Letras galegas 2020

O Parlamento de Galicia homenaxea a Carballo Calero cun libro e unha mostra

O Parlamento de Galicia presentou hoxe o libro Ricardo Carvalho Calero, Orador. Discursos e leccións, editado pola Cámara galega en homenaxe ao autor ao que a Real Academia Galega lle dedica neste 2020 o Día das Letras Galegas. O Parlamento inaugurou ademais unha mostra bibliográfica do intelectual na Biblioteca Carballo Calero, onde se conservan os seus libros e o o seu arquivo persoal.

Pola esquerda, Pilar García Negro, autora da obra e coordinadora da mostra; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; Victoria Carballo-Calero, filla do homenaxeado; e o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. Fonte: Parlamento de Galicia

O libro foi escrito pola  profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro, quen coordinou tamén a mostra. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, participou na presentación do volume canda o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; a autora; familiares de Carballo Calero; e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

A mostra bibliográfica amosa por orde cronolóxica medio cento de libros e mais documentos persoais de Carballo Calero como o carné de socio do Seminario de Estudos Galegos e dúas cartas de Otero Pedrayo.