haematopus no planeta— queda a denominación lampareiro eurasiático (e lampareiro canario para Haematopus meadewaldoi, lamentablemente unha especie extinta).

Noutras ocasións, o que atopamos son voces patrimoniais con formas ou variantes moi parecidas. Aquí escolleuse tamén a forma maioritaria no territorio galego, ou aquela que mellor se adapta aos criterios seguidos no Vocabulario ortográfico da lingua galega e no Dicionario da Real Academia Galega. Así, por exemplo, déuselle preferencia á forma anduriña antes que a andoriña e á forma merlo antes que a melro; e consideráronse igualmente equivalentes para o seu uso as formas rola e rula.

Como queda dito, a revisión de nomes vernáculos galegos levou así mesmo ao rexeitamento de castelanismos innecesarios. Por exemplo, escolléronse as voces patrimoniais arcea para as aves do xénero Scolopax e arceúcha para as dos xéneros Gallinago e Lymnocryptes, antes que os préstamos respectivos *becada e *becacina, tomados do castelán. Deste xeito, afianzamos en galego un sistema de nomenclatura popular existente tamén en diversas linguas do mundo para a denominación destas aves, que relaciona o nome de Scolopax rusticola, máis grande e repoluda (arcea) e de hábitat forestal, cos das aves dos xéneros Gallinago e Lymnocryptes, parecidas fisicamente á primeira, pero máis pequenas e magras (arceúcha) e tamén diferenciadas polo seu hábitat acuático. Paralela e respectivamente, atópanse en francés bécasse e bécassine; en italiano, beccaccia e beccaccino; en piemontés, bëcassa e bëcassin; en catalán, becada e becadell; en neerlandés, houtsnip e watersnip etc.

Denominacións na ornitoloxía galega especializada

Desde os anos 70 do século pasado, a ornitoloxía galega especializada desenvolveu a tarefa de asignación de nomes específicos para as diferentes aves de Galicia e de Europa, na maioría dos casos a partir de denominacións populares xenéricas. Por exemplo, a partir do vernáculo bilurico formuláronse na ornitoloxía especializada os termos bilurico común para Tringa totanus, bilurico escuro para Tringa erythropus, bilurico fino para Tringa stagnatilis etc.

Tamén na procura desta especificidade, a ornitoloxía galega xa tivo que facer unha escolla cando había máis dun nome popular para unha especie ou grupo de especies. Por exemplo: liñaceiro antes que o sinónimo nabiñeiro para os paxaros dos xéneros Acanthis e Linaria, ou paspallás antes que o sinónimo codorniz para Coturnix coturnix, escollas —liñaceiro e paspallás— que son usadas na actualidade en galego nos escritos de contido especializado.

A lista dos nomes galegos das aves que aquí presentamos é en gran medida unha continuidade do traballo previo levado a cabo pola ornitoloxía galega especializada. Para os mesmos vernáculos escollidos, mantívose o modificador xa asignado ou nalgún caso trocouse por outro que se considerou máis acaído: liñaceiro de bico escuro para Linaria cannabina, liñaceiro de bico amarelo para Linaria flavirostris, paspallás migrador para Coturnix coturnix etc. No caso de existiren varias formulacións na ornitoloxía galega para unha mesma especie, déuselle preferencia a aquela maiormente empregada, como por exemplo carrán de bico curto para Gelochelidon nilotica, fronte a carrán mascateiro, moito menos usada.

Os especificadores que se utilizan, poden estar formados por un adxectivo (grande, vermello, alpino), por un sintagma preposicional (dos xuncos, de fazulas brancas...) ou por un substantivo en aposición (parrulo bóla).

No que atinxe á motivación semántica, os modificadores específicos refírense fundamentalmente á morfoloxía ou ao aspecto da ave (de pés vermellos, escuro, cristado, real), mais abundan tamén os que fan referencia á distribución territorial (atlántico, balear...), ao hábitat (da serra, dos penedos), a características do seu comportamento (chiador, pescadora), ao nome de persoas relacionadas dalgunha maneira coa especie (de Kramer, de Eleonora) ou á súa frecuencia (común).

