Arquivo

Os álbums fotográficos

A fotografía e os fondos persoais teñen unha relación complexa dende unha perspectiva histórica. Se ben é certo que dende a aparición da técnica fotográfica a comezos do século XIX xa podiamos considerala como un obxecto valioso máis, a atesourar dentro do patrimonio documental, non foi ata a chegada do século XX coa a popularización das cámaras fotográficas que a foto empezou a aparecer intrinsecamente vinculada á documentación persoal. Isto foi debido fundamentalmente a motivos económicos xa que os custos para obter retratos nos comezos do XIX eran moi elevados e tamén técnicos, pois practicamente o fotógrafo tiña que levar un carromato con todo o seu material fotográfico para realizar unha soa fotografía.

Álbum Murguía Castro
Álbum Murguía Castro

O formato de “carte de visite” foi moi popular durante a segunda metade do século XIX, dende a obtención da súa patente, o 27 de novembro de 1854, polo fotógrafo parisiense André Disdéri ata a aparición da cámara , no 1900, que popularizou as instantáneas fotográficas. O formato da “carte de visite” permitía obter varias tomas fotográficas dunha soa placa negativa a través de cámaras que incorporaban un número variable de obxectivos (polo xeral de 4 a 8), podendo obter imaxes en papel albuminado que se adherían a unha cartolina dun tamaño semellante ao das tarxetas de visita (90 x 65 mm). Chegou ao seu cénit durante a Guerra de Secesión norteamericana dada a comodidade do formato para o envío de instantáneas a familiares e amigos durante o conflito. O tal éxito que tivo foi un certificado de celebridade decimonónica e de recoñecemento social (Lincoln chegou dicir que grazas ao retrato que lle fixo o famoso fotógrafo Matthew Brady gañou as eleccións), que animou as editoriais tanto europeas como americanas a editar recompilacións dos persoeiros dos que tivesen retratos, publicando compendios deles nun formato e prezo accesibles. Estes álbums foron comercializados en Europa polo xeral con luxosas encadernacións en pel, con ferraxes e peches metálicos, cantos dourados e ornamentados e de cando en cando, con adobíos de prata, nácara ou marfil nas cubertas. Fabricados na maior parte dos casos en Francia ou Alemaña, as “cartes de visite” introducíanse por unhas rañuras que tiñan estes de cartón, para quedaren expostas e para que se puidesen mudar con facilidade.

Álbum Sánchez Bregua
Álbum Sánchez Bregua

Os seguintes álbums que aparecen son xa os que nos acompañarían dende boa parte do século XX ata a chegada da fotografía dixital que volverá mudar o paradigma.

Álbum Novo García

Cando no ano 1903 xorde unha nova técnica de impresión (a medios tons) que permite a publicación de instantáneas nos libros, diarios ou revistas, o modelo de álbum muda e pasa a ser de carácter privado ou familiar, converténdose na caixa máxica onde atesourar os intres máis significativos de cada un. Coa popularización dos procesos de revelado en xelatina DOP e achegada dos negativos de nitrato de celulosa, o sistema de almacenamento, polo xeral, vai ser a través de filmes adhesivos ou pegamento xunto con plástico transparente desprazando definitivamente ao cartón, o papel duro e a seda características dos álbums decimonónicos.

Xa na era dixital na que nos atopamos inmersos no século XXI os álbums tal e como os coñecíamos desapareceron sendo agora en vez de físicos coleccións dixitais que están almacenadas nos equipos persoais ou en servidores na nube que, nalgúns casos, dependendo da preferencia do usuario imitan o xeito e proceder dos seus pretéritos antecesores.

Álbum Novo García

No arquivo da Real Academia Galega temos a fortuna de contar con varios exemplos moi conspicuos destes álbums, e tamén como non podía ser de outro xeito, cunha cada vez máis grande colección dixital de fotografías.