Académicos e académicas

María Rosa Lojo

María Rosa Lojo

Título do discurso

María Rosa Lojo (Buenos Aires, 1954) é unha das escritoras máis recoñecidas das letras arxentinas contemporáneas e destacada investigadora e crítica literaria. A súa nai era castelá e o seu pai, exiliado na Arxentina tras a guerra civil, natural de Boiro (A Coruña). A procura das raíces galegas é unha constante en boa parte da súa produción literaria, que se proxecta nas súa vertente investigadora no estudo da migración, o exilio e os espazos simbólicos e a súa influencia na identidade arxentina. A autora desenvolve ademais un importante labor de divulgación da cultura galega e da memoria de Galicia.

Doutora en Letras pola Universidade de Buenos Aires, foi investigadora principal do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas da Arxentina (Conicet) e na actualidade é directora académica do Centro de Edicións Estudos Críticos de Literatura Arxentina na Facultade de Filosofía, Letras e Estudos Orientais da Universidade do Salvador, na capital porteña. Dende 2015 é membro correspondente da Academia Norteamericana da Lingua Española e dende 2017 pertence ao consello de administración da Fundación Sur.

A autora recoñece a influencia que na súa literatura exerceron especialmente as lecturas de Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, pero antes de que iso acontecese xa atopara nos relatos orais do pai un elemento de identificación que compara co “canto da liñaxe” da cultura dos mapuches e ranqueis, os pobos orixinarios do centro e do sur da Arxentina. A pegada galega aparece dende a súa primeira novela, Canción perdida en Buenos Aires al Oeste (1987) ata a última, Solo queda saltar (2018), pasando por Finisterre -traducida ao galego polo académico correspondente Ramón Nicolás como A fin da terra (2006)-, Árbol de familia (2010) e Todos éramos hijos (2014). Outro exemplo é o álbum ilustrado O libro das Seniguais e do único Senigual, publicado orixinalmente en 2010 en galego e vertido seis anos despois ao castelán.

A súa obra foi traducida ao inglés, italiano, búlgaro, francés, tailandés e galego. Entre outras distincións, foi recoñecida co Gran Premio de Honra 2018 da Sociedade Arxentina de Escritores, que recibiu por primeira vez en 1944 Jorge Luis Borges, o Premio de poesía da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, o do Instituto Literario e Cultural Hispánico de California, o Premio á traxectoria en Literatura da asociación Artistas Premiados Arxentinos, o premio do Fondo Nacional das Artes en varias edicións, a Medalla de Prata da Provincia de Buenos Aires, a Medalla da Hispanidade (2009), promovida pola da Federación de Sociedades Españolas da Arxentina e a embaixada de España, o Gran Premio de Honor da Sociedade Arxentina de Escritores, ou a Medalla do Bicentenario da cidade de Buenos Aires.

Foi tamén distinguida coa Medalla Europea de Poesía e Arte Homero, o Premio Phraya Anuman Rajadhon 2015 (Tailandia) á mellor tradución por Finisterre (A fin da terra), a mención no Premio Os Destacados da ALIJA-IBBY 2018 na categoría xuvenil por Solo queda saltar; ou a Distinción Rosalía de Castro (2010) pola asociación Herbas de Prata.

Moitas das publicacións científicas de María Rosa Lojo abordan especificamente a cuestión galega dende A Arxentina. As súas achegas abranguen, entre outros temas, o estudo dos estereotipos galegos no seu país natal e as súas transformacións, abordadas no libro Los gallegos en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa (2008); ou os aspectos autoficcionais da súa propia obra, temas todos eles tratados tamén en encontros internacionais nos que contribúe ao coñecemento da cultura galega.