Respecto ao especificador común, cómpre dicir que nalgúns casos se procurou evitar polo seu carácter equívoco, xa que non se sabe se fai referencia a que se trata dunha especie ben coñecida en Galicia, na Península Ibérica, noutros territorios máis amplos ou mesmo en todo o planeta. Así, por exemplo, preferiuse avetarda grande a avetarda común para Otis tarda, camón mediterráneo a camón común para Porphyrio porphyrio, ou abellaruco europeo a abellaruco común para Merops apiaster. Noutros casos mantívose este especificador por se tratar de denominacións moi acaídas ou moi asentadas, que contan cunha longa tradición e que semella contraproducente modificar, como pardal común para Passer domesticus ou papuxa común para Curruca communis.

Para os especificadores que aluden ás partes do corpo, o galego mostra tradicionalmente preferencia pola utilización de sintagmas preposicionais (de cabeza listada, de bico groso, de papo rubio, de rabo negro) fronte a adxectivos compostos sintéticos (rabilongo, pernilongo), aínda que para algún dos nomes desta lista tamén se formulou excepcionalmente algún composto sintético (patiamarelo) a fin de evitar un termo que fose longo de máis: bilurico patiamarelo grande para Tringa melanoleuca e bilurico patiamarelo pequeno para Tringa flavipes, mellor que *bilurico de patas amarelas grande ou *bilurico de patas amarelas pequeno (tamén bilurico pativerde para Tringa nebularia, por coherencia e cohesión no sistema de nomenclatura deste grupo).

Ademais, para as referencias á morfoloxía da ave seguiuse o criterio de formulalas en singular ou plural dependendo do número en que os elementos están presentes no corpo: rabirrubio de testa branca (evidentemente, só hai unha testa), parrulo de ollos dourados (porque hai dous ollos, e non *parrulo de ollo dourado), cerceta de ás azuis (porque hai dúas ás, e non *cerceta de á azul) etc.

Son tamén moitos os modificadores específicos que fan referencia a realidades xeográficas, ben mediante o uso dun adxectivo (abisinio, alpina, andino…), ben mediante un sintagma preposicional (do Pacífico, de Gran Canaria, da Madeira...). En xeral, favoreceuse a utilización do adxectivo: africano, americana, caboverdiano, antillana etc, pero acudiuse ao sintagma preposicional cando a utilización do adxectivo resultaba pouco natural ou podía prestarse a confusión: do Pacífico, porque pacífico, sen máis, pode resultar anfibolóxico; do norte, porque norteño non é común en galego; do Canadá e do Caspio, pola súa tradición de uso nos nomes galegos das aves etc.

En relación coas propostas previas formuladas pola ornitoloxía galega especializada, unha das novidades desta lista unificada é a renuncia ao uso de garzota para as especies do xénero Egretta, por ser garzota un nome relacionado frecuente e intuitivamente con especies de maior tamaño, e non con Egretta garzetta. Así, só se utiliza a forma garza para este e outros xéneros da familia Ardeidae: garza branca pequena para Egretta garzetta, garza dos arrecifes para Egretta gularis, garza real para Ardea cinerea, garza branca grande para Ardea alba etc.

Na procura da sistematicidade, tentouse que as especies dun xénero científico concreto tivesen todas o mesmo nome xenérico galego. Mais, isto non sempre foi posible, de xeito que hai excepcións, motivadas por diversas razóns: porque a taxinomía científica pode mudar (unha especie pertencente a un xénero científico pode despois ser incluída noutro diferente, e posteriormente noutro), porque a nomenclatura popular galega das aves asocia nomes diferentes a distintas especies dun mesmo xénero científico (como ocorre, por exemplo, con tordo e merlo para as especies do xénero Turdus), ou porque se considerou preferible manter nomes xa moi asentados tradicionalmente. Ese é o motivo polo cal dentro dun mesmo xénero, como Anas, por exemplo, se encontran patos, cercetas e lavancos. Tamén á inversa, un mesmo nome xenérico pode designar aves de xéneros afíns ou creados como tales se cadra non hai moito tempo, como por exemplo folosa (usado para paxaros dos xéneros Acrocephalus, Hippolais, Iduna e Locustella), anduriña (para os xéneros Hirundo, Delichon, Cecropis, Ptyonoprogne e Petrochelidon), ou ferreiriño (para os xéneros Cyanistes, Lophophanes, Periparus e Poecile). Cómpre mencionar, non obstante, que as excepcións á regra da sistematicidade nas denominacións das aves acontecen de maneira semellante en todas as linguas do mundo.

