A RAG celebra o Día Europeo das Linguas cun novo galardón ás iniciativas que promoven o galego na infancia

O bo facer da comunidade educativa do Colexio de Educación Infantil e Primaria Milladoiro de Malpica de Bergantiños inaugura o Premio Na lingua que eu falo. A Real Academia Galega pon en marcha este certame co propósito de recoñecer persoas, proxectos, iniciativas ou experiencias que, ben no ámbito escolar ben noutros espazos, destaquen polo seu traballo a prol da normalización lingüística na infancia, semente de futuro da lingua, do país. A resolución da primeira edición anúnciase cadrando coa celebración, este venres 26 de setembro, do Día Europeo das Linguas, ocasión que a institución aproveita para pedir unha vez máis un maior compromiso, desde a UE e desde Galicia, coa defensa do idioma propio.

Alumnado do CEIP Milladoiro durante unha actividade o pasado curso

“O Día Europeo das Linguas é unha celebración da diversidade que implica rexeitar o sentido negativo do mito bíblico de Babel e substituílo pola visión das linguas coma un don”, defende a coordinadora do Seminario de Sociolingüística da RAG, María López Sández, parafraseando o semiólogo Umberto Eco. “En Galicia, defender a diversidade lingüística significa vivir e expresarse na nosa lingua. É un acto de autoestima e de responsabilidade cultural, mais tamén un xesto de solidariedade co conxunto das linguas do mundo. Nós tamén temos unha voz propia neste Día Europeo das Linguas”, engade a académica de número nesta tribuna publicada co gallo da conmemoración. “O 26 de setembro convídanos a reclamar un maior compromiso europeo coa súa diversidade, que se faga visible nas institucións e nas políticas públicas. Logo de trinta e tres anos da aprobación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, é hora de pedir coherencia entre os principios proclamados e as accións efectivas”, conclúe.

Unha coherencia que pasa irremediablemente, entre outras medidas, por que Europa lle dea dunha vez por todas o visto e prace ao recoñecemento do galego como unha lingua oficial máis no seu seo, concreta o presidente da RAG, Henrique Monteagudo. “Nestes momentos en que se está a tramitar a solicitude do recoñecemento oficial do galego e das demais linguas cooficiais do Estado español en Bruxelas, esta conmemoración é unha boa ocasión para reivindicarmos, unha vez máis, a plena oficialidade da nosa lingua en todas as institucións europeas, nomeadamente a Unión Europea  e o Consello de Europa.”, apunta.

Un recoñecemento á transmisión interxeracional
O Premio Na lingua que eu falo nace ao abeiro de Primavera das Letras, o proxecto web da Academia dirixido ao público infantil, que desenvolve desde 2016 co apoio da Deputación da Coruña. O galardón toma o seu nome dun verso da obra fundacional das letras galegas contemporáneas, os Cantares gallegos de Rosalía de Castro, que resalta a importancia que ten en concreto, dentro dese vivir e expresarse na nosa lingua, a práctica oral do galego entre as novas xeracións, protagonistas do futuro deste don colectivo. A escolla reflicte así o empeño da RAG en animar as familias á súa transmisión interxeracional, e mais a súa defensa dun maior amparo a todas aquelas medidas que, dentro e fóra da escola, contribúan ao mesmo obxectivo. Medidas dirixidas á infancia e á mocidade galegofalante, para que o sistema educativo non promova o abandono do idioma propio e este siga  a ser a súa lingua de uso habitual en todos os contextos ; e medidas que teñan en conta tamén a quen ten como lingua inicial o castelán, ou outro idioma do seu país de orixe, para que faga igualmente seu o galego.

A concesión do I Premio Na lingua que eu falo ao CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños é, nesta liña, “un galardón, en primeiro lugar, ao bo facer do profesorado”, salienta o presidente da Academia, Henrique Monteagudo, no anuncio remitido ao centro. “E tamén é un premio ao conxunto da súa comunidade educativa, rapaces e rapazas, nais, pais, avós e avoas e persoal dos servizos complementarios da escola”, prosegue. “Este colexio actúa ademais nesta ocasión como representante dunha comarca, a de Bergantiños, que serve a toda a sociedade galega de espello no que se mirar. Terra orgullosa da nosa fala onde atopamos os mellores datos de transmisión interxeracional do idioma, do tesouro que conservaron e nos transmitiron as cantareiras ás que este ano a Academia, e Galicia enteira, quixemos renderlles homenaxe co gallo do Día das Letras Galegas”, valora así mesmo o presidente da RAG.

