Á ofrenda floral asistiron tamén o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo Ansorena; e Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, institución na que Carvalho Calero se converteu en 1972 no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega en Galicia, sete anos despois de inaugurar as clases de galego na daquela única universidade de Galicia. A homenaxe rematou coa interpretación do Himno Galego coa compaña de Susana Seivane á gaita.
A xeración Halley
Noutra situación, a RAG estaría hoxe na cidade de Ferrol, cidade natal de Carvalho Calero, celebrando na súa lembranza o tradicional acto académico do 17 de maio, recordou Víctor F. Freixanes. "Mais os tempos e as circunstancias obrígannos a actuacións extraordinarias. Agardemos que, con máis acougo, poidamos celebrar o noso pleno extraordinario o 31 de outono próximo, coincidindo co 110 aniversario de don Ricardo, que naceu o mesmo ano en que apareceu no ceo o cometa Halley", expresou en referencia a un dos poemas do escritor, filólogo e profesor, "Halley: 1910-1987".
O presidente tamén tivo palabras de afecto para as fillas de don Ricardo, Margarita e María Victoria Carballo-Calero, que non puideron acudir ao acto por mor das restricións á circulación interprovincial vixentes.
Pero o 17 de maio é sempre "un día especial", a "data simbólica do noso Rexurdimento, da nosa identidade nacional, do noso idioma, no que deprendemos os nomes primeiros das cousas e que nos instala entre as culturas do mundo", salientou o presidente da Academia. A institución instaurou o Día das Letras Galegas o 17 de maio de 1963 cadrando co centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Aquela primeira celebración tivo lugar en Santiago de Compostela, no pazo de Fonseca da USC, e contou coa participación do propio Carvalho Calero, cun discurso dedicado á poeta que tanto estudou como crítico literario.
Tras as palabras do presidente, a académica Margarita Ledo deulle voz a outro poema no que Carvalho Calero volveu recorrer ao cometa Halley para trazar un retrato da súa xeración, o dedicado ao seu "irmán" Álvaro Cunqueiro en 1980, o mesmo ano en que o catedrático lle deu a benvida ao escritor de Mondoñedo na USC como doutor honoris causa. "O primeiro aeroplano ensaiaba o seu voo, ti ja o dixeches, / namentres nós nacíamos. / E o cometa Halley brillaba no ceu, / e Tolstoy se apagaba cando nós nacémos (...). A princípios de século nacémos, / a fins de século morrémos. / Ti e máis eu fomos, verdadeiramente, / fillos do noso século".
Tributo na Rede
Dado o contexto extraordinario deste 17 de maio, a Real Academia Galega reforzou nas últimas semanas a oferta de contidos dixitais arredor da vida e da obra de Ricardo Carvalho Calero e anima a toda a sociedade galega a celebrar o día grande da lingua e da cultura galegas aproveitando ao máximo as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da comunicación.
A institución agarda poder retomar as celebracións presenciais do Ano Carvalho Calero á volta do verán. O pleno extraordinario do Día das Letras Galegas foi reprogramado para o 31 de outubro, cadrando co cento dez aniversario de Ricardo Carvalho Calero e agardando que para aquela data as circunstancias sexan máis propicias. A cita mantense no teatro Jofre de Ferrol. Máis adiante será o momento do simposio académico dedicado ao autor, onde se recollerán distintas achegas de carácter científico arredor da figura e do herdo intelectual do homenaxeado. A RAG prevé rematar o ano cunha coidada edición da correspondencia cruzada entre Carvalho Calero e Ramón Otero Pedrayo, realizada en colaboración co Parlamento de Galicia, a Fundación Penzol e a Fundación Otero Pedrayo. Son en total máis de 180 cartas editadas e anotadas por Patricia Arias Chachero e Adrián Estévez, acompañadas dun prólogo de Xesús Alonso Montero.