Non sempre as denominacións terminolóxicas das aves levan un especificador. Algunha ave é a única do seu xénero, ou posúe características que a fan senlleira no seu grupo, de modo que é coñecida de vello cun nome exclusivo para esa especie, sen necesidade dun complemento para singularizala. Esta tradición —bastante coincidente cos nomes desas especies noutras linguas— mantense na lista unificada que se presenta para o galego. Por exemplo: sisón (Tetrax tetrax), paporrubio (Erithacus rubecula), combatente (Calidris pugnax), esmerillón (Falco columbarius) etc.

É preciso apuntar que para a formulación de todos os termos tamén se tivo presente a actualización taxinómica das especies. Por exemplo, ata hai ben pouco a ciencia recoñecía unha única especie de xílgaro, Carduelis carduelis, que escusaba levar un caracterizador específico no seu nome galego porque non había máis ca un. Mais, hoxe en día considérase que existen dúas especies de xílgaro no planeta, Carduelis carduelis e Carduelis caniceps, coas súas correspondentes subespecies. Por esta razón escolleuse o termo xílgaro europeo para Carduelis carduelis (fronte a xílgaro oriental para Carduelis caniceps, cunha área de distribución que está fóra do Estado español).

No tratamento terminolóxico hai algunhas denominacións vernáculas que son utilizadas como adxectivos especificadores para nomear certas aves do país. Por exemplo, os patrimoniais avefría, abetouro e pernileiro úsanse de maneira xenérica, respectivamente, para formular os nomes das aves dos xéneros Vanellus, Botaurus e Burhinus; e ademais os vernáculos choromica, bruón e correbois utilízanse tamén para caracterizar as tres especies do país. Deste xeito, atopamos avefría choromica (Vanellus vanellus), abetouro bruón (Botaurus stellaris) e pernileiro correbois (Burhinus oedicnemus).

Como vemos, e como é natural, existe unha coincidencia grande entre os nomes populares e os que figuran nesta proposta terminolóxica, mais hai casos en que algúns dos presentados non coinciden estritamente cos patrimoniais. Por exemplo, buxato e miñato adoitan ser sinónimos con distribución diatópica na fala popular, pero aquí reservouse o primeiro para as especies do xénero Buteo, e o segundo para as do xénero Milvus, aplicando unha metodoloxía terminolóxica que se ten empregado para a ornitonimia noutras moitas linguas. O resultado é que teriamos en galego un termo para designar as especies do xénero Buteo e outro para as especies do xénero Milvus, como acontece na maioría das linguas desenvolvidas terminoloxicamente, e novas acepcións no significado galego de buxato e de miñato.

Deste xeito, buxato tería unha primeira acepción na lingua común como ‘ave de rapina diúrna, de tamaño mediano e plumaxe acastañada, da familia Accipitridae’, cos sinónimos miñato e lamote (entre outros); e unha segunda acepción especializada na terminoloxía ornitolóxica como ‘calquera das aves de rapina diúrna de tamaño mediano e rabo arredondado do xénero Buteo, como o buxato común (Buteo buteo) ou o buxato calzado (Buteo lagopus)’.

Igualmente para miñato, teriamos unha primeira acepción na lingua común igual que a devandita de buxato, cos sinónimos buxato e lamote; e unha segunda acepción, na ornitoloxía especializada, como “calquera das aves de rapina diúrna de tamaño mediano e rabo forcado do xénero Milvus, como o miñato real (Milvus milvus) ou o miñato negro (Milvus migrans)”.

Harmonización coa nosa contorna cultural

Desde o comezo deste traballo tívose presente o criterio recollido nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (RAG e ILG) do ano 2004: Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego”.

Sobre as referencias para os nomes lusófonos das aves tivéronse en conta, sobre todo, Aves do mundo. Lista de nomes portugueses (Alves et al. 2021) e Os nomes portugueses das aves de todo o mundo: projeto de nomenclatura, de P. Paixão (2021). Consultáronse, ademais, as seguintes obras específicas para o portugués de Portugal: Reyes-Prósper (1886), Paulino d’Oliveira (1896), Tait (1924), Pereira (1979), Sacarrão e Soares (1979), Rufino (1989), Costa et al. (2000, 2018), Matias et al.(2007, 2011), Catry et al. (2010), e Elias (2022). Para o Brasil, revisáronse Piacentini et al. (2015) e Pacheco et al. (2021); e para Angola, Mills e Melo (2013).

