Coma nos seus libros, Lojo asume o seu ingreso na RAG co propósito de desenvolver “unha función especialmente fermosa, porque se desempeña ao entrelazar mundos e reunir horizontes”. “Implica ser extraterritorial ou pluriterritorial e estar de xeitos distintos en varios puntos ao mesmo tempo”, reflexiona a autora, filla de nai castelá e pai de Boiro. Dela herdou o amor polos libros, pero no lugar no que se fixou foi no do pai. “Por iso me defino tamén, especialmente, como galega filla”, confesa a académica, que titulou precisamente o seu discurso Unha galega filla en Buenos Aires. “Os relatos do meu pai da aldea, da casa, do río, eran o meu taiel ou tayül, o meu canto da liñaxe. Este canto que, segundo a nación mapuche, vincula cada ser e cada familia coa súa identidade ancestral dentro do cosmos, coa cadea de xeracións pasadas e vindeiras, e revela a asociación entre os humanos e os elementos naturais cos que se emparentan”, compara a autora, en cuxa obra a pegada do herdo paterno dialoga con elementos da cultura dos pobos indíxenas da Arxentina.
O presidente da RAG foi o encargado de darlle resposta á nova académica en nome da institución nunha sesión que se celebrou co apoio do Concello da Coruña. Alén da dimensión literaria de María Rosa Lojo, con ficcións na procura das raíces como Árbol de familia (2010) e Todos éramos hijos (2014); Víctor F. Freixanes salientou nas palabras de benvida a súa dimensión científica, como investigadora e crítica literaria, con traballos sobre a pegada galega en América como Los gallegos en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa; e a súa faceta como divulgadora e activista a prol da cultura galega e da memoria de Galicia.
Das cartas familiares á novela: a escritura que tende pontes
A escritura é dende sempre para María Rosa Lojo o xeito de tender pontes entre os dous lados do océano. Primeiro, como para tantas familias separadas, “a través das cartas que unían os finisterres”. “A miúdo tiven a sensación de que boa parte da miña vida estaba á outra beira, actuada e completada por familiares que eu aínda non coñecía, que eran letras nun papel, imaxes nunha foto”, evoca. Máis adiante, mesmo antes da súa primeira viaxe a Galicia en 1993, tomaría forma de feliz expresión literaria .“Cando por fin crucei o mar na procura da totalidade perdida, o nobelo de cartas foise desenvolvendo coma un fío de Ariadna. (...) Comprendín que a miña patria estaba nas palabras, que nelas se reunirían os meus mundo e que non serían unicamente miñas, senón de todos. Non somos mónadas, senón elos, a voz que cremos propia é sempre insuficiente. A literatura require unha posición primaria de agarda e escoita. Somos apenas unha canle, unha gorxa pola que escorre o coro da voz colectiva”, advirte.
“A historia arxentina non sería o mesmo sen Galicia”
María Rosa Lojo non só reivindica as súas raíces galegas, tamén a influencia que exerceron os millóns de galegos que migraron á Arxentina na súa historia e na súa identidade, e lamenta o escaso recoñecemento do país de acollida ao papel da diáspora galega. “Parte da historia galega é arxentina e, á inversa, a historia arxentina non sería o mesmo sen Galicia, como deixou escrito Antonio Pérez Prado. Os galegos son tan fundadores do país do Plata como os seus poboadores orixinarios, pero os arxentinos aínda non caeron na conta de que levan esas básicas identidades cruzadas e inscritas no ADN biolóxico e cultural. Indíxenas e galegos sufriron, en diversos graos, o bullying dos prexuízos e os etnocentrismos hexemónicos e a miúdo ocultáronse ou ocultáronos baixo o paraugas de ‘español’ ou de ‘crioulo’”, analiza.
