“As cuestións ambientais preocupan á cidadanía galega, en coincidencia co aumento de percepción da crise climática como un problema en España e nos países europeos. O equilibrio entre desenvolvemento e sustentabilidade suscita retos, como a tensión entre, por unha banda, o obxectivo de transición das fontes de enerxía fósiles ás renovables, e pola outra os impactos negativos das instalacións no territorio”, salientan a académica Marilar Aleixandre e a académica correspondente Celia Pereira Porto, coordinadoras da xornada, que se organiza co apoio do Concello da Coruña. Neste contexto, abordaranse, entre outras cuestións, a paisaxe e o patrimonio natural e cultural como categoría xurídica. O programa inclúe ademais a actuación musical de Faia Díaz.
Consuelo Castro Rey abrirá a tarde coa intervención A paisaxe como categoría xurídica e a súa protección. A avogada do Estado detallará a evolución do concepto de paisaxe e do seu tratamento xurídico, “desde unha visión esteticista centrada na protección de determinados espazos considerados excepcionais até a reivindicación do dereito de individuos e comunidades a gozaren dun contorno de calidade”, explica.
A protección ambiental na encrucillada global é o título da contribución de Alba Nogueira, na que sinalará como o contexto xeopolítico está a provocar unha reordenación das prioridades políticas con clara postergación dos obxectivos climáticos e de protección ambiental. “Na Unión Europea, pero tamén na esfera internacional, están producíndose movementos que indican unha perda de pulso da transición climática e o abandono de proxectos para reforzar a lexislación ambiental”, advirte a catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela. “Recentemente a UE renunciou a aprobar a norma que ía regular o greenwashing e planea relaxar as esixencias ambientais noutra serie de ámbitos”, pon como exemplo a experta en dereito ambiental.
Luís Villares participará na xornada cun relatorio sobre o réxime de responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos e as súas deficiencias, e proporá unha alternativa para preservar ambientalmente a costa e defender os intereses económicos e sociais das comunidades. O xuíz do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deterase nas reformas que se realizaron nesta materia tras o accidente do Prestige e no insuficientes que son. “É posible deseñar un sistema legal diferente que realmente asegure que se van reparar todos os danos causados, e isto ten á súa vez un efecto positivo porque empuxa as empresas a elevar os estándares de seguridade para evitar os naufraxios”, considera.
Beltrán Puentes Cociña, profesor de Dereito Administrativo da USC, analizará por último desde unha ollada crítica a estratexia de economía circular impulsada na última década pola Unión Europea. “A cuestión que formulo é se este novo paradigma do dereito ambiental representa unha transformación profunda do actual modelo produtivo, incidindo nas obrigas dos produtores e nas relacións de consumo, ou se pola contra supón a continuidade dun sistema que, malia incorporar retoques cosméticos, segue a basearse no consumo masivo de recursos”, avanza.