Sonora, a composición gañadora do XVI Premio Internacional de Composición Musical Andrés Gaos convocado pola Deputación da Coruña, será presentada por vez primeira ante o público durante un concerto que terá lugar este sábado, 26 de setembro, ás 20 horas nos Estudios Mans (A Coruña). A peza de Aitor Vázquez Torres (Jerez de la Frontera, 1993), baseada no libro homónimo de Chus Pato, será interpretada por Arxis Ensemble, baixo a dirección do propio Aitor Vázquez Torres, e coa soprano Margarita Rodríguez como responsable da parte vocal, construída a partir de textos de Sonora.
O luns 28 de setembro, ás 20:00 horas, Aitor Vázquez Torres e Arxis Ensemble ofrecerán un segundo concerto de Sonora no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.
A composición musical nace da relación entre a música de Vázquez Torres e o universo poético do libro publicado por Chus Pato en 2023, que foi merecente do Premio Nacional de Poesía en 2024 pola súa capacidade para explorar novas formas de expresión poética e pola súa reflexión arredor da morte, a memoria e a perda.



