O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, recibiu este mediodía o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez Fernández, na sede temporal da institución no polígono de Pocomaco. O rexedor entregoulle exemplares de Herminia Fariña. Vida e obra dunha poetisa de Meaño, un volume editado polo concello para divulgar a figura da escritora, con raíces neste municipio pontevedrés.
O título forma parte das iniciativas que dende Meaño se están a desenvolver dentro da súa reivindicación dun Día das Letras Galegas para Herminia Fariña (1902-1964), membro correspondente da Real Academia Galega.
Na recepción tamén participaron o vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo; os concelleiros Jorge Besada Serén e Raquel Balboa Torres; Guillermo Besada Serén, director da publicación e estudoso da figura de Herminia Fariña e Martiño Picallo, quen tamén investigou a súa biografía.