A RAG participa na celebración colectiva dos 150 anos de 'O Tío Marcos d'A Portela'

Valentín Lamas Carvajal fundou hai 150 anos O Tío Marcos d'A Portela, periódico pioneiro do xornalismo en galego. A Real Academia Galega participará na celebración colectiva desta efeméride cunha xornada arredor da lingua e os medios de comunicación pensando na figura histórica do seu promotor e na pegada da súa cabeceira, mais tamén proxectando a ollada na situación que se está a vivir na actualidade e os desafíos da presenza do galegos nos medios.

A actividade da Academia celebrarase en outono, arredor do aniversario do nacemento do xornalista, membro fundador da RAG e protagonista do Día das Letras Galegas de 1972. A tesoureira María López-Sández anunciou a xornada que organizará a institución na rolda de prensa que a comisión organizadora dos actos dos 150 anos d'O Tío Marcos d'A Portela ofreceu este mediodía no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense para anunciar os eixes da conmemoración. “Para a RAG abordar a situación do idioma nos medios de comunicación é central pola importancia que estes teñen para a propia lingua, e farémolo ademais no ano en que celebramos as Letras Galegas de Begoña Caamaño, xornalista de profesión que sempre mantivo un claro compromiso co galego”, salientou a académica.

O calendario de iniciativas arrincará en Ourense o 7 de febreiro, o día en que saíu á rúa por primeira vez O Tío Marcos d’A Portela. A festa de apertura do ano inclúe, entre outras iniciativas, unha ruta polo Ourense de Valentín Lamas Carvajal, un concerto da Coral Ruada e un xantar popular no Liceo de Ourense. Na véspera, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) organizará unha xornada sobre intelixencia artificial e desinformación e unha foliada.

A RAG participa na comisión da conmemoración dos 150 anos d'O Tío Marcos d'A Portela, coordinada polo académico correspondente Afonso Vázquez Monxardín, xunto ao Consello da Cultura Galega, a Xunta de Galicia, A Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, a Fundación ONCE, a Coral de Ruada, AMEGA, o Liceo de Ourense e familiares de Lamas Carvajal.