Letras galegas 2020

Da poesía como catarse á interacción entre ficción e memoria

Ricardo Carvalho Calero definiuse no limiar de Pretérito imperfeito (1980) como unha persoa educada nuns principios alleos á complacencia no autorreatro. Pero non sería difícil deseñar a través dos seus versos un retrato interior do protagonista do Día das Letras Galegas, "un dos poetas que con máis autenticidade ten exposto na súa obra de criación a súa visión da existencia", valora Pilar Pallarés. A poeta e antóloga de Carvalho Calero profundou esta tarde nas ficcións do eu na obra do autor no marco da terceira das catro xornadas do simposio que a Real Academia Galega lle dedica. E fíxoo poñendo o foco no xénero co que se sentiu máis identificado, a poesía, unha arte que concibía como catarse. A escritora compartiu mesa coa catedrática Laura Tato Fontaíña, que percorreu a produción dramatúrxica do autor ferrolán; e o biógrafo Henrique Rabuñal, que lle prestou atención á novela Scórpioe os seus personaxes femininos. A académica Margarita Ledo foi a encargada de moderar a sesión centrada na literatura do homenaxeado.

 

Pilar Pallarés, autora das antoloxías Fillo de Eva (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero) (1992) e Beleza, verdade (Chan da Pólvora, 2019), sinala a aparente discordancia entre a concepción da poesía como catarse que tiña o autor e a súa escrita "reflexiva, intelectualizada, emocionalmente contida e até por veces distante". A partir de aí, traza un percorrido polos seus poemarios na procura dos materiais procedentes das vivencias de Carvalho Calero e analiza algunhas das súas estratexias da ficcionalización do eu: as máscaras do suxeito lírico, o discurso irónico e o mito.

Pilar Pallarés, Laura Tato e Henrique Rabuñal nun momento do simposio. Fonte: RAG

"O do cativo serio e precoz; o do mozo universitario, poeta e militante idealista dunha ‘grande Galiza utópica'; o do oficial defensor da República; o do que ‘non morreu' e sobrevive baixo a ollada desapiadada da Medusa; o marxinado polo que antes foron compañeiros; o vello ante a doenza e a morte. Todos eses retratos están na súa obra poética, aínda que case nunca dunha maneira evidente, pois Carvalho rexeita o particular e subxectivo e toma o real como apoiatura para unha indagación que quere ser arquetípica e o eu como manifestación concreta do humano", disecciona a relatora.

Scórpio, unha novela "moderna e orixinal"

O autobiográfico tamén está presente nos relatos e nas novelas de Carvalho Calero, dende O lar de Clara ata Scórpio (1987), unha obra "moderna e orixinal" en que se detivo Henrique Rabuñal nunha intervención centrada na narrativa. O escritor e profesor, autor da biografía Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra (2020), pon o acento na orixinalidade técnica e as achegas estilísticas desta novela tan celebrada pola crítica. Pero o éxito da obra radica tamén no que ten de "reflexión e memoria individual e colectiva para o período 1910-1939, nunha interacción premeditada entre ficción e memoria e nunha meditación sobre a guerra e as súas consecuencias para a xeración de Carvalho e para os seus ideais", valora.

"A riqueza e pluralidade das voces narradoras, a axilidade do relato, a contradición entre as luces e as sombras que acompañan o protagonista mudo, a honestidade con que viaxamos ao pasado e a presenza de figuras femininas son elementos moi determinantes", sintetiza Henrique Rabuñal, que prestou especial atención precisamente ás mulleres que habitan Scórpio e contribúen na narración da historia do seu protagonista.

Contribución á construción dun teatro nacional

A produción como dramaturgo de Ricardo Carvalho Calero foi abordada pola catedrática de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Laura Tato Fontaíña, especialista en teatro galego, e gañadora, entre outros, do IV Premio de Investigación Lingüística e Literaria Ricardo Carvalho Calero con Teatro e nacionalismo. Ferrol 1915-1936 (1995). A traxectoria de Carvalho Calero como autor teatral –resume– comeza cando o Partido Galeguista, na Asemblea celebrada en Ourense (1934), encargou ás Mocidades Galeguistas un relatorio sobre o teatro galego, e conclúe en 1980 coa súa derradeira e "mellor peza", Os xefes (1980), na que deixou "unha homenaxe ao Castelao d'Os vello non deben de namorarse e mais unha profunda reflexión sobre o poder".

Pola esquerda, o académico Henrique Monteagudo, coordinador do simposio; Laura Tato Fontaíña; Pilar Pallarés; o escritor Henrique Rabuñal; a académica Margarita Ledo, moderadora da sesión; Pilar García Negro, relatora tamén do simposio; e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. Fonte: RAG

O Simposio Ricardo Carballo / Carvalho Calero rematará o vindeiro xoves, 29 de outubro, cunha nova sesión na sede da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) dedicada ás ideas lingüísticas do homenaxeado. A mesa contará coas achegas de Henrique Monteagudo, Serafín Alonso Pintos, Eduardo Maragoto e Rosario Álvarez e, coma as demais, poderá seguirse en directo dende academia.gal. Xa o sábado 31 de outubro, cadrando co 110 aniversario do nacemento do autor, a Academia celebrará no teatro Jofre de Ferrol o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, que tivo que ser adiado por mor do confinamento.