Arquivo

Os exiliados no arquivo da Real Academia Galega

No arquivo da Real Academia Galega conservamos os papeis de dous intelectuais galegos que sufriron a condena do exilio, Ramón Suárez Picallo e César Alvájar. Obrigados a fuxir da represión da ditadura franquista, ambos finaron sen lograr regresar ao seu país.

Ramón Suárez Picallo (Sada, 1894 - Buenos Aires, 1964), deputado polo Partido Galeguista, en 1939 exiliouse en América do Sur. Pasou pola República Dominicana, Chile, Montevideo e Buenos Aires, vivindo sempre do xornalismo. Foi un dos fundadores do Consello de Galiza, creado para funcionar como un goberno galego no exilio.

Ramón Suárez Picallo rodeado dos alumnos do curso de xornalismo que impartiu na Aula de Cultura do Centro Lucense de Buenos Aires. 1961. Arquivo da Real Academia Galega.

De Picallo conservamos un pequeno fondo documental formado por papeis reunidos por Abelardo Lago, compañeiro del no xornal Lugo de Buenos Aires. Lago doou, anos despois da morte do de Sada, a documentación á Real Academia.

O fondo está formado por documentación persoal, cartas, fotografías, recortes de prensa e varios manuscritos de Suárez Picallo. Todo o material pertence aos últimos anos da súa vida, que pasou na Arxentina. Alí regresou en 1956, despois de marchar do país por culpa do goberno peronista (estaba na lista da temible Sección Especial da Policía Federal debido á súa militancia sindical e federalista, polo que tiña medo das represalias).

César Alvájar (A Coruña, 1892 - París, 1965) foi tamén xornalista e político. Militou en varios partidos republicanos e durante a Segunda República e a Guerra Civil ocupou diversos cargos na Administración pública. Tras a derrota republicana de 1939, exiliouse en París onde faleceu en 1965. Ao igual que Picallo, foi membro do Consello de Galiza.

César Alvájar sentado á mesa (no centro da fotografía e con lentes) nun banquete en París conmemorativo da proclamación da República. Á súa dereita, José Maldonado González. 1964. Arquivo da Real Academia Galega.

En 1981, a súa filla, Ana María Alvájar, doou á Real Academia Galega unha reprodución de cartas, manuscritos, recortes de prensa e documentación persoal, todo pertencente a seu pai e datado entre os anos 1916 e 1965.

Carta de César Alvájar a Domingo Quiroga e á súa muller. 1964, setembro, 12. París. Arquivo da Real Academia Galega.

A este fondo documental hai que engadir a doazón de cartas que Alvájar enviou desde o exilio a tres amigos da Coruña, Domingo Quiroga Ríos, Arturo Taracido e Luís Molist. Estas cartas chegaron á Academia da man dos tres correspondentes que as foron doando ao longo da década de 1970.

Domingo Quiroga Ríos (A Coruña, 1900 – 1992), tras o golpe de Estado de 1936, foi encarcerado polos militares insurrectos. Ao rematar a guerra foi inhabilitado como administrativo da Mariña Civil e marchou ao exilio. Traballando para a FAO, implicouse no desenvolvemento de políticas pesqueiras respectuosas cos recursos naturais. Logrou regresar a Galicia, onde foi un dos fundadores da asociación ecoloxista ADEGA.

Arturo Taracido Veira (A Coruña, 1887 – 1982) foi tenente de alcalde do concello da Coruña e deputado provincial durante o período republicano. O réxime franquista encarcerouno ata que en 1946 puido regresar á súa cidade natal, onde foi xerente da compañía Laboratorios Orzán.

Luís Molist Torrell foi o fundador da Librería Molist da Coruña a finais da década de 1940. A librería sobreviviu ata non hai moitos anos, levada adiante polos seus descendentes.

En total, conservamos case un centenar de cartas datadas entre as décadas de 1940 e 1960. Nelas César Alvájar reencóntrase con estes tres vellos amigos desde a distancia do seu exilio parisiense.

Todos estes fondos documentais non só son o testemuño das vivencias dos seus produtores, senón tamén dun retorno á terra que só puideron levar a cabo en papel.