“Con este premio queremos proxectar a lingua cara ao futuro, reforzando os seus piares entre a xente miúda e recoñecendo, nesta primeira edición, o exemplo intelixente do CEIP Milladoiro, onde o galego se aprende, se usa e se ama, sen prexuízos nin complexos”, abunda a académica de número Fina Casalderrey, responsable do proxecto Primavera das Letras que lle dá acubillo. “Os nenos e nenas de Malpica demostran en todo o que fan que o galego é útil, unha ferramenta creativa para hoxe e para o futuro”, valora. 

Múltiples iniciativas arredor dun patrimonio común
Conscientes do labor importante que desempeña e a grande influencia sobre a vida dos máis de 140 nenos e nenas que atende, o profesorado do CEIP Milladoiro traballa para deseñar un ambiente de aprendizaxe que convide a soñar, a ilusionarse, a que os alumnos e alumnas confíen en si mesmos e desenvolvan un pensamento crítico, empático e creativo. Un futuro no que a identidade lingüística sexa unha realidade en todos os contextos, resúmese desde o colexio. “A nosa idea foi sempre que os pequenos e pequenas aprendan a valorar o noso rico patrimonio inmaterial e material, creando conciencia da necesidade da súa protección e conservación, que estean orgullosos e orgullosas do noso, hoxe e sempre”, expón Fátima Romero Olveira, responsable do equipo de biblioteca escolar-dinamización da lingua (BE-DL) do colexio malpicán, do que tamén forma parte Sandra Cao Álvarez, que ocupou a xefatura de estudos durante catro cursos e foi directora cinco máis, ata o pasado mes de xullo.

A nova directora, Ana Seoane Cives, reivindica o legado que herda con ilusión e co compromiso de seguir a traballar para que o CEIP Milladoiro continúe sendo un referente en materia de normalización lingüística, coa colaboración de toda a comunidade educativa. “No noso centro o galego é patrimonio común: usándoo e respectándoo, fortalecemos a nosa identidade e a nosa cultura”, expresa.

Fina Casalderrey, mestra xubilada, valora especialmente as actividades que o CEIP Milladoiro desenvolve desde hai anos coa competencia oral en galego na cerna. É o caso, entre outras, daquelas enmarcadas na programación da radio escolar, Radio Balea; o DichoLeo, un proxecto centrado na alfabetización audiovisual na que o alumnado grava pequenas pezas coas que traballa nas interferencias lingüísticas e amplían e melloran o vocabulario galego; o Galicómic, unha proposta na que cada aula crea a súa propia banda deseñada; ou libros de produción propia como o Dicionario mariñeiro ou o Dicionario malpicán, nos que tamén se lle dá o protagonismo á rapazada da man das súas familias. Fina Casalderrey aplaude asemade outras propostas como E ti, de quen vés sendo?, na que todo o alumnado participou na confección dun xogo de mesa con preguntas arredor de Malpica de Bergantiños, no marco do proxecto documental integrado Patrimonio In-Material!

Primavera das Letras, unha ponte entre a RAG e as escolas
Co Premio Na lingua que eu falo a Real Academia Galega dá un paso máis no desenvolvemento do proxecto Primavera das Letras, que naceu como unha ponte entra a institución e as escolas para fornecelas de recursos lúdicos e didácticos arredor da celebración do Día das Letras Galegas e a lingua do país, lembra Fina Casalderrey. Nos últimos anos este marco ofreceu na Rede actividades interactivas e contos sobre as figuras protagonistas do 17 de maio asinados Ledicia Costas, Eva Mejuto, Ana María Fernández, Xoán Babarro e Paula Carballeira, con Blanca Millán, Lucía Cobo, Óscar Villán e Nuria Díaz na parte ilustrada.

Primavera das Letras é ademais o proxecto que fixo posible a primeira curtametraxe de ficción da RAG, A orixe da nosa lingua guapa, unha idea orixinal de Casalderrey, unha das voces máis destacadas da literatura infantil e xuvenil contemporánea.