O 14 de xuño celebrouse na Coruña unha homenaxe a Manuel Caamaño Suárez, falecido o pasado mes de abril. O acto deu azo para lembrar a salientable singradura vital deste senlleiro galeguista, académico correspondente da RAG desde 2004. Evocarei aquí de xeito moi breve a algúns episodios da súa traxectoria de servizo a Galicia. Un capítulo inicial do seu itinerario vital lévanos a 1960, cando aquel mozo de vinte e catro anos, que acababa de obter o título de aparellador pola Universidade Politécnica de Barcelona, capitanea un núcleo de estudantes galegos para fundar o colectivo Mocedade Galega no seo do Centro Galego de Barcelona (1960-1961), nun momento en que esta entidade foi o escenario principal das actividades culturais do núcleo galeguista na capital catalá.
O noso home volvería decontado a Galicia para se converter nun dos axentes culturais máis importantes que tivo o noso país. Así, entre outras cousas, foi un dos fundadores do Partido Socialista Galego (1963), presidiu a Asociación Cultural O Facho da Coruña (1969-1979), e exerceu como conselleiro das editoriais SEPT (1969-1975) e Galaxia (1972-1986). En efecto, a finais de 1963, cando Caamaño participaba na fundación do PSG, creábase na Coruña a Agrupación Cultural O Facho, á que pouco máis tarde se uniría, para chegar a ser o seu presidente, pulmón e motor desde 1966 a 1979. O Facho foi a asociación máis activa de todas as que se fundaron na década de 1960 no noso país, as cales tiveron un papel vital na resistencia antifranquista e no renacemento tanto da cultura de noso canto do galeguismo político. Á hora de facer balance do labor destas asociacións, cómpre lembrar as condicións extremadamente difíciles en que desenvolvían o seu traballo. Citarei só un parágrafo dunha das obras memorialísticas de Caamaño:
“Foron moitas, innumerábeis, as dificultades que había que superar para levar adiante os traballos que se programaban. Os atrancos para consegui-la aprobación dos estatutos e as autorizacións que tiñan que da-las autoridades de Información e Turismo e dos gobernos civís, só se lograron superar grazas a un teimudo, audaz, intelixente e anónimo labor. As arbitrariedades das autoridades, que moitas veces tiñan que consultar a Madrid, estaban sempre presentes nos organizadores. Había rexistros de locais, realizábanse pescudas policiais sobre as persoas, facíanse ríxidos seguimentos decote e, de cando en vez, tamén caía unha multa” (Sobre Galicia como responsabilidade).
Tres libros que levan a sinatura da súa autoría son fundamentais para coñecer a heroica resistencia galeguista naqueles anos escuros. O primeiro é Pro e contra da liturxia en galego. Historia dunha polémica (1980), que asina con Xosé M. Rodríguez Pampín, e que recolle unha documentación riquísima acerca da loita pola galeguización da Igrexa e da liturxia naqueles tempos, unha batalla de enorme importancia no devir da nosa historia contemporánea. Os outros dous, de carácter memorialístico, son Sobre Galicia como responsabilidade (escritos e discursos, 1970-1986), publicado en 1988, e Dun tempo e dun país (2006). Xunto aos testemuños recollidos nestes volumes, é indispensable consultar outros dous textos que non levan o seu nome pero en que está presente tanto a súa man coma o seu inmenso, abnegado, labor: as memorias da agrupación cultural O Facho dos períodos 1963-1969 e de 1970-1975.
O seu primeiro contacto oficial coa Real Academia Galega data de 1968, canto as agrupacións culturais Auriense, Asociación Cultural de Vigo e O Facho se dirixen a aquela coa proposta de “creación dunha comisión académica que, coa colaboración de lingüistas, sociólogos e pedagogos acometa un estudo sobre o ensino do galego e poida preparar programas pedagóxicos e textos escolares axeitados.” A preocupación polo idioma é unha constante na súa traxectoria. Así, desde O Facho foi un dos promotores do curso O galego hoxe publicado por La Voz de Galicia (1978-1980), que atinxiu unha difusión extraordinaria.
Manolo Caamaño foi un bo e xeneroso, e foino de xeito teimudo, eficaz e abnegado. A derradeira vez que nos atopamos, no viño de Nadal que ofreceu a Academia a finais de 2025 (un encontro ao que acudía ano tras ano), insistinlle nun rogo que lle viña facendo desde hai tempo: que redactase as súas memorias. Díxome que estaba traballando nelas. Teño a esperanza de que, se non as rematou, ao menos nos deixase unha achega suficiente para testemuñar a súa vida exemplar, sen a cal non se pode entender o resistir e o rexurdir da cultura galega contra o vento e marea da historia. Sempre na nosa memoria.


