Letras Galegas 2022
Florencio Delgado Gurriarán
Por Ricardo Gurriarán
«Díme o amigo Esturau que lle falaches por teléfono para invitarnos ó xantar que ides celebrar coa emposta do Día de Galiza. Dóuvolas gracias a ti máis aos irmáns de México DF e sinto non poder estar con vosoutros en data tan esgrevia. Sinto tamén que, por causas nas que non quero profundar, haxa dúas celebracións do noso Día... A realidade é que, coma sempre, nós, que levamos o nome de irmáns, seguimos desvencellados o mesmo que un feixe sen biorta. E todo por falla de comunicación regular. Insisto na miña teima de sempre. Escribide, comunicade con tempo as cousas; non vos limitedes a falar dos vosos probremas aproveitando as miñas, ou vosas viaxes; contestade cando eu vos escribo [...] Mentiría se dixera que non me preocupa o voso silenzo. Ogallá que, de hoxe en vante, perdades isa nugalla creoula que vos caraiteriza e procedades como galegos espilidos e traballadores, que vos sodes. Tamén quixera que para o ano 64, se non estamos xa na Terra (¡queirao Deus!) ou debaixo dela (¡non o queira Deus!), se celebrara un verdadeiro DÍA DE GALIZA coa xuntanza de tódolos galegos, mesmo vellos residentes. E prégovos que non vexades nisto unha refuga á dupricidade de xantares diste ano (vosos motivos teredes), senón a expresión dun sincero desexo para o porvir».
(Carta de FDG, desde Guadalajara, ao irmán galeguista Horacio Casas, en México DF; 24 de xullo de 1963).
Florencio Manuel nace en Córgomo, Concello de Vilamartín de Valdeorras, en agosto de 1903, no seo dunha familia valdeorresa abastada. Súa nai Consuelo Gurriarán Díaz proviña de ferróns vasco-navarros con dedicación á vitivinicultura e aos labores ferreiros nas bocarribeiras do Sil e do Leira desde a Idade Media. Pola póla de seu pai, seu avó Constantino Delgado Gurriarán era agrimensor e propietario de terras. O pai de FDG, tamén Florencio, que era perito agrónomo, obrigou a familia a continuos traslados, desde que «Florenciño» tiña seis anos: Ourense, Palencia e Valladolid. Nesta última cidade comeza estudos universitarios de dereito. Alá espertou cara ao «protonacionalismo» ao ler o xornal A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala. Estamos a falar do treito temporal entre 1918 e 1924. Anteriormente lera a Rosalía, Curros e Cabanillas na biblioteca familiar de Córgomo, onde tan só acudía os veráns. Estas lecturas espertaran a súa vocación poética.
No ano 1928 retorna a Valdeorras, cando seu pai asentara na Coruña. Entre lecturas de clásicos galegos e franceses, paseos e reflexións, FDG buscou conseguir un sitio na profesión a través da preparación de oposicións para Rexistros, cousa que xamais acadou. Nesta volta comeza a súa obra poética e vai ver a luz en diferentes xornais e revistas como Heraldo de Galicia, A Nosa Terra... Tamén participa nas estruturas asociativas de Córgomo: organizaba festas, promovía actividades culturais...; e levaba preitos dos veciños, pois traballaba de pasante nun bufete do Barco.
FDG comezaría a actividade política organizada unha vez que o galeguismo cultural mudara cara á acción política, por medio das Irmandades. Daquela botou a andar a Irmandade Galeguista Valdeorresa, da que FDG formaba parte como representante de Córgomo. Naquel 1930 tamén comezaría a celebrarse en Valdeorras a «Diada de Galiza», como festexo nacionalista, e editaron un manifesto en defensa da lingua. A Irmandade Galeguista Valdeorresa, mantén un contacto directo co nacionalismo ourensán e Otero Pedrayo, quen visitou Valdeorras en varias ocasións desde 1931. O propio FDG significa que eran preto de 60 ou 70 os galeguistas que había daquela na Irmandade, segundo manifesta na imprescindible entrevista que lle fixera Dolores Pla (México, 1979).
Naquel final de 1931, xa tiña escrito poemas de interese sociolingüístico e político, mais algún traballo en prosa coa agulla crítica posta na política caciquil e centralista
FDG enviara unha nota de adhesión á Asemblea Galeguista de Pontevedra, na que xurdiría o Partido Galeguista (PG). Naquel final de 1931, xa tiña escrito poemas de interese sociolingüístico e político, mais algún traballo en prosa coa agulla crítica posta na política caciquil e centralista, e avogando por «unha Confederación Ibérica dentro da Confederación Europea». A loita que por medio da pluma levou a cabo FDG foi unha constante en todo o período republicano: unha manchea de poemas publicados. Logo dun ano en Madrid para preparar as nunca consumadas oposicións, retorna a Valdeorras. Á volta, afíliase ao PG, logo da derrota gobernamental nas eleccións de novembro de 1933, que deixara o partido sen presenza parlamentaria. Os galeguistas valdeorreses participaran activamente na campaña.
