Frei Martín Sarmiento
Ano 2002
Frei Martín Sarmiento
Biografía
Pedro Xosé García Balboa, coñecido como Frei Martín Sarmiento, naceu en Vilafranca do Bierzo o 9 de marzo de 1695 e finou en Madrid o 7 de decembro de 1772. Foi un relixioso que destacou pola súa constante defensa da nosa lingua desde unha perspectiva ilustrada. A el debemos a primeira noticia documentada da literatura galega medieval e as primeiras pesquisas sobre o nacemento do galego.
A súa familia, de orixe nobre, trasladouse a Pontevedra aos poucos meses de nacer o noso homenaxeado. O 3 de maio de 1710, aos quince anos, mudouse a Madrid para ingresar na orde benedictina. Máis adiante, desde 1714 ata 1717, residiu en Salamanca para estudar Teoloxía, e alí é onde adoptou o nome de Martín Sarmiento. Nos anos seguintes foi ordenado presbítero (en 1720) e viviu en varios conventos bieitos, leoneses e asturianos. Xa en 1725, tras unha curta estancia en Pontevedra para visitar a súa nai, Sarmiento estableceuse en Madrid; residencia só interrompida entre febreiro de 1726 e maio de 1727 para se trasladar a Toledo e mais polas frecuentes visitas a Galicia.
Desde 1723 coidou a súa amizade con Frei Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro, o Padre Feixoo, co que mantivo correspondencia frutífera ata a súa morte. Desta etapa é Demostración Crítico-Apologética del Theatro Crítico Universal (1732), a única obra que publicou en vida. Ademais, realizou na capital española numerosas composicións por encomenda de diferentes persoas e institucións. É o caso das Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles, que viu a luz de xeito póstumo en 1775. Por outra banda, a instancias de Sarmiento creouse o Real Xardín Botánico de Madrid e, desde 1743, o noso homenaxeado reclamou a creación de bibliotecas públicas e xardíns botánicos en diversas cidades, á imaxe dos que xorden na Europa da época, así como a constitución da Academia da Agricultura e a dotación de cátedras universitarias de Historia Natural, Agricultura e Botánica.
Desde a súa viaxe de sete meses a Galicia en 1745 a nosa cultura e lingua convertéronse no principal centro de interese do ilustrado. Así, Sarmiento foi unha das primeiras voces en reivindicar a capacidade do galego para expresarse en todos os ámbitos -ensino, traballo ou liturxia-. Considerado precursor da moderna filoloxía románica, o núcleo fundamental dos escritos de Sarmiento pertence ao terreo lexicográfico. Foron de gran importancia as súas viaxes a Galicia, a de 1745 e a de 1754. Tratábase de verdadeiras expedicións científicas pensadas para describir a nosa riqueza patrimonial.
No ano 1748 foi elixido abade do seu Mosteiro de San Martín, de Madrid. A partir de entón, centrou o seu interese na etimoloxía galega. Proba deste labor é o seu Onomástico etymológico de la lengua gallega.
En 1994 fundouse o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, que organiza exposicións, publicacións e investigación en Humanidades e Ciencias Sociais.
Obra
Indicamos, a seguir, algunhas das obras máis importantes da súa autoría e tamén algunhas edicións críticas da súa obra que se publicaron no século XX e nos albores do XXI.
- SARMIENTO, M.
Demostración crítico-apologética del Theatro Crítico Universal que dio a luz el R. P. M. Fr. Benito Geronymo Feijoo. Madrid: Viuda de Francisco del Hierro, 1732.
- SARMIENTO, M.
Catálogo de algunos libros curiosos y selectos para la librería de algún particular que desee comprar de tres a quatro mil tomos. Madrid: [s.n.], 1787.
- OTERO ESPASANDÍN, J. (ed.)
Estudio sobre el origen y formación de la lengua gallega. Buenos Aires: Editorial Nova, 1943.
- PENSADO, J.L. (ed.)
Colección de voces y frases gallegas. Salamanca: Universidade de Salamanca, 1970.
- AXEITOS, X.L. (ed.)
As coplas galegas do Padre Sarmiento. Sada: Ediciós do Castro, 1982.
- PENSADO, J.L. (ed.)
La educación de la juventud de Fray Martín Sarmiento. Santiago: Xunta de Galicia, 1984.
- PENSADO, J.L. (ed.)
Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables. Salamanca: Universidade de Salamanca, 1986.
- PENSADO, J.L. (ed.)
De los atunes y de sus transmigraciones y sobre el modo de aliviar la miseria de los pueblos. Salamanca: Universidade de Salamanca, 1992.
-MARIÑO PAZ, R.
Coloquio de vintecatro galegos rústicos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 1995.
- SANTOS PUERTO, J. (ed.)
Cartas al Duque de Medinasidonia: (1747-1770). Ponferrada: Instituto de Estudios Bercianos, 1995.
- ALLEGUE AGUETE, P.
Elementos etimológicos según el método de Euclides. Vigo: Universidade de Vigo, 1997.
- PENSADO, J.L. (ed.)
Escritos geográficos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1996.
- FORTES ALÉN, Mª.X. & FILGUEIRA VALVERDE, X.
Epistolario do Padre Sarmiento. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 1995.
- FILGUEIRA VALVERDE, Xosé.
Frei Martín Sarmiento. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2002.
- SANTAMARINA, A. (coord.)
Frei Martín Sarmiento: Día das Letras Galegas 2002. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 2002.
- SARMIENTO, M.
Antiga e nobilísima lingua: escolma de escritos sobre o idioma galego. Vigo: Galaxia, 2002.
- GONZÁLEZ PÉREZ, C. (ed.)
Disertación sobre las eficaces virtudes y uso de la planta llamada carquesa, conocida en Galicia por el nombre carqueixa. Noia: Toxosoutos, 2002.
- MONTEAGUDO ROMERO, H. (ed.)
De historia natural y de todo género de erudición: obra de 660 pliegos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 2008.