O colectivo A Rigueira rendeulle homenaxe o pasado domingo a Manuel Caamaño (Noia, 1936-A Coruña, 2026). Destacado activista cívico e cultural desde a mocidade, cando en pleno franquismo descubriu en Barcelona a Galicia oculta e tomou conciencia da súa realidade, era membro correspondente da Real Academia Galega desde 2004. En nome do presidente da RAG, no acto interveu o tamén académico correspondente Fernando López Acuña, quen deu lectura a un discurso de Henrique Monteagudo que repasa a traxectoria de Caamaño, que nos anos 60 se converteu "nun dos axentes culturais máis importantes que tivo o noso país". O texto íntegro pode lerse na sección da Tribuna da Academia.
No acto, celebrado no teatro Colón da Coruña e conducido por Miguel Pernas, tamén interviñeron Xosé Manuel Beiras Torrado; Xosé Ramón Fandiño, do Museo do Pobo Galego, institución á que Caamaño estivo estreitamente vencellado; Carlos López, en representación da Agrupación Cultural O Facho, que o académico correspondente presidiu; e Miro Casabella. O músico actuou ademais na parte musical xunto á coral Follas Novas (da que o homenaxeado foi vicepresidente) e a soprano Susana de Lorenzo.



