Marcial Valladares Núñez
Ano 1970
Marcial Valladares Núñez
Biografía
Marcial Valladares inaugurou a novela contemporánea nas letras galegas coa súa obra Maxina ou a filla espúrea, ademais de cultivar as facetas de lexicógrafo, poeta e gramático.
Naceu na Estrada o 10 de xuño de 1821. Formado en gramática latina e en filosofía, e licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1844), exerceu durante un breve período de tempo como xefe superior de Administración Civil ata 1866, ano en que decidiu retirarse á casa familiar para consagrarse ás letras ata o momento da súa morte, que tivo lugar o 20 de maio de 1903, na súa vila natal.
Ao longo da súa traxectoria, Valladares colaborou en numerosas publicacións, como narrador, lexicógrafo, poeta ou gramático, entre as que destacan La Exposición Compostelana, El Eco de Galicia (A Habana), Galicia Humorística (Santiago), Galicia (A Coruña), La Revista Popular, A Monteira, O Tío Marcos da Portela ou La Ilustración Gallega y Asturiana.
Tamén contribuíu á elaboración do Diccionario geográfico-histórico-estadístico de España y sus posesiones de Ultramar (1845-1850), de Pascual Madoz, en concreto no referente a datos da provincia de Pontevedra; e na composición da Colección de enigmas y adivinanzas (1883), de Machado Álvarez. Formou parte do xurado dos primeiros Xogos Florais de Pontevedra, foi socio de mérito de El Folclore Gallego e membro da Real Academia Española.
No ámbito etnográfico, desenvolveu un importante labor de compilación recollendo mostras do noso folclore, receitas ou contos populares en vías de esquecemento, que reproduciu nos volumes Cantigueiro popular (1867, pero inédito ata 1970) e Novo apéndice ó Cantigueiro popular . No que respecta á súa poesía, escribiu arredor de 40 composicións costumistas e sentimentais que viron a luz a través das diferentes publicacións da época. O seu poema máis divulgado, "A castañeira de Santiago", foi editado por Antonio de la Iglesia en El Idioma Gallego, mentres que no Álbum de la Caridad apareceron "A miña aldea" e "A Fonte do Pico Sagro". Valladares deixounos, ademais, dúas obras representativas do seu labor como gramático e lexicógrafo. É o caso de Elementos de gramática gallega (1892, aínda que inédito ata 1970) e do Diccionario gallego-castellano (1884), o seu traballo de maior transcendencia e o dicionario máis importante do século XIX, ora polo número de vocábulos recollidos (arredor de 11.000), ora polo seu rigor e precisión.
Valladares escribiu en castelán as novelas curtas Asela e Los tres expósitos, mais foi Maxina ou a filla espúrea a obra que lle deparou un maior recoñecemento. Publicada en 16 entregas en La Ilustración Gallega y Asturiana en 1880, constitúe o primeiro exemplo de novela galega moderna. Nela mestúranse xéneros e estilos, incorporando elementos de carácter romántico e costumista que desenvolven o tema inicial da novela.
Obra
- Diccionario Gallego-Castellano. Santiago de Compostela: Imp. Seminario Conciliar Central, 1884.
- Cantigueiro popular. A Coruña: Real Academia Galega, 1970.
- Elementos de gramática gallega. Vigo: Galaxia, 1970.
- LUNA, X. (ed.)
Conversa entre arrieiros. A Estrada: Edicións Fervenza, 2004.
Literatura
- Maxiña ou a filla espúrea. Vigo: Galaxia, 1970.
Compilacións e estudos
- DO PICO ORJAIS, J. L.
Ayes de mi país. Música impresa: o cancioneiro de Marcial Valladares. Baiona: Dos Acordes, 2010.
- FERNÁNDEZ SALGADO, X. A. (ed.)
Poesía. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2003.
- FERNÁNDEZ SALGADO, X. A.
Marcial Valladares: biografía dun precursor no Rexurdimento galego. Pontevedra: Deputación, 2005.