Antoloxías, un acto literario-musical e mesas de debate polos cen anos das Irmandades da Fala

Catro antoloxías, un acto conmemorativo na Coruña, un ciclo de mesas de debate e a dixitalización de fondos custodiados na Real Academia Galega son parte das propostas coas que esta institución celebrará o centenario das Irmandades da Fala. O presidente da RAG participou esta mañá no acto no que se deu a coñecer a completa programación de actividades deseñada por distintas institucións para difundir o legado dun movemento chave na defensa do idioma galego. Ademais de deterse nalgunha destas accións, Xesús Alonso Montero insistiu en que a mellor homenaxe ás Irmandades da Fala é transmitir a lingua propia aos nenos e nenas.

Presentación da programación do centenario das Irmandades da Fala. Foto: RAG


O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, participou na presentación do programa, no Museo do Pobo Galego, xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal. Ao acto tamén acudiron representantes doutras institucións públicas e privadas que colaborarán na programación do Ano das Irmandades da Fala, cuxa celebración se estenderá ata 2018.

A Academia promove, xunto co Concello da Coruña, a primeira actividade incluída na programación. Será un acto conmemorativo da fundación das Irmandades da Fala, de carácter cívico e literario-musical, que terá lugar o vindeiro 18 de maio na cidade que veu nacer a primeira Irmandade da Fala, constituída o 18 de maio de 1916 nunha xuntanza na que era nese momento a sede da Academia.

Dous días despois, o 20 de maio, inaugurarase, tamén na Coruña, a exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, promovida pola Academia, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego e presentada con detalle polas entidades organizadoras o pasado venres na Coruña. A exhibición percorrerá ao longo de 2016 as sete cidades galegas e posteriormente, ata maio de 2017, poderá verse en formato reducido en vilas coruñesas.

O centro das actividades da Academia na celebración do centenario das Irmandades da Fala será o fenómeno lingüístico e literario, salientou Xesús Alonso Montero. A RAG, concretou, está a preparar catro antoloxías dedicadas ao ensaio e a oratoria, ao teatro, á narrativa e á poesía neste movemento que sairán do prelo ao longo do segundo semestre de 2016. O propio Alonso Montero encargarase da dedicada á poesía. Baixo o título Poemas á fala, escolmará versos dedicados á defensa do idioma. "Creo que un dos grandes temas da poesía galega son os poemas. Moitos poetas, algúns excelsos, defenderon a lingua con argumentos que poden ser poéticos, pero probablemente eses argumentos poéticos tamén son substanciais", expresou o presidente.

Alonso Montero tamén recordou un dos artigos de Antón Villar Ponte, "un dos homes máis modernos das Irmandades da Fala", no que manifestaba a súa preocupación pola situación do galego e salientaba que os "sublimes precursores" que escribiran na lingua propia esqueceran a importancia de cultivala tamén no ámbito doméstico."A fala é para falala. E aquí está a raíz, o espírito e o obxectivo das Irmandades da Fala", destacou para reivindicar que os nenos e nenas sexan educados en galego. "Polo tanto, chegou o momento das Irmandades da Fala, e creo que non o temos que facer no segundo centenario. Ou se fai no primeiro centenario ou xa nunca se fai", advertiu.

A Academia organizará tamén, entre xuño e decembro de 2016, un ciclo de mesas de debate sobre distintos temas relacionados coas Irmandades da Fala e as súas propostas e iniciativas, incidindo no seu traballo a prol do idioma galego, a creación literaria e a comunicación. Baixo o título No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, nestas xornadas iranse presentando ademais os catro volumes antolóxicos que publique a RAG en coedición co Parlamento de Galicia. O ciclo desenvolverase en distintas localidades galegas, en acompañamento da itinerancia da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s! Os relatorios que se presenten nas mesas de debate serán recollidos nun volume impreso que se editará en 2017 coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación.

A páxina web da Academia tamén servirá de espazo para lembrar e difundir o legado das Irmandades da Fala. Antes de que chegue a data oficial do seu centenario, a partir do vindeiro 21 de marzo, academia.gal empezará a compartir co público fondos da biblioteca e do arquivo da RAG relacionados con este movemento e os seus persoeiros.