O 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas. É unha celebración da diversidade que implica rexeitar o sentido negativo do mito bíblico de Babel e substituílo pola visión das linguas coma un don. Dicía Umberto Eco que Babel non é a ferida que debemos sandar, senón o don último que cómpre reconquistar.
O sociolingüista Calvet empregou unha iluminadora metáfora astronómica para explicar o funcionamento social das xerarquías lingüísticas: a teoría gravitacional. Segundo ela, hai unha lingua hipercentral –o inglés a día de hoxe– arredor da cal pivotan outras linguas centrais –español, chinés, árabe, francés…– e, arredor destas, outras que actúan coma satélites. E cando engadimos novas linguas ao noso repertorio, adoitamos facelo indo cara ao centro do sistema. Como resultado desta forza centrípeta, que actúa con brutal forza neste século, estímase que en 2100 aproximadamente a metade das 7000 linguas do mundo terán desaparecido.
Algunhas linguas xa contan apenas con ducias ou centos de falantes. A destrución de hábitats e modos de vida implica tamén a desaparición de comunidades, culturas e linguas. Con elas pérdense maneiras únicas de percibir e expresar o mundo. Para documentar e preservar esa diversidade xurdiu o Arquivo das Linguas en Perigo de Extinción (ELAR), que tenta conservar a memoria de prácticas como as narracións debuxadas na area polos aborixes australianos ou as linguas evidenciais, que marcan gramaticalmente se aquilo que contamos é vivido ou transmitido por outros. Desde a perspectiva limitada de poucas linguas dominantes, non é imposible comprender plenamente a complexidade da linguaxe humana nin achegarnos con rigor á procura dos seus universais.
En Galicia, defender a diversidade lingüística significa vivir e expresarse na nosa lingua. É un acto de autoestima e de responsabilidade cultural, mais tamén un xesto de solidariedade co conxunto das linguas do mundo. Nós tamén temos unha voz propia neste Día Europeo das Linguas. O 26 de setembro convídanos a reclamar un maior compromiso europeo coa súa diversidade, que se faga visible nas institucións e nas políticas públicas. Logo de 33 anos da aprobación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, é hora de pedir coherencia entre os principios proclamados e as accións efectivas.