A Academia celebra na semana do Día da Poesía os versos de Xosé Luís Franco Grande

A Real Academia Galega celebrará o Día da Poesía cunha homenaxe audiovisual a Xosé Luís Franco Grande (1936-2020). A institución á que pertenceu o escritor e lexicógrafo, finado o pasado 31 de marzo, difundirá ao longo desta semana en academia.gal e nas redes sociais unha serie de vídeos nos que distintos membros da RAG recitan poemas da súa autoría e recordan a súa figura. A lembranza conta ademais coa participación das fillas do académico, Navia e Rosalía Franco Barreiro, que quixeron formalizar nas vésperas do primeiro cabodano do autor unha doazón á Academia moi especial, a dun dos escasísimos exemplares da primeira edición facsimilar do pergamiño Vindel (1915), un agasallo da tamén poeta e académica Xohana Torres ao seu pai.

Rosalía e Navia Franco Barreiro posan co presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario, Henrique Monteagudo, tras a sinatura da doazón do exemplar facsimilar do Pergamiño Vindel co que Xohana Torres agasallou a Xosé Luís Franco Grande.

Malia ser avogado de profesión, Xosé Luís Franco Grande sempre compaxinou o oficio coa creación literaria e o activismo cultural e foi, de feito, para varias xeracións o autor de dúas obras esenciais da lingua galega: o Diccionario galego-castelán (1968) e o Vocabulario galego-castelán (1972). “Serviu para achegarnos á nosa lingua e tamén a nós mesmos nunha época en que tiñamos as ventás pechadas á liberdade”, lembra a académica Fina Casalderrey na serie. Foi ademais un destacado ensaísta, autor de libros como Os anos escuros. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-60) e articulista, pero a RAG reivindica co gallo do Día da Poesía (21 de marzo) o Xosé Luís Franco Grande poeta, pertencente á xeración que se incorporou ás letras galegas en pleno franquismo, recorda o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. 

“Franco Grande foi compañeiro da Real Academia Galega durante moitos anos, participou activamente na xestión da institución e ademais era moi querido por nós. Como poeta, é moi representativo da xeración de mozos que se incorporan ás letras galegas nun tempo difícil, o da ditadura, cunha poesía moderna. Foi un dos autores máis significativos da Xeración da Tebra, dentro do espírito do existencialismo, da procura da intimidade, das grandes preguntas que o ser humano se fai diante da vida. A súa é unha poesía coidadosa, esixente, crítica, unha poesía que deixa pegada en todos nós”, define Víctor F. Freixanes na intervención que abre a homenaxe.

 

Os académicos Salvador García-Bodaño e Ramón Lorenzo –compañeiros da Xeración das Festas Minervais, nas que Franco Grande foi premiado en cinco ocasións– tamén participan nesta celebración da súa poesía canda os igualmente membros de número da RAG Xesús Alonso Montero, Marilar Aleixandre e Henrique Monteagudo, e a académica correspondente Olivia Rodríguez. Cada participante recita nun dos vídeos un poema do autor, que en 1967 gañou o Premio Nacional Rosalía de Castro co poemario Entre o si e o non, unha obra de corte existencialista nuns tempos nos que nas letras galegas predominaba a poesía social-realista. Franco Grande volveu ás librarías como poeta, vinte anos despois, con Herdo de memoria e tempo. En 2015 publicou Xoguetes do tempo e en 2017, tres anos antes do seu pasamento, Libro das abandonadas.

A autenticidade dun autor marcado pola Tebra natal
A serie inclúe unha emotiva colaboración das fillas do autor. Rosalía e Navia Franco recordan nunha conversa o seu pai e recitan os poemas que este lles dedicou a cada unha delas. “Resúltame moi difícil falar de pai, pero eu diría que, sendo unha persoa máis ben calada, de poucas palabras, sabía atopar sempre a palabra precisa e máis fermosa, tanto nos seus poemas como nas súas conversas con nós”, comparte Rosalía Franco. “Cando penso nel, penso fundamentalmente en dúas palabras: autenticidade e Tebra. Autenticidade porque creo que era radicalmente auténtico. Sempre dicía o que pensaba, creo que era moi valente. E Tebra porque esa foi a aldea de Tomiño na que naceu, na que se criou e que nunca abandonou. Sempre formou parte da súa vida, da súa lírica e, por suposto, foi alí onde naceu o amor de pai pola lingua galega”, engade Navia Franco.

 

Un exemplar moi especial das sete cantigas de Martín Codax
Rosalía e Navia Franco quixeron formalizar nas vésperas do cabodano de Xosé Luís Franco Grande a doazón á Real Academia Galega dun libro moi especial por dous motivos. As fillas do homenaxeado entregáronlle á institución un dos poucos exemplares da primeira edición facsimilar do Pergamiño Vindel (s. XIII), da que só se puxeron no seu momento á venda dez copias. O libriño que reproduce o manuscrito das sete cantigas de amigo de Martín Codax foi un agasallo de Xohana Torres ao seu amigo e compañeiro de xeración Franco Grande, con quen chegou a compartir un programa radiofónico semanal na emisora La Voz de Vigo.