Arquivo

Os Precursores o Rexurdimento e o Día das Letras Galegas

Na primeira metade do século XIX xorde en Galicia unha serie de acontecementos que debuxan unha nova situación que prepara o camiño para o chamado Rexurdimento. Esta época é coñecida como a dos Precursores.

Tres feitos históricos importantes contribúen a espertar a conciencia de moitos galegos.

Establecemento da Xunta Povincial Nacional

O primeiro deles é a invasión francesa, que dará lugar a que circulen textos de axitación popular na lingua do país. A conciencia dunha Galicia diferenciada do resto de España irá aumentando progresivamente e esta procura de identidade maniféstase en publicacións nas que os escritores e políticos valoran o propio fronte á agresión externa. En Galicia, como no resto de España, vese a necesidade -ante a incapacidade das institucións- de crear un corpo armado cuxo obxecto sería a organización da defensa, os armamentos e a subsistencia do exército en Galicia. As Xuntas de Armamento xorden, pois, ante o baleiro de poder xerado pola invasión francesa.

As cidades e vilas galegas álzanse fronte ao invasor francés en Xuntas, organizadas primeiro individualmente para logo confluír na Xunta Suprema do Reino de Galicia, que actúa como soberana durante todo este período e ten a honra de ser das primeiras de toda a Península no rexeitamento dos franceses, o que fai exclamar ao Duque de Wellington: “Españoles, imitad a los inimitables gallegos”.

Temos a gran fortuna de custodiar no Arquivo da RAG a documentación da creación e posterior funcionamento dunha delas, a Xunta de Armamento e Defensa de Lugo: este fondo conserva as Actas das Sesións da Xunta de Partido de Lugo, correspondencia, oficios e informes sobre os asuntos que lles atinxen, neste caso un conxunto de medidas contra a especulación que provoca a suba do prezo do gran.

Reprodución dunha das páxinas do libro de rexistros de Arcade (Soutomaior, Pontevedra), onde aparecen rexistrados os falecementos do mes de abril de 1809 e onde se atribúe a causa desas mortes á acción dos franceses (Arquivo da RAG).

Xa en 1856, ten lugar o banquete de Conxo no que confraternizan estudantes e traballadores con xente de clases sociais máis elevadas compartindo mesa e mantel (o que supón unha ruptura do réxime social establecido) e no que o galeguismo adopta características revolucionarias. Reivindícase o dereito de Galicia a administrar os seus propios recursos, e nel participan homes que terán un gran protagonismo no proceso galeguizador, como Aurelio Aguirre ou o propio Eduardo Pondal, que le uns versos da súa propia creación, escritos ex professo para este banquete:

“...y brindo por el pueblo soberano, y a quien acate libre como el viento, el vuelo del humano pensamiento...” (Fragmento do poema Brindis)

Este documento pertence ao Arquivo Parga Pondal, que está formado principalmente polos manuscritos literarios de Eduardo Pondal, xunto cunha serie de correspondencia. En menor número, tamén hai fotografías e outros documentos persoais. A maioría da documentación é acumulada ao longo dos anos de estancia de Pondal na Coruña, onde reside desde 1894 (cunha paréntese entre 1905 e 1908, en que se atopa en Ponteceso) ata 1917, ano do seu pasamento.

Retrato de Eduardo Pondal aos 24 anos
Lector do poema Brindis no Banquete de Conxo

O seguinte salto cara a diante dáse coa publicación, en 1853, do primeiro libro escrito en lingua galega no século XIX, A gaita galega, o cal é de vital importancia para a normalización literaria. O seu autor é Xoán Manuel Pintos, que, xunto con Francisco Añón, Manuel Murguía e outros, pertence ao grupo dos chamados Precursores, por esta faceta de anticiparse ao que logo será o pleno rexurdir da cultura galega.

Estes acontecementos, xunto co marco xeral europeo que propicia a corrente historicista do Romanticismo, auspician a chegada do Rexurdimento pleno, coa publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro en 1863, obra que supuxo a maioría de idade do novo rexurdir da cultura galega. Outros escritores destacados son Curros Enríquez (Aires da miña terra, 1880) e Eduardo Pondal (Queixumes dos pinos, 1886), que lle deron ao galego a plenitude literaria que perdera séculos atrás. Este Rexurdimento estará estreitamente vencellado aos movementos ideolóxicos do rexionalismo e o federalismo (que progresivamente van acentuando os postulados do provincialismo). A complementariedade, o alto valor poético e a orixinalidade de cada un dos tres poetas que o representan - Rosalía de Castro, Pondal e Curros- contribúen de xeito fundamental á creación da conciencia de Galicia.

Portada do libro A Gaita Galega
Portada da primeira edición de Cantares Gallegos

A data da primeira edición de Cantares Gallegos será a elixida cen anos despois para a celebración, solicitada pola Real Academia Galega, do Día das Letras Galegas.