Henrique Monteagudo, novo presidente da Real Academia Galega

O pleno da Real Academia Galega, reunido na tarde de hoxe tarde en sesión extraordinaria, apoiou a candidatura de Henrique Monteagudo (Muros, 1959) á presidencia. O décimo cuarto presidente da RAG estará acompañado na comisión executiva por Ana Boullón Agrelo como secretaria; María López-Sández na tesourería; María Dolores Sánchez Palomino como arquiveira bibliotecaria e Lourenzo Fernández Prieto como vicesecretario.

 

1/4

Neste novo período de “continuidade e novo pulo” a Academia seguirá a traballar na defensa do idioma, afondando nunha liña propositiva que reforce a colaboración coa sociedade civil e outras institucións. Dentro da súa estratexia de servizo público, a entidade presentará novas ferramentas lingüísticas en liña e seguirá a apostar polo incremento da presenza feminina no seu seo, nun período no que regresará ademais á súa sede, unha vez completada a rehabilitación integral do edificio histórico da rúa Tabernas da Coruña.

A de Henrique Monteagudo foi a única candidatura rexistrada. O catedrático de Filoloxía Galega da USC, ata o momento coordinador do Seminario de Sociolingüística da Academia, estará á fronte da corporación tras os oito anos de Víctor F. Freixanes na presidencia, para quen tivo palabras de especial recoñecemento no seu discurso ante o pleno, celebrado no pazo municipal de María Pita. Agradeceu tamén o tempo compartido cos demais membros das comisións executivas das que formou parte como secretario (2013-2021) e vicesecretario (2021-2025), doce anos nos que aprendeu “a enxergar que se espera de nós, a valorar a relevancia social do papel da Academia e a entender como debe relacionarse coa cidadanía, con outros colectivos e institucións”.

A defensa do idioma, unha “necesidade imperiosa”
Henrique Monteagudo puxo o acento na defensa da lingua galega, elemento axial da institución fundada en 1906, e comprometeuse a procurar novas formas de exercer esta responsabilidade, “cada vez máis imperiosa” por mor das medidas restritivas desenvolvidas na súa contra, advertiu. Desde 2010, cando se comezaron a adoptar marcos e accións contra o galego como o chamado Decreto do Plurilingüismo, a Academia veu exercendo unha posición crítica constante, con recursos xudiciais que chegaron ata o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e con máis de dez declaracións institucionais. Na última delas, aprobada no pleno de decembro de 2024, reclamaba un acordo político e social polo idioma.

“Non nos cansaremos de insistir na necesidade, que arestora é urxencia, dese pacto”, salientou Henrique Monteagudo. “Ao mesmo tempo, procuraremos novas formas de exercer a nosa responsabilidade na defensa da lingua, sempre co obxectivo de facela máis eficaz”, proseguiu. Sen abandonar a análise crítica, avogou así por afondar “nunha liña propositiva, en sintonía coas iniciativas que xorden do corpo social”. “Debemos seguir investindo en fomentar a sensibilidade social cara ao idioma, alentar as iniciativas positivas e visibilizar experiencias enriquecedoras, ao mesmo tempo que tentamos esclarecer os problemas con críticas ilustradas e con propostas construtivas”, engadiu.

O novo presidente sinalou ademais a oportunidade que supón seguir fortalecendo a difusión e a accesibilidade dos recursos de consulta lingüística, aproveitando as oportunidades que brindan as novas tecnoloxías para superar a fenda entre o galego e o castelán. Alén de aspirar ao reforzamento do equipo que traballa no Dicionario da Real Academia Galega, confiou en que na primeira metade do seu mandato poidan presentarse outras ferramentas de utilidade para o estudo e a divulgación do idioma como o Dicionario bilingüe castelán-galego, a Gramática do galego e o Dicionario de apelidos.

Seguirase de igual xeito apostando –continuou– pola comunicación pública da RAG e a visibilidade da cultura galega na Rede. Entre outras propostas, buscaranse colaboracións con outras institucións e diversos axentes, tanto en Galicia como na diáspora, e en particular con iniciativas que partan da mocidade.

A nova comisión executiva farase cargo da reinstalación da Academia na sede da rúa Tabernas da Coruña, unha vez conclúa a súa rehabilitación integral, que se prevé para o último trimestre do ano. O presidente confía en que o regreso ás súas instalacións no centro histórico da Coruña contribúa a lle dar un novo impulso á corporación. En clave organizativa, proporase a creación dunha comisión do pleno que estude a reforma dos estatutos e do regulamento de réxime interno da Academia co propósito de axilizar o seu funcionamento e ampliar a súa implantación, apuntou Henrique Monteagudo. Reivindicarase así mesmo un mellor financiamento para a RAG, acorde coas funcións que asume de servizo á sociedade.

Un equipo diverso e representativo
Coa candidatura á presidencia, o pleno aprobou a composición da comisión executiva. Os membros do novo equipo representan as principais áreas de traballo da Academia: a lingua, a literatura e a historia.

Henrique Monteagudo (Muros, 1959), catedrático de Filoloxía Galega da USC e coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, conta cun amplo currículo académico internacional en universidades europeas e americanas. A sociolingüística e os estudos sobre a normalización da lingua galega ocuparon dende comezos dos anos 80 unha parte moi importante do labor investigador do novo presidente, que ten na figura de Castelao e no seu ideario lingüístico outro esteo central. No campo da literatura, Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro ou Carlos Casares son algúns dos grandes nomes das letras aos que lles ten prestado atención, xunto a figuras da lírica medieval como Paio Gómez Chariño, Afonso X O Sabio ou o xograr Martin Codax.

A secretaria, Ana Isabel Boullón Agrelo (A Pobra do Caramiñal, 1962), é catedrática de Filoloxía Galega da USC e experta en onomástica, a liña de investigación que desenvolveu con máis intensidade ao longo dunha traxectoria na que tamén conta con destacadas achegas ao campo da lexicografía, a edición de textos antigos e a lingüística histórica. Membro do Seminario de Onomástica da RAG, é a coordinadora da Guía de nomes galegos e da Guía de apelidos galegos, e está a coordinar o Dicionario de apelidos galegos, que se publicará proximamente.

María López-Sández (Lugo, 1973), profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC e escritora, ocuparase da tesourería. Os seus estudos céntranse na teoría da literatura, a sociolingüística, a didáctica das linguas en contextos multilingües coma o galego e a problemática do idioma na educación. É membro da Sección de Literatura e do Seminario de Sociolingüística, campo no que participou en achegas como Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión e Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO.

María Dolores Sánchez Palomino (San Vicente de la Barquera, Cantabria, 1961), catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña, asumirá o posto de arquiveira bibliotecaria. Especialista en lexicografía e terminoloxía, é unha das redactoras principais do Dicionario da RAG dende as primeiras versións en papel editadas a finais do século XX. Na actualidade é membro do Seminario de Terminoloxía e do Seminario de Lexicografía, no seo do cal dirixe a revisión e actualización do Dicionario bilingüe castelán-galego, que verá a luz en liña no novo mandato.

O vicesecretario Lourenzo Fernández Prieto (Ribadeo, 1961) é catedrático de Historia Contemporánea da USC. Experto en historia agraria e no tempo do golpe, a guerra e o franquismo, na actualidade é coordinador do Centro de Investigación Singular de Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que agrupa equipos de investigación das tres universidades galegas das áreas de historia, xeografía, economía, enxeñaría, socioloxía, ciencia política e medio ambiente.