A maioría das voces adoptadas da lusofonía corresponden a aves raras ou ocasionais na nosa xeografía, para as que non dispomos de nomes específicos galegos. Nalgúns casos, os nomes xenéricos galegos vernáculos coinciden cos nomes portugueses, como mazarico (maçarico) ou pilro, e adoptouse o modificador luso específico: mazarico subela para Xenus cinereus, motivado pola forma do bico; ou pilro anano para Calidris minutilla, polo seu tamaño. Noutros casos mantívose o xenérico luso xa adoptado en galego para un grupo de aves, como rolieiro para as especies do xénero Coracias; de modo máis específico: rolieiro europeo para Coracias garrulus e rolieiro abisinio para Coracias abyssinicus.

As denominacións portuguesas tamén serviron para corrixir algún castelanismo rechamante. Por exemplo, o nome tordo *charlo utilizado para Turdus viscivorus polo nome tordo visgueiro. Charlo e charla son denominacións andaluzas específicas para Turdus viscivorus, referidas ao “charr, charr” do seu reclamo, e de aquí o apelativo característica e exclusivamente castelán zorzal charlo, para nomear a especie. O especificador visgueiro, usado na lusofonía e escollido agora para o galego, alude á súa alimentación: as bagas de visgo, que se atopan entre as súas preferencias. Esta peculiar característica está indicada no nome científico da especie —viscivorus, que significa comedor de visgo— e tamén é coincidente coa denominación da especie noutras linguas: romanés, sturz de vâsc; inglés, mistle thrush; alemán, Misteldrossel etc.(tordo relacionado co visgo, en todas elas).

Por unha razón semellante rexeitouse o nome *malvasía, nalgunha ocasión usado en galego para os patos do xénero Oxyura, por ser *malvasía, novamente, unha denominación característica e exclusivamente castelá destes patos. No seu lugar, adoptouse o termo portugués pato de rabo alzado (pato-de-rabo-alçado), claramente identificador destas especies, aínda que se considerou un pouco longo para a formación dos diferentes nomes específicos e formulouse como raboalzado. Así, preséntanse os termos raboalzado de cabeza branca para Oxyura leucocephala e raboalzado americano para Oxyura jamaicensis —as dúas especies presentes na Península Ibérica—. En galego, polo tanto, usaríase malvasía para referirse a un tipo de uva e de viño, chamados así na súa denominación de orixe, mais non para designar os patos do xénero Oxyura.

Outro sector onde foi importante a contribución da lusofonía é o das aves exóticas suramericanas ou africanas, presentes no Estado español de maneira ocasional ou asentadas recentemente procedentes de cativerio. Neste sentido, déuselles preferencia ás denominacións lusas antes que ás equivalentes castelás. Preferimos, pois, bico de lacre a pico de coral para os paxaros do xénero Estrilda; deste xeito, adoptamos para as tres especies xa ibéricas: bico de lacre ondulado (Estrilda astrild), bico de lacre de rabo negro (Estrilda troglodytes) e bico de lacre de fazulas laranxa (Estrilda melpoda). Igualmente, déuselle preferencia á forma catorra fronte a cotorra para as dúas especies xa amplamente establecidas en Europa: catorra arxentina (Myiopsitta monachus) e catorra de Kramer (Psittacula krameri).

Cando para unha especie exótica existía un nome castelán e un nome portugués adoptados de voces locais, por vía de regra escolleuse o portugués. Por exemplo, tomouse do brasileiro o nome ireré para os patos do xénero Dendrocygna —á súa vez tomado do tupí—, fronte ao castelán suirirí, usado no Perú e Bolivia (e no norte da Arxentina como sirirí). Propoñemos, pois, os nomes ireré viúvo para Dendrocygna viduata e ireré caneleiro para Dendrocygna bicolor. De modo similar, o nome atobá para as aves mariñas do xénero Sula: atobá de pés vermellos (Sula sula), atobá grande (Sula dactylatra) etc.

