O diario arrinca o 7 de maio de 1938, remata o 9 de marzo de 1939 e céntrase sobre todo en Aragón, aínda que no período que abrangue Del Riego tamén estivo na fronte en terras castelás e estremeñas. Ao longo destas páxinas “non se fala unha miga de política nin de ideoloxía, como non podía ser doutro xeito, pero algo pode entreverse; non se dan nomes nin apelidos”, apunta o académico electo no limiar que precede o testemuño dun home novo que viviu a guerra entre os 23 e os 26 anos de idade. “A escrita do diario debeu de ser unha necesidade vital, tan propia do intelectual que foi; tamén unha forma de rexistro do que pasaba, cando e como máis que unha forma de retratar o tempo e o mundo que vivía”, analiza.
Di vostede no limiar do Diario da guerra que todo o mundo que sabía escribir en 1936 narrou os horrores que viu e viviu en diarios, cartas, notas ou libriños de papel de fumar, pero sinala que a edición da maioría adoita ter interese limitado. Por que é a achega de Del Riego unha excepción?
Del Riego transmite unha visión da guerra infrecuente, distinta á que aínda temos hoxe, oitenta e sete anos despois. As visións da guerra están envoltas nos relatos dos verdugos, da ditadura, os relatos do antifranquismo, da impotencia, do exilio... Pero el ofrécenos unha mirada intelectual, de alto nivel na Galicia da época, que reflicte unha guerra que é a que, polo menos algúns historiadores, queremos rescatar: unha guerra que, como demostran algúns traballos que diriximos no departamento de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela nos últimos trinta anos, foi feita con soldados que foron levados á forza polos golpistas. A primeira impresión que dá o diario é que non hai voluntarios nin adhesións.
Que a condición de don Paco de soldado de Franco á forza foi, en definitiva, a norma.
El é só un exemplo máis. O recrutamento e a construción do exército franquista converteron en soldados forzosos de Franco milleiros de homes da súa xeración que quedarían logo con esa pexa, con esa marca. O franquismo tivo unha gran capacidade de converter en aliados obrigados cidadáns que eran afiliados da UXT, da CNT, do PSOE, do Partido Galeguista, dos diferentes partidos republicanos mais tamén a cidadáns que eran de dereitas pero que non estaban dispostos a ir a unha guerra. Todos eles constituían a maioría social e mesmo electoral de Galicia naquela altura.
Por que pensa que don Paco non publicou este diario en vida? Ten que ver con isto que comenta? Semella en calquera caso que el tiña que ser consciente de que había ser motivo de atención póstuma nalgún momento.
Esa pregunta é moi complicada de responder e á vez moi simple. O franquismo xerou un relato capaz de avergoñar aqueles que tiveron que facer a guerra obrigados polos golpistas. É o método co que os verdugos anulan as vítimas, o que conta Primo Levi en Se isto é un home e en Reflexións dos afundidos e dos salvados, e o que narran tamén moitos outros autores que viviron os campos de concentración. Aquí estamos a falar dunha dimensión semellante. Os soldados forzosos de Franco viviron avergoñados incluso ás veces polos seus por faceren a guerra contra os seus. Como ía entenderse que recordase que el fixo a guerra no bando de Franco, igual que Ramón Piñeiro, Avelino Pousa Antelo, Celso Emilio e o mesmo que todo o mundo que non fuxiu ou foi asasinado?
Foi isto motivo de problemas entre os galeguistas?
Non tiveron problemas entre os que fuxiron, os que loitaron a favor da democracia e os que o fixeron do outro lado, pero como se entendía isto dende fóra? Como entendeu isto a xeración seguinte, que rompeu con eles e mesmo os acusou de abandonar as ideas, de derrotismo partidario? A memoria dos verdugos conseguiu anular as vítimas, convertelas en culpables. E a non edición deste diario significa isto.
Mudou hoxe esa perspectiva?
