A académica Marilar Aleixandre foi a encargada de achegar os estudantes á figura da escritora á que a RAG homenaxea este ano nun relatorio centrado na reescritura feminista dos mitos da autora de Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). "Caamaño ollou o mundo a través dos lentes violetas, que permiten ver cousas cousas que para moita xente resultan invisibles", destacou a tamén escritora, cuxa obra está igualmente atravesada por esta perspectiva.
Neste Ano Oteriano que declarou o Parlamento de Galicia, a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero, realizou noutra das sesións un percorrido pola vida e a obra do escritor e xeógrafo ourensán, que o alumnado puido completar coa visita a Trasalba. Entre outros momentos de especial emotividade na súa vida, evocou a estreita amizade que unía Otero Pedrayo e Castelao e mais o seu derradeiro encontro na Arxentina. No literario, Arias Chachero definiu a Otero Pedrayo como "o noso Tolstoi". "Soubo retratar moi ben a vida nas aldeas, o que xira arredor do traballo no campo, a dignidade dos labregos e a busca de oportunidades de futuro", valorou.
A presentación aos 60 estudantes de 17 nacionalidades distintas da figura de Valentín Lamas Carvajal fíxoa o académico correspondente Afonso Vázquez-Monxardín, quen reivindicou tanto o seu perfil de creador literario como o seu labor xornalístico como impulsor de varios medios, entre eles O Tío Marcos da Portela, pioneiro do xornalismo en galego.
A Real Academia Galega organiza os Cursos Galego sen fronteiras en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. O programa desenvólvese cada mes de xullo en Santiago de Compostela. Como en ocasións anteriores, a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, acompañada de representantes da corporación municipal, recibiu o alumnado no Pazo de Raxoi. Foi no mediodía do pasado 15 de xullo, unha intensa xornada que concluíu co xa tradicional encontro de confraternidade no parque de Bonaval, ao que acudiu en representación da executiva da RAG a secretaria, Ana Boullón.
A clausura desta última edición celebrouse o 24 de xullo na Facultade de Filosofía coa entrega dos diplomas. No acto de despedida interviñeron o presidente da RAG, Henrique Monteagudo; a directora dos Cursos, a académica María López-Sández; a vicerreitora da Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana Iglesias; a profesora Esther Martínez Eiras e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. Os representantes institucionais puxeron o foco no dobre valor desta iniciativa: o valor que os cursos achegan ao alumnado e o valor que o alumnado aporta á sociedade galega e, tamén, ao mundo.


