Remata a XXXVI edición dos Cursos Galego sen fronteiras, un antídoto contra a intolerancia que agasalla o mundo coa nosa lingua

En 1988 nacían os Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”. Dende entón, cada verán Santiago de Compostela acolle persoas de todo o mundo interesadas en se mergullar na lingua de noso, coa única pausa obrigada pola pandemia da covid. A que foi a XXXVI edición concluíu hoxe coa entrega dos diplomas a algo máis de 60 alumnas e alumnos procedentes de 17 países de Europa, América e Asia, unha festa de despedida en que se puxo o foco no dobre valor desta iniciativa que organiza a Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega da USC e co apoio da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia: o valor que os cursos achegan ao alumnado e o valor que o alumnado aporta á sociedade galega e, tamén, ao mundo.

1/8

A clausura dos cursos celebrouse na Facultade de Filosofía, onde se desenvolve o groso dun programa que combina clases teóricas e prácticas con obradoiros de música e baile tradicionais, conferencias de especialistas en diversos temas e creadoras e creadores como o escritor Manuel Rivas, que esta semana pechou o calendario de encontros con voces convidadas desta edición cun coloquio co alumnado. No acto de despedida interviñeron o presidente da RAG, Henrique Monteagudo; a directora dos Cursos, a académica María López-Sández; a vicerreitora da Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana Iglesias; a profesora Esther Martínez Eiras e o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

“Nestes xa preto de corenta anos, polos Cursos Galego sen fronteiras pasaron arredor de 3.000 persoas que contribúen claramente a proxectar cara a fóra a nosa cultura e a nosa lingua”, recoñece o presidente da RAG. “Pero esta experiencia tamén é unha oportunidade, para o alumnado e para nós, de diálogo intercultural. E isto é algo especialmente valioso nun momento en que se está a fomentar o descoñecemento e o rexeitamento do estranxeiro, o pecharse cadaquén na súa cultura e o desprezo polas minorías. Neste tempo de tensións internacionais e guerras, de fomento do odio, fainos moi felices contarmos con este pequeno espazo para falarmos, para entendérmonos, para aprender a respectar as minorías e a valorar a diversidade lingüística”, conclúe Henrique Monteagudo, que foi docente das primeiras edicións do programa e creador do seu lema, “Galego sen fronteiras”.

A vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio subliña na mesma liña esa “dimensión internacional da lingua galega” que promoven os cursos e a súa contribución ao fomento da diversidade. “O galego é unha lingua de cultura, de creación e coñecemento. Conéctanos cunha comunidade histórica e cun patrimonio extraordinariamente rico, pero é tamén unha lingua plenamente válida para afrontar os desafíos do presente e do futuro. Nun mundo cada vez máis globalizado, a diversidade lingüística constitúe unha riqueza que debemos preservar e promover. Cada lingua ofrece unha maneira singular de interpretar a realidade, de nomear o mundo e de construír relacións entre persoas. Os cursos que clausuramos hoxe contribúen precisamente a ese obxectivo. As persoas que participan neles regresan aos seus países, universidades ou centros de traballo levando co mellor presente que Galicia ten para dar: a súa lingua”, destaca Ana Cabana Iglesias.

O secretario xeral da Lingua incide tamén na oportunidade que significan os cursos para reforzar o papel das cátedras de lingua galega no estranxeiro, “unidades operativas ou, falando de xeito máis romántico, embaixadas” do galego, e agradece o “entusiasmo” que o alumnado amosa cada ano nos cursos. “Os estudantes de Galego sen fronteiras fan especial cada mes de xullo e esta iniciativa é unha parte importante da estratexia de internacionalización do ILG”, engade na mesma liña a directora do instituto, Elisa Fernández Rei.

A directora dos cursos agradécelles igualmente aos estudantes a “xenerosidade” da súa achega á sociedade galega. “O interese do alumnado axúdanos a estar orgullosos do propio e crea ademais un vínculo coa lingua e coa cultura de noso que ten continuidade. Agardamos que esta edición, como as anteriores, servise de estímulo para realizar novas investigacións relacionadas con Galicia e traducións das nosas letras a outros idiomas”, expón María López-Sández.  

Entre as ideas que explorar, o programa deste ano incidiu, a través das palestras de Patricia Arias Chachero e o académico correspondente Afonso Vázquez-Monxardín, nas figuras do autor de Arredor de si, neste Ano Oteriano declarado polo Parlamento de Galicia; e Valentín Lamas Carvajal, cadrando cos 150 anos d’O Tío Marcos d’A Portela, periódico pioneiro en galego. Especial atención mereceu Begoña Caamaño, protagonista do Día das Letras Galegas, protagonista do relatorio da académica Marilar Aleixandre e tamén parte destacada do monográfico impartido pola estudosa da súa obra e biógrafa María Xesús Nogueira sobre literatura galega e xénero, lembra López-Sández.

Diálogo político para o futuro da lingua
No marco da súa intervención na clausura dos Cursos, e tras as referencias do secretario xeral da Lingua á proposta do Plan Xeral de Normalización da Lingua, o presidente da Real Academia Galega pediu diálogo político para acadar un pacto polo idioma. “Como presidente da RAG, teño ocasión de falar con moita xente de moi distintos sectores. E o quero transmitir é a mensaxe que nos chega da sociedade galega, que é un clamor de que os gobernantes e os dirixentes políticos se senten a dialogar, que non existen escusas para non chegaren a acordos que garantan no fundamental o futuro do galego, que corre risco”, conclúe.