Aínda estamos pelexándonos hoxe con esa perspectiva, segue habendo unha idea moi común de que os que fixeron a guerra con Franco quixeron facela. E a edición deste diario pode ser útil para que se entenda que isto é sinxelamente unha barbaridade aferrollada polos golpistas e polo franquismo.
Chama a atención tamén vostede de que este diario amosa outro aspecto aínda pouco recoñecido: o carácter internacional da guerra e como anticipou o fascismo da segunda guerra mundial.
Incluso o relato cotián democrático da guerra que hai hoxe sostén que foi unha guerra civil, pero non o foi, ou cando menos penso que debe pórse historicamente en cuestión. Como di a versión historiográfica francesa, foi unha guerra de España na que os que logo combaterán na segunda guerra mundial xa están a combater aquí. Del Riego fala dos soldados estranxeiros que se encontran e dos letreiros escritos en italiano que se atopan nos cruzamentos, porque as tropas franquistas nas zonas nas que estivo na fronte son fundamentalmente italianas. O alto mando alemán ocupa as mellores posicións... Todos os avións que divisa e identifica e numera son os dos bandos da guerra mundial, os que serán os dos aliados son os da aviación republicana; os dos sublevados, os do Eixe. El está falando dunha guerra internacional, que logo queda agochada na medida en que se quixo limitar á idea dunha guerra entre españois, pero foi unha guerra que anticipa o enfrontamento contra o fascismo: remata seis meses antes de empezar a segunda guerra mundial.
Alén desta compoñente informativa de valor historiográfico, o diario ten tamén unha parte emotiva importante a través da descrición das persoas que se atopa polas terras que percorre, do clima diferente, de como se sente...
Canto á paisaxe, a descrición que fai, aos meus ollos, é moi rica e moi galega. É a mirada do galego culto formado no Seminario de Estudos Galegos, que observa con eses ollos a diferenza, e que tamén amosa o aprecio que sente polo mundo campesiño, polos paisanos que se atopa. Todo isto compón un retrato esmerado e moi apreciable. A verdade, creo que deberían editar este diario en Aragón.
O texto demostra tamén o seu pacifismo. Del Riego non está a gusto na guerra non só porque estea combatendo contra a democracia, senón porque ademais el é un pacifista, como o son a maioría dos soldados. España non participara na primeira guerra mundial e á guerra de Marrocos só foron algúns, todos os que podían escapaban, emigraban, como ben sabemos. U-lo belicismo fóra do extremismo e do exército? Quen quería unha guerra? Non había “cultura de guerra” como había nas sociedades que sufriron o trauma da guerra do 14.
E logo hai outra compoñente moi interesante: a existencialista. No ano 38-39 o que lemos na pluma de Fernández del Riego é un existencialismo que anticipa o francés, que procede da angustia, do non saber que vai pasar, dos tempos da resistencia, aínda que a xeración de Albert Camus o expresa literariamente anos despois. O existencialismo do diario de Fernández del Riego é un existencialismo prematuro, precoz, tamén simple, sen a sofisticación francesa posterior, pero adiantado varios anos antes. A de Camus é a xeración que viviu a ocupación de Francia, o que vive Del Riego é aínda máis, é a matanza dos seus, a necesidade de salvar a vida pelexando contra os que quere. Se iso non xera existencialismo...
O diario consérvase mecanografado na Fundación Penzol. Foi posible determinar cando e como o escribiu orixinalmente?
Non foi posible determinar cal foi a primeira versión orixinal. Todo indica que o escribiu na fronte e que logo o pasou á máquina pero non conservamos as notas que nos permitirían fixar a xenealoxía do texto, sobre todo das modificacións. Non demos feito a análise forense do escrito.
Comenta que está escrito sen apenas valoracións para evitar problemas en caso de que llo requisasen.
A máis de un fusilárono por escribir un diario. Por iso eu supuxen que non diría nada relevante, porque Del Riego estaba sometido a vixilancia. Neste sentido, axudoume a precisar mellor as cousas o contraste do diario coa entrevista que lle fixemos, cando xa era moi maior, no proxecto Nomes e Voces.