
De todos é sabido que unha feira é unha reunión periódica de xentes do común e comerciantes que acoden a un lugar público coa finalidade de vender, mercar ou intercambiar obxectos, produtos moi varios ou animais de distintas clases e razas de diversa pelaxe: bovina, vacún, cabalar, porcina... Evidentemente —cando falo da feira— estou partindo da miña experiencia das feiras da infancia e adolescencia vividas nas terras ourensás de fronteira con León e Zamora: as dos concellos da Veiga (onde nacín) e as de Viana do Bolo, ás que moitas veces acudín.
Esas experiencias son as que me serven de documentación sentimental para este breve comentario no que imos establecer dous planos: o fondo de escena, en que todo se ve a distancia e que se representa en silueta esvaída —onde habemos figurar o conxunto da feira e que cadaquén debe recrear na súa imaxinación—, e mais a escena do primeiro plano. O groso da fotografía éncheo o primeiro plano, que ocupa o máis do espazo. Aquí observamos un conxunto de catro figuras humanas (tres mulleres e un mociño) e uns ranchos. As dúas mulleres maiores forman unidade compositiva con respecto ás outras dúas figuras.
A primeira, a máis grosa, que leva un porquiño amarrado dunha corda, sorrí e non se sente intimidada pola presenza da cámara e o balbordo da feira, posto que se comporta con suma naturalidade. O mesmo podemos dicir da muller dos brazos cruzados que está apoiada na árbore (algo máis nova ca a anterior); vese tamén unha muller segura, relaxada e de boa faciana, mais quizais menos podente economicamente ca a súa veciña. Observen o porte e a vestimenta. A seguir, á dereita, unha mociña e un mociño, entre sorprendidos e abraiados polo foco dunha cámara que mostra interese polos ranchos que se amontoan na boca da fotografía, a agarda de comprador(es) que os leven cara ao futuro onde medrarán, cebaranos e serán sustento de alimento dunha economía rural, que tamén podía ser de subsistencia e/ou de intercambio.
Luciano Rodríguez
Académico correspondente