A nova académica detense nesa parte fundamental da historia galega contemporánea escrita na Arxentina e repasa algúns dos fitos do galeguismo que Castelao se esforzou en reavivar durante o franquismo dende Buenos Aires, “o centro extraterritorial dunha patria soñada”. Foi alí onde o rianxeiro escribiu e imprimiu Sempre en Galiza (1944), onde pronunciou o seu discurso Alba de groria, e onde foi despedido por milleiros de persoas tras o seu pasamento en 1950. A capital porteña foi igualmente a cidade onde Eduardo Blanco Amor creou e publicou A esmorga, onde se editaron as Memorias dun neno labrego (1961) de Xosé Neira Vilas, e onde Luís Seoane desenvolveu “un labor prodixioso”, engade en referencia á revista Galicia Emigrante (1954-1959) ou ás iniciativas editoriais que o artista impulsou ou nas que participou. “Un riquísimo panorama cultural e literario de autores clásicos e contemporáneos de Galicia, en galego e castelán, ofreceuse grazas a el en diversas casas, algunhas cun longo futuro, como Emecé, Nova e Botella al Mar, e outras moi especializadas pero efémeras, como a emblemática Citania”, valora.
Hoxe aquel espírito atopa relevo xeracional en iniciativas como o grupo Lectores Galegos en Bos Aires, coordinado por Andrea Cobas Carral e Débora Campo, membro correspondente da RAG, xornalista e editora da revista Ñ do diario Clarín, onde escribe artigos que procuran “a restauración de Galicia como referente patrimonial para os arxentinos”. María Rosa Lojo pon tamén como exemplo da continuidade das “redes afectivas e intelectuais da migración” o Colexio Arxentino-Galego Santiago Apóstolo, fundado en 1998 e dirixido polo tamén académico correspondente Carlos Brandeiro; a Cátedra Libre de Literatura e Cultura Galegas da Universidad Nacional de La Plata, en funcionamento dende 2013; a Cátedra Galicia – América da Universidad Nacional de San Martín, creada en 2016 e da que o académico de número Manuel Rivas é director xeral; a Cátedra Libre de Literatura e Cultura Galegas da Universidad Nacional de La Plata (2013); ou o selo Mar Maior da Editorial Galaxia, unha iniciativa impulsada en 2016 por Víctor F. Freixanes.
O ámbito da produción literaria tamén deixa mostras do vivo que segue o vínculo entre aquén e alén. Seguen a saír do prelo biografías, memorias e novelas escritas por persoas con ascendencia galega, moitas delas autoras, coma Claudia Piñeiro, Milagros Díaz Martínez ou Celia Otero, que poñen rostro a un “valiosísimo florecemento dun circuíto memorial que non deixa de medrar, grazas a que hoxe os migrantes, e nomeadamente as mulleres, están en posesión de recursos simbólicos e ben aproveitadas oportunidades que os seus devanceiros non tiveron”.
De Rosalía de Castro a Maruja Mallo, mitohistoria e saudade
O discurso de María Rosa Lojo reflexiona tamén sobre o concepto antropolóxico de mitohistoria e mais o de saudade, partindo de Rosalía de Castro e chegando a Maruja Mallo. A académica faise eco da crítica de autoras como Helena Miguélez, que advirte do empeño que se puxo historicamente en diluír os aspectos transgresores que perturbasen a imaxe que se construíu de Rosalía de Castro como epítome de todas as “virtudes” consideradas femininas, e que acabou por se converter en símbolo dunha Galicia sentimental e subordinada politicamente. Porén, consciente da posibilidade de “manipulación política” e dos estereotipos que poden operar arredor do concepto de saudade, do que Rosalía foi icona, considera que isto non pode deslixitimar nin invalidar o sentimento mesmo. “Os fillos e fillas de migrantes podemos testemuñalo. Os que marcharon, para salvárense das represalias, para atopar novas oportunidades, ou por ambas as dúas as razóns, viviron a súa xenuína saudade e legárona á súa descendencia. Isto non lles impediu que, en moitos casos, estivesen tamén comprometidos cunha loita pola descolonización galega en todos os planos”, reflexiona.
Os migrantes galegos levaron á outra beira do Atlántico a súa paisaxe, pero unha vez alá esta transformábase e ensanchábase, sostén a autora. “Fóra, o sentimento do perdido compénsase coa admiración polo (re)encontrado. No reverso da migración e do exilio hai unha épica que reafirma o propio dende un punto de vista diferentes”, analiza a académica. A figura de Maruja Mallo ilustra a reflexión. A artista de Viveiro enriqueceu a súa simboloxía coa paisaxe de acollida e coa cultura dos pobos orixinarios americanos e dos afrodescendentes: “Levou na maleta a costa de Galicia e comunicouna con todos os mares da terra. Converteuna en incumbencia do universo”, conclúe.