Unha exposición difundirá o legado das Irmandades da Fala no seu centenario

A primeira das Irmadades da Fala constituíuse o 18 de maio de 1916 na Coruña, no número 38 da rúa Rego de Auga, na daquela sede da Real Academia Galega. Un século despois, a mesma cidade acollerá o vindeiro mes de maio a inauguración dunha exposición sobre o legado deste movemento. A Academia, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego asinaron esta mañá o convenio de colaboración que fará posible esta mostra, Saúde e Terra, irmá(n)s!, que tamén poderá verse ao longo de 2016 en Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Ourense e Lugo. Xa en 2017, prevese que percorra en formato adaptado as principais vilas coruñesas.

Pola esquerda, Xesús Alonso Montero, Goretti Sanmartín e Xusto Beramendi asinando o convenio. Foto: Deputación da Coruña


O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, asinaron esta mañá no Pazo da Deputación da Coruña o convenio de colaboración para a organización da exposición, que pretende "dar a coñecer a historia das Irmandades da Fala e a súa repercusión na configuración do que hoxe somos como pobo e cultura", recolle o acordo. Tanto a Real Academia Galega como o Museo do Pobo Galego prestarán "notables fondos documentais" e o seu "importante coñecemento do que foron as Irmandades da Fala", salientou Goretti Sanmartín na rolda de prensa posterior á sinatura do convenio.

Xesús Alonso Montero lembrou as vinculacións entre a RAG e as Irmandades da Fala, que contaron entre os seus membros con académicos como Uxío Carré ou Florencio Vaamonde Lores. Dez anos antes, engadiu, Manuel Murguía pronunciara en castelán o seu discurso na sesión na que se constituíu oficialmente a Academia. As Irmandades naceron tamén nun momento en que pronunciar unha conferencia en galego supuña un "xesto heroico". "Mesmo no ambiente máis proclive, non se acababa de entender que nun espazo como unha tribuna académica se puidesen emitir contidos científicos ou artísticos desde unha lingua que se asignaba ás clases populares", contextualizou.

O presidente da Academia destacou a vixencia dos postulados deste movemento, o primeiro que planificou a recuperación do galego tanto como lingua literaria e da escrita como nos usos orais e da educación dos nenos e nenas de todas as clases sociais. "Quizais hai que volver en non poucos aspectos ao espírito das Irmadades da Fala. Do que se trata é de cultivar a fala, porque Irmadades da Fala quere dicir irmandades da lingua galega. Daquela eles propuñan que a fala había que falala e hoxe tamén hai que falar a fala", salientou Xesús Alonso Montero.

En termos semellantes, a vicepresidenta da Deputación apostou por que a celebración do centenario das Irmandades sirva para que se reforce o compromiso coa transmisión da lingua galega aos nenos e nenas, independentemente de cal sexa o idioma inicial, reivindicando a votande de "legar o galego ás xeracións vindeiras". "Queremos continuar actualizando ese pensamento e ese legado [das Irmadades da Fala]", expresou.

Dez cubículos para recrear a época e o significado das Irmandades
A exposición constará de dez cubículos nos que se desenvolverán outros tantos temas. Preténdese así recrear a época das Irmandades da Fala e profundar no que significou historicamente a través de gravacións, imaxes, obxectos, documentos e pezas artísticas da época, parte deles pertencentes á Real Academia Galega. "Queremos que sexa unha exposición dinámica e innovadora, que amose contidos absolutamente vitais, porque somos persoas debedoras das Irmandades da Fala", resumiu Goretti Sanmartín.

A Fundación Barrié acollerá na súa sede coruñesa a inauguración da mostra, que permanecerá na cidade en que naceron as Irmandades da Fala ata finais de xuño, detallou Xusto Beramendi. Despois poderá verse ata finais de xullo en Santiago de Compostela, na sede do Museo do Pobo Galego, e no mes de agosto, na sede da Barrié en Vigo. As seguintes itinerancias levarán a exposición ao Museo de Pontevedra en setembro e a Ferrol en outubro. Xa en novembro, chegará a Lugo cadrando "cun feito fundamental das Irmandades, que foi a I Asemblea Nacionalista" celebrada nesa cidade no ano 1918, lembrou o historiador. O percorrido polas sete cidades rematará a finais de ano en Ourense. Xa en 2017 e ata o mes de maio, está previsto que se poda ver en versión adaptada en distintas vilas da provincia da Coruña.

Ademais dos fondos cedidos pola Academia e o Museo do Pobo Galego, a mostra contará con pezas e documentos "da maior parte, por non dicir de todas, as fundacións e asociacións que teñen que ver coa memoria das Irmandades", indicou Xusto Beramendi.