Carballo Calero [Carvalho Calero] ingresaba na Academia o 17 de maio de 1958. Cinco anos máis tarde a institución dedicáballe ese mesmo día a primeira edición das Letras Galegas a Rosalía de Castro, cadrando co centenario da publicación dos seus Cantares gallegos. Non é casualidade que a data escollida para a celebración fose esta, dada a incuestionable relevancia da obra do Rexurdimento, que o honrado deste ano considerou "dende a primeira páxina, unha obra mestra de poesía". E tampouco é casualidade que don Ricardo elixise a Rosalía como eixe do seu discurso. "Rosalía inspiroume sempre unha grande admiración, un grande entusiasmo, unha gran devoción", confesoulle el mesmo a Carmen Blanco en Conversas con Carballo Calero. A súa preferencia por Rosalía debíase á "profunda cosmovisión humana" da súa poesía, que para o autor facía dela unha poeta de maior transcendencia ca Pondal ou Curros, recorda a investigadora.
Carballo Calero soubo ademais ver nela máis alá do que fixeron outros críticos no seu momento. "A interpretación de Carballo Calero contrarrestaba dalgunha maneira unha visión reducionista da autora ao plano máis topicamente sentimental e conferíalle universalidade. Nese senso, reaccionaba contra o tópico da Rosalía nai que chorou por todos", profunda María Xesús Nogueira.
A necesidade de continuar cos estudos da obra rosaliana é unha das cuestións sobre as que Carballo Calero incidía a finais dos anos 50 do século pasado no ensaio co que ingresou na RAG, Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía. "Nisto coñécense, verdadeiramente, as obras mestras: en que eternamente nos insinan, e cada xeración estrae novas luces do seu estudo", advertía o autor. María Xesús Nogueira concorda con esta visión e explica que detrás da lectura de don Ricardo viñeron moitas outras que a matizaron dende outros paradigmas, como o do feminismo, que tiñan moito de xeracional.
Carmen Blanco ten participado dende hai décadas nesta angueira colectiva de reler a Rosalía cos ollos de cada tempo. Ela é un dos centros da súa obra, como o foi da de Carballo Calero, grazas en parte a quen foi o seu profesor primeiro no Colexio Fingoi e logo na USC. "Cando me deu clase de Lingua aos nove anos, asignoume o recitado ante o público do poema clave de Rosalía que comeza ¡Follas Novas / risa dáme / ese nome que levás. Este foi un importante punto de partida pois sigo sendo aquela nena", rememora Carmen Blanco, que máis adiante coincidiría co antigo mestre no Congreso Rosalía de Castro e o seu tempo, celebrado en 1985. Dende entón, a especialista non deixou de volver á autora con achegas como "Rosalía Virginia. Avances na poética da liberdade", un traballo presentado en 2013 no Congreso Rosalía de Castro no século XXI no que continúa coa súa perspectiva persoal "a boa crítica del sobre a creadora", engade Blanco.
Outros estudos rosalianos
O discurso de ingreso na RAG non foi o primeiro traballo no que Carballo Calero se detivo en Rosalía. O profesor xa o fixera no seu pioneiro Sete poetas galegos (1955) e a ela tornaría en múltiples ocasións ao longo da súa traxectoria. Rosalía volveu ser a protagonista doutro momento vital e profesional fundamental, cando en 1972 se converteu no primeiro catedrático da USC de Lingüística e Literatura Galega coa lección Particularidades morfológicas del lenguaje de Rosalía de Castro. Entre outros títulos, cómpre destacar tamén Estudos rosalianos. Aspectos da vida e da obra de Rosalía de Castro (1979) ou as súas edicións de Cantares gallegos para Anaya e Cátedra. Os versos deste poemario, dicía don Ricardo, "reimprímense unha e outra vegada, e teñen asegurada a pervivencia inmortal". De igual xeito, 135 despois do seu pasamento, Rosalía segue máis viva ca nunca a través do seu legado.