A sesión extraordinaria e pública do 17 de maio desenvolverase a partir da 12:30 horas no centro de usos múltiples Ponte de Cuñas e contará coas intervencións académicas de Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo Andión, que abordarán nos seus discursos distintos aspectos sobre a figura e a obra do homenaxeado. A música correrá a cargo do cuarteto Souto Xímaro (Lourenzá) e do coro Mestre Pacheco (Mondoñedo). O pleno extraordinario, de entrada libre ata completar a capacidade do recinto, poderá seguirse tamén en directo dende esta páxina web.
Xesús Alonso Montero afondará na súa intervención nun episodio que ilustra o importante papel que Francisco Fernández del Riego exerceu como ponte entre a Galicia da diáspora e o exilio interior, Francisco Díaz-Fierros Viqueira centrarase no devir da paisaxe na obra do homenaxeado e Margarita Ledo Andión abordará a relación que don Paco, prolífico articulista dende os anos 30 do século pasado, mantivo cos medios de comunicación, consciente da importancia da prensa como esfera pública. Pechará o acto o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
As celebracións continuarán en Lourenzá pola tarde. O campo do Mosteiro acollerá as actuacións da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e, a partir das 19:00 horas, o concerto de Treixadura que lle porá o ramo á xornada.
A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas a Francisco Fernández del Riego cadrando cos cento dez anos do seu nacemento e o sesenta aniversario desta conmemoración, unha idea impulsada polo propio don Paco ao pouco de ser nomeado académico de número. En marzo de 1963, co apoio dos tamén académicos Gómez Román e Ferro Couselo, Del Riego presentou ante a institución a proposta, aprobada en sesión plenaria semanas despois por unanimidade. A celebración do Día das Letras Galegas prendeu axiña con éxito por todo o país e hoxe constitúe a gran festa cívica de Galicia, con centos de iniciativas desenvolvidas por asociacións, institucións, centros educativos, entidades comerciais e empresas, entre outros axentes sociais, como sintetiza a mostra virtual dispoñible nesta ligazón.
Ponte co exilio e coas novas xeracións
Francisco Fernández del Riego é sobre todo coñecido como unha das figuras fundamentais da cultura galega a partir da posguerra. Chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo, pero o seu activismo destacara xa durante a II República. Brillante estudante de Dereito, con só vinte anos os seus compañeiros elixírono para pronunciar o discurso de representación do alumnado na inauguración oficial do curso 1933-1934, no que demandou unha universidade que exercese de foco de modernización e galeguización da sociedade.
Fóra das aulas, foi membro do Partido Galeguista, secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguista e membro do Seminario de Estudos Galegos. Na etapa compostelá comezou tamén a escribir nos xornais como articulista, redactou manifestos, pronunciou discursos e conferencias, participou na constitución de Galeuzca e integrouse dende o primeiro momento na comisión encargada de redactar o proxecto do Estatuto de Galicia. A súa actividade foi tal que Ramón Piñeiro chegou a cualificar a súa voz como “unha das manifestacións máis vibrantes do pensamento galeguista daqueles anos”.
Despois da guerra civil, na que tivo que alistarse na filas franquista para salvar a vida tras ser sinalado para que o paseasen, viuse na obriga de abandonar Compostela. En Santiago exercía xa como profesor de Dereito no momento do golpe, pero foi inhabilitado para a docencia polos franquistas. A cidade que o acollería no outono de 1939, e onde viviría ata o seu pasamento en 2010, foi Vigo, onde era menos coñecido e puido sobrevivir inicialmente dando clases particulares. Despois dos anos máis escuros da posguerra, nos que mesmo tivo que ocultar o seu verdadeiro nome para gañar a vida, comezou de novo a escribir co pseudónimo de Salvador Lorenzana no xornal compostelán La Noche. Dende esta cabeceira, xunto a Ramón Otero Pedrayo, conseguiu que os temas sobre Galicia e a súa cultura acadasen cada vez unha maior presenza e proxección, atraendo canda eles plumas ata daquela caladas como as de Florentino López Cuevillas, Valentín Paz-Andrade, Vicente Risco, Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro e os irmáns Álvarez Blázquez.
