Arquivo

O mestre e o cólera morbo

Francisco María de la Iglesia (Santiago de Compostela, 1827 – A Coruña, 1897), mestre, poeta e escritor, pasou á historia como o autor d’A Fonte do xuramento, obra teatral que inaugurou a dramaturxia galega contemporánea coa súa estrea na Coruña o 13 de agosto de 1882.

Francisco María de la Iglesia

Cartas, manuscritos e apuntamentos seus, un anaco da súa vida como quen di, consérvanse dentro dun fondo documental familiar, denominado “Irmáns de la Iglesia” que custodia o arquivo da Real Academia Galega. Desde fai anos a documentación deste fondo pódese consultar libremente a través do portal Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia, páxina na que está aloxado o catálogo do noso arquivo.

Entre os papeis que forman este conxunto de documentos, atópase o testemuño dos coidados e axudas que o mestre santiagués prestou aos seus veciños durante a epidemia de cólera que golpeou á cidade da Coruña no ano de 1854. Trátase dunha certificación expedida polo concello da Coruña e afiuzada pola declaración de varias testemuñas e por un certificado de Francisco Gayoso y Rubiños, médico do distrito coruñés no que residía De la Iglesia.

No imaxinario colectivo occidental, falar de epidemias é falar da peste medieval, ou do tamén tristemente famoso andazo de gripe de 1918, feitos históricos convertidos pola nosa cultura en símbolos desa terrible vivencia colectiva da enfermidade que é unha pandemia. Porén, cada época tivo a súa propia peste. O século XIX estivo, no que lle atangue neste sentido, marcado por recorrentes andazos de cólera.

O cólera, como ensina a medicina moderna, é unha enfermidade contaxiosa, causada por unha bacteria capaz de producir a morte por deshidratación do doente. Desde 1817, produciu varias pandemias que acabaron coa vida de milleiros de persoas no mundo.

A epidemia sufrida na Coruña á que fai referencia a certificación mencionada, tivo a súa orixe en Vigo, onde comezou no mes de novembro de 1853. A partir desta data, a enfermidade foi prendendo, con momentos de acougo, en diferentes localidades de Galicia e da Península durante os dous anos seguintes.

Os portos eran a porta de entrada habitual da enfermidade. Na imaxe, peirao na Coruña na descarga do peixe, c. 1890

Ante a extensión e intensidade da infección do cólera neste anos en Galicia, chegouse a publicar entre maio e setembro de 1854 un Boletín del Cólera, periódico de circunstancias, baixo a dirección do médico santiagués José Varela de Montes, co obxectivo de aportar os consellos e remedios que os médicos de entón ían aprendendo do coidado dos enfermos, pois aínda non se coñecía a orixe da enfermidade.

Finalmente, ao cabo de 1855 a cifra de falecidos, segundo cálculos contemporáneos, acadou o o terrible cumio de 194.792. A precaria estrutura sanitaria, a falta de hixiene e as crises de fame que caracterizaron aquel século, eran tamén circunstancias que agravaban, multiplicándoos, os efectos do cólera. O dramatismo destes queda moi ben reflexado na descrición que fai o médico Gayoso Rubiños do comportamento de Francisco de la Iglesia durante aquel angazo de 1854:

[...] viéndome fatigadísimo por el sinnúmero de enfermos atacados del cólera morbo asiático a que tenía que asistir en mi distrito, y que estos en su inmensa mayoría eran gente pobre, preocupada y fácil de recibir infinitos medicamentos que el vulgo daba como buenos, aun cuando fueren causa de la misma muerte de que pretendían escapar, se me presenta oportunamente [Francisco María de la Iglesia] y animado de un noble sentimiento [...] a curar bajo mi dirección no solamente a los enfermos que lo solicitasen, sino a los casos de período álgido condenados a una muerte segura [...] y desde entonces continuó prestando en el barrio importantísimos servicios, pues muchas veces los pacientes eran abandonados por sus familias por temor al contagio, sin que hubiera otra mano bienhechora que los consolara [...] salvándose de este modo muchos pobres vecinos que de otro modo hubieran sucumbido en su cruel abandono.

Ao fin, o mestre compostelán, enfermou tamén, así como a súa nai, a súa muller e dous fillos pequenos que, a diferencia dos seus maiores, non conseguiron sobrevivir á doenza.

Baixo a capela do cemiterio coruñés de San Amaro, hai unha fosa común con vítimas do cólera

En 1884, o médico alemán Robert Koch identificou á bacteria que provocaba a enfermidade do cólera, e abriu así o camiño para que a ciencia atopase os tratamentos mais axeitados para curala. Hoxe en día, aínda que seguen a producirse brotes ocasionais de cólera, non volveron a acadar a virulencia e malignidade das pandemias sufridas no século XIX.