Marcial del Adalid. (Arquivo RAG)
Os persoeiros do Rexurdimento galego, dende o século XVIII, decatáronse axiña do baldeiro que cumpría encher nos eidos da fala; primeiro en canto ao seu coñecemento e despois no seu soerguemento polo cultivo literario. Mais tardaron en comprede-lo que significaba o tristeiro desleixo polo tesouro da música popular. Sorprende que, mesmo nos séculos do silencio poético, non teña espertado ningunha atención. O único achegamento atópase nos mestres de capela que seguiron melodías, recollidas para os vilancetes de Nadal, nas catedrais e nos conventos; foron eles os primeiros colectores, con finalidade artística.
Non acabamos de comprender como eruditos que tiñan unha formación musical e anotaban as letras dos alalás non se sentiran tentados a fixa-las melodías no pentagrama. O caso de P. Sarmiento é ben punxente, pois cantaba ben, tiña na cela instrumentos, era todo un teórico matemático da harmonía e gustaba de explorar eidos pouco transitados da cultura. Foi el quen observou o feito da composición espontánea das coplas e dos seus tonos polas mulleres galegas.
Polo que sabemos, o primeiro intento dun Cancioneiro Popular Galego debeuse a Marcial Valladares (1821-1903), que comezaría a colleita de melodías aló polo 1840, e que databa no 1836 un dos cadernos. Non era un técnico. Sobresaía como fácil versificador, lexicógrafo, naturalista.; escribiu a primeira novela en fala galega. O valor da súa recadádiva áchase, máis que nada, na data; temperá en Galicia e serodia no mundo do folclore musical. A tardanza é tanto máis estraña canto que contrasta co emprego de signos musicais na semántica do rexurdir: a gaita gallega, a alborada, o alalá… os cantares.
Valladares forneceu a Murguía as melodías que ilustran a Historia de Galicia. E foi Murguía, precisamente, un dos primeiros que, fronte ás omisións e ás inepcias doutros historiadores, soubo ofrecer, non só valoracións xustas, senón mesmo unha tipoloxía dos nosos cantos populares. Para recoñece-lo adianto, abonda face-la comparanza dos seus criterios cos dun Martínez Padín, un Vicetto, e xa non digamos cos de visitantes ilustres como Rada y Delgado que se despachan dicindo: La música de los cantares del vulgo es poco variada y domina en ella, así como en la letra, una tristeza indefinible que no puede ser sino hija del sentimiento de la población y del carácter poco expansivo del gallego.
Neste panorama, as catro series do Cantares viejos y nuevos de Marcial del Adalid y Gurrea (1828-1881) teñen un valor cimeiro no descubrimento do folclore musical de Galicia. Levan a data de 1877. Son vinte e cinco melodías con acompañamento de piano, e constituíron a primeira escolma publicada e o inicio de toda unha reivindicación, artística e erudita. Aínda que non tivera outros merecementos, que moitos ten, o autor gañou con eles un posto de honra na curta historia da musicoloxía galega.
Viñeron despois as inclusións de exemplos galegos en Cancioneros como os de Hernández e de Inzenga, e máis adiante no de Pedrell.
Aquel pulo inicial, por máis que fose tardeiro e tímido, veu abri-lo camiño que seguiron logo Sampedro e Folgar (1848-1936), Víctor Said (1871-1914), Ramón de Arana Pizzicato, Montes e as colleitas dos Coros Gallegos, a partir do Aires da Terra de Perfecto Feijoo, fundado no 1833. Ao mesmo tempo as primeiras xeiras, sobre todo a de Adalid, foron dando base ás Baladas Gallegas, que emparellaron as nosas melodías co repertorio romántico das obras de salón, e tamén a coros orfeónicos, tan populares como discutidos; a pezas de teatro lírico, perdidas ou mal apreciadas…
Coro Aires da Terra, con Perfecto Feijoo de pé, o cuarto pola esquerda
Do mesmo xeito que Milà i Fontanals influíra sobre Pérez Ballesteros e sobre os fundadores do Folclore Gallego, Pedrell tivo moita parte nas boas orientacións de Sampedro, que tamén soubo axuntar toda unha rolda de correspondentes compositores, directores de coros e de bandas, afeccionados locais… que foron achegando mostras valiosas. Contáronse entre eles: o propio Valladares, Posse, Lens; Curros, Soler, Alexandra Murguía, Paz, Martínez Santiso, Mercadillo e, seareiros, Arana, Montes e Tafal. Con estas axudas e coa colaboración inestimable de Víctor Said, Sampedro logrou recoler un rico, vizoso e variado Cancionero Popular de Galicia, premiado pola R. Academia de San Fernando no 1911 e publicado polo Museo de Pontevedra no 1942.
No primeiro terzo do nos século o P. Luís María Fernández, e con grande alento, Martínez Torner e Xesùs Bal y Gay seguiron a xeira. Agora contrastan nela a posesión de medios técnicos e de criterios científicos coa progresiva careza das fontes na tradición oral, porque cada vello enxebre que morre leva consigo á cova un anaco do tesouro das nosas tradicións. A elas achéganse, gabaxeiros, novos investigadores que manteñen o mesmo espírito con que Sampedro e Folgar escribiu, na primeira folla do seu Cancioneiro estas verbas de Ruskin: Retornemos á Natureza con corazón sinxelo, sen refugar nin demudar ren. Son eles os que levan a primeira voz nas homenaxes que agora se renden, con tanta xustiza a Marcial del Adalid.