A capital das Letras Galegas 2022 prepárase dende hai tempo para a gran festa do 17 de maio cunha serie de actividades que se intensifican estes días. Un serán poético, rutas por Córgomo para o alumnado das escolas da comarca, concertos e contacontos son algunhas das actividades interxeracionais que está a desenvolver estes días en Vilamartín de Valdeorras e outros concellos da comarca a asociación As Letras de Florencio, composta por distintos colectivos, os municipios da zona e a Deputación de Ourense, que uniron esforzos hai anos para visibilizar o legado do seu poeta e reivindicar para el o Día das Letras Galegas.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e outros membros da institución participarán dende esta tarde en Valdeorras na programación especial da véspera do gran día das Letras Galegas, que contará tamén coa presenza de Carmiña Maruxa e Celia Delgado, fillas de Florencio Delgado Gurriarán, e netos do autor, que aterraron a pasada fin de semana en Galicia, procedentes de México e dos Estados Unidos, para unírense ás celebracións. Os demais membros da RAG chegarán mañá a Valdeorras, parte deles a bordo do autobús co nome do homenaxeado que Monbús fretará ata a súa terra.
De Valdeorras ao exilio mexicano
A RAG celebrará o pleno extraordinario na Aira dos Bolos, un espazo cargado de simbolismo, lugar de encontro dos corgomeses para xogaren aos birlos, como retratou nos seus versos Florencio. Pero dende Valdeorras a Academia viaxará tamén a México, onde chegou en 1939 como exiliado a bordo do Ipanema, un dos chamados buques da liberdade. Coas Letras dedicadas á súa figura, a Academia lembra tamén, por primeira vez nun 17 de maio, o papel da diáspora naquel país, un dos eixes do discurso do historiador Ramón Villares, que abrirá a quenda de intervencións académicas sobre o homenaxeado.
O poeta valdeorrés recoñecía no seu discurso de recepción na Academia como membro correspondente (1981) -recuperado pola institución nunha edición especial- que na posguerra Buenos Aires era a capital cultural de Galicia, pero reivindicaba tamén o papel dos homes e mulleres que, coma el, contribuíron dende México a “escorrentar as tebras culturais”. Os medios de comunicación foron para eles unha ferramenta fundamental. Dende a radio ata revistas como Saudade e Vieiros, que Florencio codirixiu co cineasta Carlos Velo e Luís Soto, e que constitúe un episodio destacado da cultura galega durante a ditadura que neste 2022 cómpre tamén visibilizar.
A sesión plenaria continuará coa intervención da directora da Sección de Lingua da RAG, Rosario Álvarez, que afondará na contribución de Delgado Gurriarán á construción dun modelo de galego supradialectal escrito moderno. Da parte literaria ocuparase Xesús Alonso Montero, que xunto a Carlos Casares foi o primeiro académico en reivindicar un Día das Letras Galegas para Delgado Gurriarán a comezos deste século.
Serie documental
Alén da sesión plenaria, a Real Academia Galega está a celebrar as Letras Galegas de Florencio con intensidade na Rede. A semana pasada estreou na súa canle de YouTube o quinto e derradeiro capítulo da serie web documental Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda. A narración audiovisual arrinca no capítulo 1 co retrato máis próximo e íntimo dun home conciliador e amigo do baile e da música. O episodio 2 conta a súa entrada en contacto co galeguismo organizado e a súa participación na resistencia republicana, escribindo en páxinas como as de Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos, onde viron a luz, entre outros, os seus versos satíricos sobre o golpista Francisco Franco; ou implicándose nos labores de evacuación cara ao exilio de compatriotas. O 3 profunda nos anos no exilio mexicano e o seu papel como activista cultural da diáspora galeguista, o episodio 4 repasa os distintos perfís da poesía que cultivou e o capítulo 5 detense na súa relación coa lingua galega.
Micropezas e a Primavera das Letras para a infancia
A RAG está ademais a producir a serie de micropezas audiovisuais Polos vieiros de Florencio, que reúne voces de distintos ámbitos para ofrecer diversas olladas á figura do autor e á súa obra; difunde a través das redes sociais contidos como Palabras de Florencio, onde une a divulgación da poesía do homenaxeado coa difusión do léxico galego; e, xa para o público máis novo, está a convocar a comunidade escolar arredor de Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), unha páxina web na que se pode descargar a biografía de Florencio dirixida ao público infantil que asina Ledicia Costas e ilustra Blanca Millán.
Primavera das Letras ofrece ademais fichas para colorear a vida do Florencio neno creado pola escritora e a ilustradora, actividades interactivas e vídeos con homenaxes ao poeta de alumnado da comarca de Valdeorras.
Novas edicións e un simposio
A Real Academia Galega publicará proximamente unha edición galega, ao coidado e anotada por Ricardo Gurriarán, da entrevista de Dolores Pla a Florencio Delgado Gurriarán, unha longa conversa mantida na cidade mexicana de Guadalajara no ano 1979 e conservada polo Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México no marco do proxecto de historia oral dos refuxiados españois. O historiador, biógrafo e sobriño do homenaxeado, tamén se fará cargo dun volume que recollerá correspondencia de Delgado Gurriarán con persoeiros da cultura galega.
Xa no outono, como é costume, a institución reunirá voces especialistas no simposio académico dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. Tras o verán tamén se resolverá o concurso escolar Primavera das Letras.