Harmonización con outras linguas romances e non romances

Cando se trata de aves que non están presentes habitualmente na nosa xeografía, ás veces non existen nomes vernáculos galegos e tampouco a lusofonía fornece unha solución óptima para nomealas. Nestes casos, despois de analizarmos as denominacións que reciben en linguas romances e non romances, escolleuse para o galego un nome que fose similar ao que reciben, de maneira coincidente, noutras linguas.

Así, por exemplo, en diversas linguas as denominacións dos paxaros do xénero Cercotrichas fan referencia ao seu trazo máis característico, o seu vistoso rabo: castelán, alzacola; catalán, cuaenlairat (rabo elevado) e coadreta (rabo dereito); neerlandés, waaierstaart (rabo de abano); éuscaro, buztantentea (rabo ergueito); finés, ruostepyrstö (rabo enferruxado) etc. Neste caso, escolleuse en galego rabiteso para as especies do xénero Cercotrichas, e rabiteso rubio para Cercotrichas galactotes, mellor que outros nomes propostos anteriormente, exclusivos ou menos transparentes.

No caso dos paxaros do xénero Jynx, da familia Picidae, escolleuse para o galego o nome virapescozo, que fai referencia á capacidade singular que teñen de virar o pescozo cando se senten ameazados, asemellándose a unha cobra. Noutras linguas noméanse de maneira similar: castelán, torcecuello; francés, torcol; catalán, colltort; italiano, torcicollo; portugués, torcicolo; inglés, wryneck; alemán, Wendehals; neerlandés, draaihals etc. Deste xeito adoptamos, máis especificamente, virapescozo europeo para Jynx torquilla e virapescozo africano para Jynx ruficollis (cunha área de distribución fóra do Estado español).

Procurando así mesmo a harmonización con outras linguas, escolleuse o nome rei dos paspallás para as especies do xénero Crex. A motivación semántica alude aos bandos migratorios mixtos que forma esta ave cos paspallás migradores (Coturnix coturnix), que é igualmente a orixe das denominacións que recibe en castelán, guion de codornices e rey de codornices; en italiano, re di quaglie; en francés roi caille ou roi des cailles (amais de râle des genets); ou en alemán, Wachtelkönig. En portugués, polo mesmo motivo, ademais de codornizão, Crex crex tamén é chamado rei-das-codornizes. Máis especificamente, en galego, proponse rei dos paspallás europeo para Crex crex (e rei dos paspallás africano para Crex egregia).

O nome éider co que en galego designamos algúns patos mariños é un préstamo do islandés æthar (no século XVIII escrito como ædar, ou æðar) ou do sueco ejder, que tamén foi adoptado por moitas linguas romances —incluído o portugués— e non romances: francés, eider; castelán, éider; catalán, èider; italiano, edredone; inglés, eider; alemán, Eiderente; dinamarqués, ederfugl; neerlandés, eider; éuscaro, eider etc. Na presente lista unificada mantense esta tradición xa existente en galego, cos nomes éider común para Somateria mollissima e éider real para Somateria spectabilis.

Outro préstamo tomado de linguas nórdicas para o galego é o de havelda, que se incorpora aquí como novidade para o pato mariño Clangula hyemalis. Procedente do islandés havela (ou hávella) ou do dinamarqués havlit, tamén presente no noruegués como havelle, pasou ao francés con diferentes formas ao longo dos séculos: havelde (datado en 1676, forma hoxe abandonada) e o actual estándar harelde. O mesmo nordismo foi incorporado ao castelán como havelda e pato havelda. En galego optouse por havelda para Clangula hyemalis por ser inequívoco, usándoo ademais de maneira exclusiva e sen necesidade de especificadores por ser este pato unha especie senlleira, única no seu xénero.

Outro exemplo de préstamo é o de hubara para as dúas especies do xénero Chlamydotis, nome que en Europa se difundiu principalmente a partir do francés houbara, procedente orixinariamente do árabe ُ ‎ىراَ بَ ح (ḥubārā). De modo semellante, existen hubara en castelán, hubara en catalán e houbara en inglés. En harmonía tamén neste caso coa lusofonía, escolleuse para o galego o termo hubara moura para Chlamydotis undulata (e hubara oriental para Chlamydotis macqueenii, con área de distribución fóra do Estado español).

