Académicos e académicas

Casto Sampedro y Folgar
Redondela, Pontevedra, 1848 - Pontevedra, 1937
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Académico fundador
Xurista, folclorista, musicólogo, historiador e arqueólogo, promotor e primeiro director do Museo de Pontevedra, foi cronista oficial de Pontevedra e da súa provincia, así como un incesante compilador e estudoso do patrimonio histórico e artístico, material e inmaterial galego. Autor do Cancioneiro musical de Galicia (1942), foi tamén un dos membros fundadores da Real Academia Galega.
Nado no seo dunha familia podente, comezou os estudos eclesiásticos para abandonalos e cursar a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, que rematou en 1872. Pouco despois, Casou con Josefa Mon Landa, coa que tivo sete fillos, e estableceuse como avogado en Pontevedra, onde o faladoiro do seu bufete se converteu nun dos epicentros culturais da cidade. Membro do Partido Conservador, entre 1901 e 1919 foi deputado provincial nas súas fileiras e presidente da Deputación, de xeito fugaz, en 1930. Foi nomeado por esta entidade cronista oficial da provincia de Pontevedra.
Erudito de formación autodidacta, e bibliófilo propietario dunha extensa biblioteca e arquivo histórico persoal, posuía unha sólida formación en historia e linguas clásicas que o converteron nunha referencia no eido da heráldica, a paleografía e a epigrafía galega do seu tempo. Promoveu a creación da Sociedad Arqueológica de Pontevedra en 1894, precedente do Museo Provincial, que tivo a súa primeira sede no despacho de Casto Sampedro, o seu primeiro presidente. Esta institución, na que participaron outros intelectuais pontevedreses da mesma época como Carmelo Castiñeira e Xosé Casal Lois, ademais dunha mesta nómina de colaboradores, fixo un minucioso labor de catalogación, estudo e difusión do coñecemento do patrimonio histórico e artístico da provincia e da vila de Pontevedra, aplicando técnicas novidosas como a fotografía monumental. Estes traballos deron lugar á publicación, en tres tomos, da monumental Colección de documentos, inscripciones, monumentos, extractos de manuscritos, tradiciones, noticias etc para la historia de Pontevedra (1894), editada polo propio Casto Sampedro.
A Sociedad Arqueológica foi tamén o precedente do Museo Provincial de Pontevedra, fundado en 1927 e do que Sampedro Folgar foi o seu primeiro director. Tamén presidiu a Comisión Provincial de Monumentos de Pontevedra, foi o responsable da conservación das ruínas da igrexa do convento pontevedrés de San Domingos e membro correspondente do Instituto Histórico do Minho e da Real Academia da Historia.
Afeccionado á música e ao folclore, Casto Sampedro promoveu, no ronsel da creación da sociedade Folk-lore Gallego, a recollida de partituras, letras de cancións e danzas populares galegas, empresa na que participaron músicos e musicólogos como Ramón de Arana, Santiago Tafall e Víctor Said Armesto, e que contou tamén coa colaboración doutros folcloristas como Marcial Valladares, Curros Enríquez, Martínez Pose, Xoán Montes, Enrique Lens ou Óscar Santiso.
Said Armesto animou a Casto Sampedro a participar, cunha selección das pezas recollidas, nun certame folclorista organizado pola Real Academia de Belas Artes de San Fernando en 1909, na que resultou gañadora. Logo da súa morte, o académico Xosé Filgueira Valverde editou e deu ao prelo cun estudo introdutorio, este traballo de Casto Sampedro nun volume titulado Cancioneiro musical de Galicia (1942). Publicou artigos de carácter etnográfico na prensa do seu tempo, en medios como Almanaque Gallego ou El Museo de Pontevedra, así como un artigo de tema arqueolóxico no Boletín da Real Academia Galega.