Franco Grande daralle nome ao Premio de Investigación Xurídica da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo acollerá o venres 1 de abril unha homenaxe a Xosé Luís Franco Grande, finado a finais de marzo de 2020. O escritor, lexicógrafo e académico, avogado de profesión, daralle nome ao Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega creado neste centro de acordo co resultado da votación popular na que participaron o alumnado, o profesorado e o persoal de administración e servizos.

O Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luís Franco Grande ten como obxectivo fomentar o uso do galego nos traballos académicos relacionados co mundo do dereito. Na primeira edición do certame pode participar calquera persoa matriculada nunha universidade española entre os cursos 2019-2020 e o actual. O prazo de presentación das investigacións permanece aberto ata o 20 de abril.

Malia ser avogado de profesión, Xosé Luís Franco Grande sempre compaxinou o oficio coa creación literaria e o activismo cultural. Cultivou a literatura dende moi novo e foi o autor do Diccionario galego-castelán (1968) e o Vocabulario galego-castelán (1972), dúas obras de referencia na divulgación do léxico galego nunha época de grandes carencias nese eido. Como poeta formou parte da xeración das Festas Minervais cunha voz de grande orixinalidade, aínda que a súa estrea como autor foi con Vieiro choído, a obra de teatro que inaugurou en 1957 a colección Illa Nova da Editorial Galaxia.

Tras o seu pasamento, días despois de comezar o confinamento por mor da pandemia da covid-19, a Real Academia Galega rendeulle homenaxe, cadrando coa celebración do Día da Poesía do ano 2021, cunha serie de vídeos na que distintas voces recitan unha escolma dos seus versos.