No arquivo da Real Academia Galega, consérvase un pequeno fondo persoal con documentación variada tanto de carácter biográfico como da súa figura pública, e tamén fotografías variadas dos dous ámbitos. Esta documentación contén imaxes da actividade variada do alcalde. Nunha época en que a maior parte das vilas galegas se estaban a recuperar dos estragos da guerra, Alfonso Molina dotou A Coruña dun pulo extraordinario, festas e acontecementos deportivos e sociais (o estadio de Riazor e o Deportivo, recepción do rei Abdulah de Xordania), xardíns con plantas exóticas (as palmeiras tan típicas da vila), inauguración de estradas (a avenida que leva o seu nome) e edificios etc.; en definitiva, moita da iconografía que dará forma á Coruña contemporánea. Non obstante, o que agora máis nos interesa é a inauguración e construción de complexos sanitarios.
No ano 1950, habería na cidade arredor de 7 sanatorios de carácter público (en bastante mal estado e funcionamento, tal era o caso do Hospital Municipal en Zalaeta) e só o hospital militar (actual Abente y Lago) funcionaba correctamente.
Nestas datas é cando a corporación municipal, con Alfonso Molina á fronte, decide adquirir o complexo sanitario da fundación Labaca, que estaba na zona exterior da cidade. Empezará a funcionar a finais da década dos anos vinte, sendo incluso empregado como hospital de campaña durante a guerra civil. Así pois, foi adquirido por un prezo de 7.000.000 de pesetas, unha cantidade exorbitante para a época, e dende ese mesmo momento albergará a asistencia de beneficencia, o que era de vital importancia ao non existir a Seguridade Social. Esta actividade benéfica desenvolvíase no hospital municipal situado en Zalaeta, que pecharía as súas portas debido ás súas pésimas condicións. A placa da súa fundadora Teresa Herrera sería levada para a fachada do novo complexo, sendo esta a orixe do nome Hospital Teresa Herrera, actualmente Materno Infantil e Centro Oncolóxico.
Todo isto aconteceu baixo o denominado período de autarquía (anos 1939-1959) do réxime franquista, que foi cando se comezou a desenvolver un tímido bosquexo dun sistema sanitario.
España, aínda que foi allea á creación da OMS, uniuse a esta no ano 1951. Debido ás circunstancias do país: ditadura e consecuencias da guerra civil (considerado un país subdesenvolvido polos informes emitidos), foi un dos escasos países europeos que recibiron axuda en material técnico e sanitario por parte da ONU despois do comezo dos anos 50. A OMS, que xestionaba esas axudas relacionadas coa sanidade, ofreceunas no ano 1953.
Isto cara a fóra; a nivel interior, arredor do ano 1948 iniciouse a creación dun Plan Nacional de Instituciones Sanitarias (sobre todo para combater a tuberculose e outras enfermidades derivadas das penurias e a precariedade do país despois da guerra), sendo un dos primeiros sanatorios o fundado na cidade da Coruña o 19 de Agosto de 1948.
Nestas imaxes observamos o acto de beizón e colocación dos cimentos da Residencia Sanatorial do Seguro de Enfermidade na Coruña en que o Alcalde Alfonso Molina e mais o bispo de Compostela Arturo Souto Vizoso supervisan a colocación da primeira pedra e poñen un diploma asinado polo alcalde xunto a ela, acompañados da prensa e a banda municipal.
Esta residencia constrúese nos terreos das Xubias paralelos á estrada da Pasaxe, futura avenida Alfonso Molina, case en fronte do devandito Hospital Labaca.
O 28 de xullo de 1951, na súa primeira xuntanza, celebrada no Hospital Teresa Herrera, solicitan persoal e material, tal como se recolle nos libros de actas do complexo hospitalario, conservadas dende o ano 2018 no Arquivo do Reino de Galicia.
Co paso do tempo pasaría a chamarse Hospital Juan Canalejo para logo, seguindo a Lei da Memoria Histórica, ser denominado Hospital da Coruña.
É así como, polos azares do tempo, Alfonso Molina queda vinculado para sempre a unha parte esencial da nosa vida cotiá. Estes dous hospitais, xunto co Abente y Lago, forman parte, a día de hoxe, do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, CHUAC, formando unha unidade básica para o garante da saúde da poboación da Coruña e toda a súa área sanitaria.