FDG acode á asemblea anual do PG en Ourense, en 1934. Neste escenario, onde coñece a Castelao, comezan as disensións no partido entre esquerdas e dereitas. Os valdeorreses asumen a liña de esquerdas que abandeiraba Castelao. Sería esta unha etapa de expansión do partido en Valdeorras. Logo dos acontecementos de outubro en Asturias, Castelao e Bóveda foron desterrados fóra de Galicia. FDG e outros galeguistas valdeorreses acompañaron os represaliados no tren que viaxaban, desde Monforte ata o Barco. Logo, con motivo das penas de morte impostas, encetaríase en Valdeorras unha campaña de recollida de sinaturas pedindo o indulto.
Nese 1934, chega o primeiro éxito literario de FDG coa publicación da súa escolma de poesías Bebedeira, editado por Nós, con portada de Castro Arines, discípulo de Castelao e galeguista. Flora, cromática da paisaxe valdeorresa, castiñeiros, vento, noite, amoríos, cepeiras, lúa, paxaros, moceo, viño, cores estacionais... en conversa permanente, ligados cun ritmo e unha rima especial, cheos dunha paixón embriagadora, coma o seu título, de musicalidade achandadora, fondamente sensual, difícil de catalogar dentro dos tradicionais codificadores ismos da vangarda poética. Tivo unha notable acollida da crítica. Carballo Calero, Otero Pedrayo, Xohán L. Ramos e Antón Vilar Ponte deixaron positivas palabras do poemario.
Ata o golpe de Estado de 1936, publicacións galegas e bonaerenses recolleron poemas de FDG en defensa da lingua e a terra. Deseguida, as atrocidades dos primeiros momentos do golpe aconsellaron agacharse, pois a proximidade da campaña do Estatuto e a mobilización do primeiro de maio delataban os que despois sería perseguido. FDG andou dun lado para outro. En outubro puido pasar A Raia por Tourém. Despois de pasar tempo en Porto, foi de polisón nun barco noruegués ata Bordeos, debaixo dunha cama. Logo foi a París, ata que, a comezos de 1938, pasou a Barcelona. Alá alístase no Exército, na Subsecretaría de Armamento. Ao pouco, xa como tenente, entra no Servizo de Información Periférico, dependente do Estado Maior, onde coñece a Guerra da Cal e a Líster, e se reencontra con Castelao, Santiago Álvarez e outros valdeorreses. No ámbito político, FDG entra na Executiva do PG, como Secretario de Propaganda; e colabora en Nueva Galicia con poemas de combate, baixo o pseudónimo Nadel, que en alemán significa “agulla”. En ocasións foi á fronte do Ebro, mais deseguida cambiaron os cometidos, cando comezaba a se osmar o desenlace final da guerra. Primeiramente deseñaron unha operación de rescate dos que resistían en zonas ocupadas, a través de Portugal; logo outra, para preparar o exilio dos galegos con destino a América. Para este labor creouse un comité de representación política de galegos, a Solidaridad Gallega Antifascista, que actuaba en coordinación co Frente Popular Antifascista Gallego (1937), liderado por Ramón Mosteiro. Esta sección das Sociedades Hispanas Confederadas (SCH) enviara líderes políticos a New York, como Osorio-Tafall, Castelao e Soto en 1938, e logo a Guerra da Cal, Suárez Picallo, Marcial Fernández, Ramón Martínez López e Emilio González López, en 1939, co fin de recoller cartos en actos de propaganda a favor da República entre as asociacións da emigración en EEUU.
FDG, entre outros poucos galegos, principiando 1939, pasou a Francia con pasaporte republicano, visado polo goberno francés, o que lle permitiu mobilidade para preparar a evacuación ante a inminente derrota do Exército republicano. Alá, entre París e a franxa sur, con Valenzuela, que tamén pertencía ao Servizo de Información Periférico, Pla e Ramiro Isla, en coordinación cos organismos citados, sacaron galegos dos campos de concentración do sur de Francia. Finalmente, entre outras axudas, as SHC financiaron o Ipanema, barco onde moitos galegos puideron recalar en Veracruz o día de San Fermín, con FDG entre os mil pasaxeiros.
Xa en México, FDG traballou un tempo de organizador de explotacións agrarias colectivas, como delegado do SERE en Toluca. Despois, xa na capital, pasou por múltiples ocupacións. Canto ao labor político, o primeiro sexenio foi moi pródigo. Os galeguistas, no plano asociativo e político, crearon o Ateneo de Galicia, o Fogar Galego e a Irmandade Galeguista; no ámbito publicístico, puxeron en marcha o grupo Saudade (1942), coa edición de cinco exemplares da revista homónima, cunha nova incursión na poética de FDG: o emprego de verbas da lingua «náhuatl» en diálogo co galego (fusión?), o que el denominaría poesía «crioula» ou poemas mexicanos. En 1943, cun fondo significado político, destaca a saída do prelo do Cancioneiro de loita galega, baixo a responsabilidade do PG e o coidado editorial de FDG. Un mollo de poemas homenaxeando os galeguistas asasinados pola barbarie franquista. En 1946, FDG preséntase a un concurso de traducións de poemas ingleses e franceses ao galego, organizado pola Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires. Gaña o certame xunto a Luís Tobío e Plácido R. Castro, e van ver publicados os seus poemas en 1949. Tamén no plano da unidade política significamos a constitución da Alianza Nazonal-Galega (1943) e o seu órgano de expresión Galicia. Nesta iniciativa estaban o PG e todos os partidos estatais con presenza en Galicia.
