Arquivo

Acción das minas de volframio de Valborraz

O 16 de abril de 1914 constitúese en Bruxelas a Societé Mines de Wolfram de Balborraz, sociedade de capital belga que posuía diversas minas de volframio en Valborraz, en Carballeda de Valdeorras. O Arquivo da Real Academia Galega conserva unha antiga acción da compañía que xestiona inicialmente os xacementos, dispoñible en copia dixital en Galiciana

1/2

Dende o inicio da actividade, a explotación pasa por distintas dificultades derivadas sobre todo da primeira guerra mundial, que dificulta levar a cabo os investimentos proxectados, pero malia os atrancos conséguese manter a extracción. No ano 1919 a compañía retira dúas toneladas e quince o seguinte. A explotación é continua ata 1928, cando a falta de pagamento da concesión provoca que se extinga. 

A marcha dos belgas supón o abandono da mina, ata que a finais da década de 1930 pasa a ser explotada por unha compañía alemá. Valborraz terá unha gran relevancia durante a segunda guerra mundial, cando o volframio se utiliza para a blindaxe do armamento. Neste momento na mina traballaban preto dun milleiro de persoas. En 1942, cunha crecente demanda da produción, 463 son presos republicanos. 

Coa derrota do exercito alemán en 1945, as minas son de novo abandonadas. A Comisión Aliada de Control faise cargo dos xacementos galegos propiedade do goberno alemán, aínda que irá cedéndoos ao consideralos de escaso interese. As minas de Valborraz aínda volverán ser explotadas durante a guerra de Corea, nos comezos da década de 1950, e abandonadas definitivamente en 1963.

A acción da Societé Mines de Wolfram de Balborraz, dispoñible en copia dixital no Arquivo Dixital de Galicia, pertence a colección facticia do Arquivo da Real Academia Galega, que recolle impresos de moi variada tipoloxía, temática e cronoloxía segundo a época. A maior parte dos documentos dos séculos XVII e XVIII son impresos de carácter relixioso, administrativo e de tipo lexislativo e normativo. Os séculos XIX e XX son os que maior diversidade presentan, tanto na súa tipoloxía como no seu contido, que abrangue os campos da política, da relixión, da economía, da sociedade e da cultura. Con todo destacan dous grandes grupos. O primeiro, formado por impresos comerciais, especialmente interesantes polas súas ilustracións e deseños, e que representan diversas mercadorías, establecementos comerciais e empresas galegas. O segundo fórmano aqueles documentos de carácter cultural e político, nos que se atopan referencias e información sobre numerosos actos e institucións da Galicia de entre séculos.