Valentín Lamas Carvajal

Ano 1972

Valentín Lamas Carvajal

1/3

Biografía

Valentín Lamas Carvajal, membro fundador da Real Academia Galega adscrito á Xeración de 1868, é un dos autores máis significativos do Rexurdimento pleno, que destacou na narrativa co popular Catecismo do labrego e no xornalismo con O Tío Marcos da Portela, publicación periódica que el mesmo fundou e que foi a primeira redactada integramente en galego.

Naceu en Ourense o 1 de novembro de 1849. Alí cursou o bacharelato e, en 1870, trasladouse a Santiago de Compostela para estudar Medicina. A pesar de que non rematou a formación académica por mor dunha afección ocular que co tempo o deixaría cego, na cidade universitaria entrou en contacto coa intelectualidade galega. A partir de 1874 a súa vida queda definitivamente ligada á cidade das Burgas, ao casar alí con Amalia Rosina Sánchez, unha antiga compañeira de estudos.

Lamas Carvajal desenvolveu un intenso labor xornalístico, contribuíndo á construción dunha prensa galega. Dirixiu a revista La Aurora de Galicia e mais o xornal El Eco de Orense. Asemade, fundou xornais moi populares naquel tempo, como El Heraldo Gallego, publicado de 1874 a 1880, e O Tío Marcos da Portela, publicado entre 1876 e 1890, que supuxo un dos feitos máis relevantes na historia das nosas letras, por tratarse da primeira publicación periódica feita integramente en galego desde Galicia. Tivo, ademais, unha extraordinaria acollida que se debeu, sobre todo, á defensa do labrego desde unha perspectiva anticaciquil.

A andaina literaria do autor comezou con diversas achegas poéticas, como o libro de poemas Espiñas, follas e frores (Ramiño primeiro), en 1875, dedicado ao seu fillo Oliverio, morto meses despois, libro no que se funden elementos cultos e folclóricos. En 1976 completaría a antedita obra Espiñas, follas e frores (Ramiño segundo). En 1875 viu tamén a luz Dez cartas aos gallegos. Cinco anos máis tarde sería a quenda de Saudades gallegas, que suporía a consagración de Lamas como escritor e a súa consolidación como o mellor continuador de Rosalía. O seu último libro de poesía foi A musa das aldeas, publicado en 1890.

Como prosista publicou, en 1887, Gallegada, Tradiciós, Costumes, Tipos e Contos da Terriña: 19 narracións que amosan a vontade populista e comprometida coa defensa dos labregos por parte de Lamas. Dous anos máis tarde publicouse Catecismo do labrego, a obra máis popular da nosa literatura durante longos anos. O volume parodia un catecismo relixioso por medio dun labrego retranqueiro, ao mesmo tempo que denuncia as condicións de penuria económica e social da clase labrega. Trece edicións do libro saíron do prelo en vida do autor, situándoo moi lonxe de calquera outra obra da súa época.

Finado o 4 de setembro de 1906 en Ourense, foi soterrado no cemiterio de San Francisco da mesma cidade.

Víctor Freixanes sobre Lamas Carvajal.

Obra

Poesía

- Flores de ayer: poesías. Santiago: Tip. Jesús Tomás Rey, 1871.
- Espiñas, follas e frores (Ramiño primeiro). Ourense: [s.n.], 1875.
- Espiñas, follas e frores (Ramiño segundo). Ourense: Imp. d'a Propaganda Gallega, 1876.
- Espiñas, follas e frores: colección de versiños gallegos. Madrid: Imp. de M. Tello, 1877. [Contén Ramiño primeiro e Ramiño segundo]
- Desde la reja. Cantos de un loco. Colección de versos. Ourense: Imp. d'a Propaganda Gallega, 1878.
- A musa das aldeas. Coleución de versos gallegos. Ourense: El Eco, 1890.
- Mostacilla: versos humorísticos. Ourense: El Eco, 1897.
- Poesías. A Coruña: 1925.
- Saudades Gallegas. Ourense: La Región, 1927.
- Obras completas. Ourense: La Región, 1927.

Narrativa

- Caras ós gallegos. Ourense: Imp. José M. Ramos, 1875.
- Gallegada: tradiciós, costumes, tipos e contos d'a terriña. Ourense: Imp. d'O Eco d'Ourense, 1887.
- Catecismo da doutrina labrega. Ourense: Imp. de A. Otero, 1888.

Sobre o autor e a súa obra

- BLANCO AMOR, E. (ed.)
Antoloxía: verso e prosa. Bos Aires: As Burgas, 1950.
- CARVALHO CALERO, R. (ed.)
Lembranza de Valentín Lamas Carvajal no Día das Letras Galegas. Santiago de Compostela: Universidade, 1972.
- CONSELLERÍA DE CULTURA (ed.)
Xornadas sobre V. Lamas Carvajal: actas das xornadas realizadas pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Ourense os días 21 e 22 de outubro de 1999. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2001.
- GARCÍA NEGRO, P. (ed.)
Obra literaria e xornalística: antoloxía. Vigo: Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 1996.
- LÓPEZ AYDILLO, E. e PALACIOS, J. (ed.)
Lamas Carvajal: estudio biográfico y crítico, con una selección de sus mejores composiciones. Madrid: Editorial Paez, 1925.
- PONTE FAR, J. A. (dir.)
Valentín Lamas Carvajal. A Coruña: La Voz de Galicia, 2010.