Foi unha figura integradora e unitaria dentro do corpo activo do exilio, sen perder a identidade galeguista, ao tempo de servir de ponte co interior
Con Xohán López Durá, FDG negociou, redactou e asinou o pacto Galeuzca (1944), en nome do PG, pouco antes de poñerse a trámite o Estatuto de Galicia nas Cortes españolas celebradas na Praza do Zócalo de México DF, en 1945. Naquel 1944 casou con Celia, filla de emigrantes galegos. Tamén foi delegado do Consello de Galiza de México e participou nas reunións previas á sesión parlamentaria citada. Logo de estabilizarse laboralmente como representante de medicamentos, FDG pasou a residir en Guadalajara (Nueva Galicia, Jalisco) en 1951. Salientamos o papel de FDG como figura integradora e unitaria dentro do corpo activo do exilio, sen perder a identidade galeguista, ao tempo de servir de ponte co interior. Neste sentido foi importante o seu interese para abrir as publicacións a colaboradores externos e para que fosen máis alá do ámbito literario, cunha teima especial pola pureza e a unificación lingüística.
Desde a súa forzada marcha, o primeiro traballo publicado en Galicia foi o poema «Bocarribeira valdeorresa», que aparece na revista Peña Trevinca-Montañeros de Galicia, en 1948. Nos anos cincuenta puxeron a andar o Padroado da Cultura Galega (1953). Unha entidade que xorde «co gallo d-afincar a irmandade dos galegos», e berce da revista Vieiros (1959), exemplo de edición, codirixida por FDG, entre outras iniciativas literarias e radiofónicas. Neste tempo, desde Guadalajara dirixe unha segunda andaina da revista Saudade e ten contacto directo cos galegos da capital: «Todos nós, de moi diversos matices políticos e sociais dentro do campo republicán; todos, liberais, ou marxistas, tiñamos un denominador común: o amor a Galicia, ao galego, e arelabamos a autodeterminación para o povo galego». Mais tamén ten relación epistolar con Francisco del Riego, quen o introduce nos tratados literarios que agroman daquela e os seus poemas recobran visibilidade en xornais e revistas galegas. Froito do contacto con Galaxia, edita o seu segundo poemario, Galicia infinda (1963). Como acontece en Galicia nese tempo, no galeguismo do exilio afloran desavinzas políticas e chegan as divisións. FDG avoga polos principios do PG e por celebrar as Letras Galegas no exilio. Segundo Elixio Rodríguez: «Florencio era un tipo moi especial no sentido de que todo o mundo o quería e non tiña roces con ninguén, ás veces enfadábase un pouco cos comunistas, porque os comunistas eran moi aborazados, tiñamos un proxecto de algo e os comunistas sempre querían a auga ao seu rego».
Daquela comeza a pensar no retorno ao país, logo de verse pechada a súa causa política en 1959. Sen agachar a cabeza, tres veces veu a Valdeorras: en 1968, 1976 e 1981. Para ver os seus maiores a primeira, logo de trinta e dous anos de exilio; a segunda para contemplar como era o escenario posfranquista e albiscar as posibilidades de revitalizar o vello PG, logo de visitar aquí os seus principais «axentes»; na última quixo contemplar a publicación compilada dos seus poemas de loita e combate, que xa tardaban; marchou para non volver, cunha doenza cardíaca. As cousas do destino: estivo hospitalizado na Residencia Francisco Franco. Polo medio, o seu correlixionario no tempo atrás, Xosé Gayoso, foi quen de introducilo na sociedade valdeorresa e galega como exiliado e poeta, coa axuda de Paz Andrade. Foi nomeado académico correspondente na RAG, pregoeiro na capital valdeorresa e membro de mérito do Instituto de Estudos Valdeorreses. Publicou Cantarenas (1981) baixo o patrocinio do IEV e Isaac Díaz Pardo. Este último, foi tamén quen pulou por O soño do guieiro (1986), derradeira obra deste poeta valdeorrés, republicano e galeguista, non sen problemas de edición coa «censura». A súa «manda testamentaria» quedou plasmada no artigo que fixo para o Congreso de Castelao de 1986, ao que non puido concorrer. Faleceu en Fair Oaks (California) o 14 e maio de 1987.
Este poeta moderno, bailón, «musiqueiro», cantador de tangos, fados, milongas, rancheiras, repeniqueador, namoreiro... e sobre todo sensible e agradecido, sendo republicano, matárono as coronarias. Naquela primavera que se foi, levou no peto un itinerario vital de compromiso coa terra, preñado de ética e dignidade persoal.
Ricardo Gurriarán
Xaneiro de 2022