O presidente da RAG subliñou que a institución homenaxea o profesor Carvalho Calero "consciente de que promove un debate que non debemos obviar, que é o das posibilidades da proxección da nosa lingua alén das fronteiras administrativas e a súa relación coa comunidade irmá lusobrasileira e africana". "É un debate que ten que ver coa universalidade do galego que defendía a Xeración Nós e que non se reduce a unha cuestión lingüística, moito menos ortográfica, senón que debemos relacionala coa capacidade creativa da sociedade galega en todos os ámbitos: a industria, a ciencia, a tecnoloxía, a arte, o pensamento etc.", concluíu.
Víctor F. Freixanes interveu na presentación da programación das Letras Galegas 2020, celebrada en Santiago de Compostela, canda o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; as fillas do homenaxeado, Margarita Carballo Ramos e María Victoria Carballo-Calero; o presidente da Associaçom Galega da Língua, Eduardo Sanches Maragoto; a responsable de RSC da CRTVG, Marta Fernández Sánchez; a tenente de alcalde do Concello de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; e o tenente de alcalde do Concello de Ferrol, Antonio Golpe Díaz. O acto tamén contou entre o público convidado con representantes de distintas asociacións, entidades e empresas que colaborarán ou conmemorarán dalgún xeito as Letras Galegas de Carvalho Calero.
Da divulgación na Rede ao debate académico
A Real Academia Galega abriu o pasado mes de xaneiro na súa web, academia.gal, o espazo biográfico dedicado a Ricardo Carvalho Calero, asinado polo académico e secretario da institución Henrique Monteagudo. A sección, dispoñible en https://academia.gal/letras-actual, completarase con novas, reportaxes, entrevistas e artigos que se publicarán ao longo dos vindeiros meses.
Tamén na Rede, a semana pasada botou a andar a nova edición do proxecto Primavera das Letras, co que a RAG fornece os nenos e nenas de recursos lúdicos e didácticos para achegarse á figura e á obra do autor homenaxeado. A web, que se irá enriquecendo con novos contidos ata o mes de maio, foi presentada o 11 febreiro da man da comunidade educativa do CEIP Cruceiro de Canido, en Ferrol. O Portal das Palabras, a web de difusión do léxico galego da Academia e a Fundación Barrié, tamén celebrará as Letras Galegas de Carvalho Calero con distintos contidos divulgativos.
A Academia volverá á cidade natal do autor o vindeiro 17 de maio para celebrar o seu pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, unha sesión aberta a todo o público que terá lugar no teatro Jofre. A celebración do Ano Carvalho Calero continuará á volta do verán cun simposio que afondará dende a perspectiva académica en distintos aspectos da súa obra e do tempo histórico que o intelectual viviu.
Exposicións, concursos e edicións especiais
A programación das Letras Galegas de Carvalho Calero inclúe, entre outras propostas, diversas exposicións e concursos. Imaxe de cen anos xa pode verse no Centro Cultural Torrente Ballester do Concello de Ferrol e a mostra Don Ricardo de Fingoi está a percorrer distintas localidades tras presentarse no colexio lugués que o autor dirixiu durante quince anos. O Concello de Santiago de Compostela organizará outra mostra con imaxes inéditas de Carvalho Calero noutra cidade fundamental na súa vida e a Xunta de Galicia, en colaboración co AGAL, levará a exposición A voz presente, entre marzo e decembro, a once localidades, entre elas o concello portugués de Viana do Castelo.