Naqueles anos 40 comezou tamén a tender pontes entre a Galicia do interior e a do alén mar. A súa correspondencia con Luis Seoane mostra como o seu talante aberto e dialogante, xunto coa súa autoridade intelectual e inquebrantable entusiasmo, conseguiu manter vivo un fío de entendemento entre eses dous xeitos de vivir a galeguidade. En América foi onde publicou tamén o seu primeiro libro, Cos ollos do noso esprito (Buenos Aires, 1949).
Na década dos 50 do século pasado participou moi activamente nos diferentes proxectos que procuraban a recuperación do proceso cultural de Galicia, nomeadamente na creación da editorial Galaxia, da que foi secretario do consello de administración e máis tarde director xerente, e dende a que animou a novos escritores a crearen en galego. Foi aí mesmo cofundador da revista Grial (1951) e da Fundación Penzol (1963), da que acabou sendo director ata o seu pasamento.
Cando os grupos nacionalistas e resistentes antifranquistas máis novos comezaron a manifestar o seu rexeitamento ás posicións do galeguismo histórico, Fernández del Riego foi, unha vez máis, o elo que tentou manter canles de diálogo e achegamento.
En 1997 foi elixido presidente da Real Academia Galega. A súa xestión significou un cambio radical nas actividades da institución, que se reactivaron significativamente e, sobre todo, se axeitaron aos novos tempos que estaban a vivir Galicia e o mundo.
A súa traxectoria foi recoñecida en vida con numerosas distincións, entre elas o nomeamento de doutor honoris causa da Universidade de Vigo, o Premio Trasalba ou a Medalla Castelao.
Obra literaria
A obra escrita de Fernández del Riego tocou case todos os xéneros e foi inmensa, comezando polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia e nas revistas máis representativas do interior e da diáspora. A súa bibliografía reflicte a súa condición de gran divulgador, sempre pendente de achegar ao público a cultura galega dende moi diversas vertentes.
Participou en numerosos libros, propios ou colectivos, nos que acotío asinaba cos pseudónimos Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo. No eido do ensaio, case sempre sobre a produción literaria galega, asinou, entre outros títulos, Galicia no espello (Buenos Aires, 1954), Historia de la literatura Gallega (Vigo, 1951), Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (Vigo, 1955), Escolma de poesía galega. O século XIX (Vigo, 1957), Letras do noso tempo (Vigo, 1974), Diccionario de escritores galegos (Sada, 1990) ou Sinais dunha cultura (Pontevedra, 2003).
A literatura de viaxes é outro xénero que cultivou en volumes como As peregrinacións xacobeas (A Coruña, 1983), A pegada das viaxes (Vigo, 2000), Portugal norteño (Vigo, 2000), a serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (Vigo, 2001-2003) e Lourenzá (2004). Escribiu, así mesmo, monografías sobre diversos autores da cultura galega, como A xeración Galaxia (Vigo, 1996), O señor da Casa Grande de Cima de Vila (Ourense, 1988), Antolín Faraldo, o gran soñador (Vigo, 1998), Con Pondal en Bergantiños (Sada, 2001) ou O Padre Sarmiento e Galicia (Vigo, 2002), e a novela O cego de Pumardedón (Vigo, 1992).
Del Riego deixou ademais publicados en vida dous libros autobiográficos, O río do tempo. Unha historia vivida (Sada, 1990) e Camiño andado: memorias (Vigo, 2003), ambos reeditados este ano xunto a outros títulos da súa pluma. As Letras Galegas 2023 deixan ademais a publicación de dous textos inéditos do autor, o seu Diario da guerra e Memorias do París literario.
Serie documental, Primavera das Letras e un epistolario, entre outros recursos
A Real Academia Galega reúne no sitio web dedicado a Francisco Fernández del Riego diversos contidos divulgativos sobre a súa figura e a súa obra. Entre eles pode verse xa a serie Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu, noventa minutos de cine documental sobre o autor; a páxina web para o público infantil Primavera das Letras, onde pode descargarse a biografía teatralizada As cousas de don Paco, unha historia de Eva Mejuto ilustrada por Lucía Cobo, e ofrécense actividades interactivas; as Palabras de don Paco e entrevistas a Malores Villanueva, Lourenzo Fernández Prieto, Beatriz Liz de Cea e Justo Beramendi, autores de novas edicións sobre Francisco Fernández del Riego, entre outras propostas.
Tras o verán, a Real Academia Galega publicará ademais o epistolario cruzado entre Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo, nunha edición ao coidado de Patricia Arias Chachero, e celebrará unha xornadas sobre o autor.