O nome científico como fonte da denominación galega

Os nomes científicos tamén son fonte para nomear algunhas especies de aves en moitas linguas, e serven así mesmo de referencia para o galego. Este é o caso do xénero Leiothrix, formado a partir do grego clásico leios, que significa ‘suave’, e thrix, que significa ‘pelo’, adoptado para nomear estes paxaros en diversas linguas: francés, léiothrix; catalán, leiòtrix; castelán, leiótrix; inglés, leiothrix; lituano, lejotriksas etc. Igualmente en galego, antes que outras denominacións formadas con rousinol —xa que non son propiamente rousinois—, preferiuse o nome leiótrix para estas especies: leiótrix de bico vermello para Leiothrix lutea (e leiótrix de bico amarelo para Leiothrix argentauris, con área de distribución fóra do Estado español).

Tamén con referencia ao nome científico, destacamos a escolla de cetia para os paxaros do xénero Cettia ou da familia Cettidae, e cetia das ribeiras especificamente para Cettia cetti, cuxa denominación latina honra o zoólogo italiano Francesco Cetti. Considerouse esta opción mellor que outros termos propostos anteriormente en galego para Cettia cetti formados con rousinol ou reiseñor, por causa do parecido que ten co rousinol común (Luscinia megarhynchos, que é doutra familia, Muscicapidae). De xeito semellante, este grupo de especies denomínase cetia en castelán, en eslovaco, e, ás veces, tamén na lusofonía, amais de no esperanto ĉetio.

Nesta mesma liña propúxose pendureiro para o xénero Remiz, e pendureiro europeo para Remiz pendulinus, paxaros que teñen a característica de teceren e penduraren o niño, como tamén se indica no nome científico, pendulinus. Preferiuse pendureiro por ser claro e inconfundible, antes que préstamos rechamantes do castelán pájaro moscón, ou formacións con ferreiriño –pois non son propiamente ferreiriños–. O nome que reciben noutras linguas tamén fai referencia ao feito de teceren e penduraren o niño: en italiano, pendolino; en catalán, teixidor; en inglés, penduline-tit etc.

Outras consideracións: o uso de maiúsculas e minúsculas

Os nomes das aves son nomes comúns, designan todos os exemplares da mesma especie, non un único exemplar diferenciado dos outros, e en galego escríbense con minúscula: gatafornela (non *Gatafornela); gaivota chorona (non *Gaivota Chorona nin *Gaivota chorona).

Ás veces utilízanse nomes de personaxes históricos ou mitolóxicos para nomear as aves. Nalgúns casos, actúan como substantivo para a formación do nome común dunha especie, como acontece no caso das calíopes (cinco especies do xénero Calliop, familia Muscicapidae): calíope siberiana (Calliope calliope), calíope escura (Calliope obscura) etc.; noutros casos, actúan como adxectivo en aposición para formar o nome da especie, como no caso da garza goliat (Ardea goliath). Aínda que os nomes dos personaxes históricos ou mitolóxicos se escriben con maiúscula (Calíope, Goliat etc.), cómpre lembrarmos que eses nomes son propios —e escríbense, xa que logo, con maiúscula— só cando aluden a ese referente único, diferenciado individualmente doutros do mesmo grupo; pero son nomes comúns —e escríbense con minúscula— no caso dos nomes das aves, porque aluden por igual a todos os exemplares da especie: non é que un paxaro en concreto se chame así, senón que miles e miles de paxaros reciben igualmente o mesmo nome, xa que é o nome da especie. En plural: calíopes siberianas, calíopes escuras, garzas goliat etc.1

Mais cómpre ter en conta que, se o nome da ave inclúe a preposición de seguida dun nome propio de persoa ou de lugar, ese elemento si que continúa a designar aquela realidade individualizada e única, é dicir, continúa sendo un nome propio e escribíndose —só ese elemento— con maiúscula: calandra de Dupont; carrán do Caspio; en plural: calandras de Dupont; carráns do Caspio.

1 Os nomes das aves mencionadas neste parágrafo non aparecen na lista padrón que presentamos, porque non se documentou a súa presenza no territorio do Estado español; así e todo, foron tratados no traballo da comisión e exemplifican moi ben o que se está a comentar.