Arquivo

A illa de Toralla e a salga

De todos é ben sabido que un dos avances industriais nas costas galegas se produciu grazas á chegada dos empresarios cataláns e ao xurdimento das industrias conserveiras. Un negocio que eles impulsaron, xunto coas novas técnicas de pesca, a finais do século XVIII, e que segue sendo lucrativo aínda a día de hoxe.

O que xa non se coñece tanto é que eles non foron os primeiros. Xa moito antes, durante os séculos III e IV, os romanos fundaron “villae” relacionadas coa salga entre outros mesteres. Un dos casos máis conspicuos que temos disto, sustentado polos restos arqueolóxicos e as fontes documentais, atopámolo na Illa de Toralla , na ría de Vigo, onde grazas ao substrato podemos seguir a evolución e a ocupación que tivo este pequeno recuncho das nosas costas.

Illa de Toralla

O rexistro fáctico dános o punto de partida: comezou albergando un castro prerromano, datado na idade de ferro, que contén evidencias de comercio con outros pobos do Mediterráneo, para logo no século I, xa despois da conquista da Gallaecia por parte de Roma, acoller unha necrópole dos mesmos habitantes da illa.

Durante os séculos III e IV d.c instaurouse unha “villa”. Estas “villae” eran conxuntos de construcións axeitadas para vivenda e para labores agropecuarios. Nuns termos de 30 persoas, podían variar de tamaño e de recursos. No caso de Toralla, era unha das máis modestas destas construcións típicas de Roma para o mundo rural, que desenvolvía tarefas de salga e peixería, entre outras.

Coa desintegración do imperio e a aparición das sucesivas invasións dos pobos normandos, a illa vería interrompida a súa actividade económica.

Os seguintes datos que temos son os da titularidade dela por parte do mosteiro de Celanova, pertencente ao Bispado de Tui, que a sustentou ata o ano 1836, data en que a desamortización de Mendizábal permitiu que a illa fose mercada por Francisco Javier Martínez Enríquez, Marqués de Valladares. Á morte do Marqués foi alugada, en 1882, pola súa sobriña Dolores Elduayen Martínez a Enrique Lameiro, industrial relacionado coa salgadura, quen anos máis tarde a mercaría.

Lameiro monta unha fábrica de salga de peixes (sendo a primeira construción moderna na illa, dende os romanos).

Curiosamente, xusto en fronte da praia de Canido atopábase a fábrica de “Cordelería Ibérica de Toralla”, tamén promovida por cataláns e na que participaba como investidor Eugenio Montero Ríos, académico correspondente da Real Academia Galega.

Así pois, tiveron que pasar quince séculos para que a illa retomase unha das súas actividades económicas orixinais. Mais a actividade non durou moito, xa que rematou no ano 1910 coa venda da illa por parte de Lameiro ao indiano Martín Echegaray, que establecería unha residencia estival no lugar da fábrica, concluíndo así definitivamente a actividade industrial nela.

Illa de Toralla